Xoves 5 Decembro 2024

Pode o microbioma intestinal predicir o cancro colorrectal? Un estudo da UVigo quere sabelo

A Asociación Española Contra o cancro financia con 274.000 euros o proxecto do laboratorio de Filoxenómica que lidera David Posada no CINBIO

Estudar se o microbioma, o conxunto de bacterias e virus presentes neste caso no intestino, “poden axudar a predicir a posibilidade de que unha persoa vaia desenvolver lesións como pólipos ou cancro colorrectal no futuro”. Este é, como sinala o catedrático da Universidade de Vigo David Posada, o obxectivo central do proxecto de investigación que, baixo a súa coordinación, o grupo de investigación en Filoxenómica do Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) da UVigo desenvolverá co financiamento da Asociación Española Contra el Cáncer (AECC). Beneficiario dunha axuda de preto de 274.000 euros, trátase da única investigación seleccionada neste 2021 na provincia de Pontevedra na liña de apoio a proxectos xerais impulsada por esta asociación, que este luns celebrou na sede da Vicerreitoría do campus de Pontevedra o acto de entrega e presentación desta axuda.

“Temos máis bacterias que células humanas no noso corpo e cada vez sabemos máis sobre que teñen un papel fundamental en todo tipo de enfermidades”, salientou Posada na presentación do proxecto que, baixo a súa coordinación, levará a cabo, ao longo dos próximos tres anos, a investigadora posdoutoral Loretta de Chiara, coa colaboración do gastroenterólogo Joaquín Cubiella. Nun acto conducido polo vicerreitor do campus, Jorge Soto, e que contou coas intervencións da presidenta e o vicepresidente da AECC en Pontevedra, Carmen Abeledo e Carlos Sahuquillo; e da deputada provincial de Cohesión Social, Olga María García, Posada deu a coñecer as características deste “proxecto de prevención” que o grupo desenvolverá ao longo dos próximos tres anos. Como apuntou, a investigación Análise do microbioma para o desenvolvemento de biomarcadores non invasivos para o cribado do cancro colorrectal ten como punto de partida o coñecemento existente respecto daasociación entre “a presenza de certo tipo de bacterias” no colon co posterior desenvolvemento desta enfermidade.

Publicidade

O grupo fará un estudo xenómico das feces de 150 pacientes para comprobar o microbioma e atopar posibles marcadores que poidan predicir lesións malignas

A partires desa idea, o grupo que coordina Posada desenvolverá, coa colaboración de Cubiella, un estudo xenómico das mostras de feces de 150 pacientes, co propósito, explicou, de comprobar se a presenza de “bacterias ou microbios específicos poden darnos pistas sobre o que lle pode pasar a esa persoa máis tarde”, sexa tanto a aparición de pólipos, que se definen como “lesións premalignas”, como a propia aparición de cancro colorrectal. Como salienta Posada, este proxecto abre unha nova liña de traballo nas investigacións que o grupo centra nesta enfermidade, “xa que por primeira vez imos estudar o microbioma”, neste caso a partires das mostras destes 150 pacientes, que nalgúns casos xa desenvolveron pólipos, mediante “técnicas do estudo do ADN”. A partires de aí, engadiu, realizarase un seguimento destas persoas “para ver que pasa nos seguintes anos e se teríamos podido predicilo a partir da composición bacteriana e viral”.

Como lembrou Posada neste acto, para a detección precoz deste tipo de cancro realízase un “test de sangue oculta en feces”, que en Galicia se realiza a partires dos 50 anos, Mais, sinalou, esta proba ten unha “sensibilidade limitada”, de tal xeito que, no caso de confirmarse esa relación entre a presenza “de determinado tipo de bacterias e virus” e o xurdimento de pólipos esta investigación contribuiría a “mellorar” este labor de prevención co desenvolvemento dun novo test. De feito, explicou trátase dun proxecto “cunha parte de investigación básica e outra aplicada”, que contempla o desenvolvemento “dun test rápido que ademais non sería invasivo”. Nese senso, Posada recalcou neste acto que “a investigación nunca sabemos a onde nos leva, é unha pregunta, pero se é verdade que esas bacterias e virus poden axudarnos a detectar antes a presenza dun cancro, intentaríamos convertelo nun test que se poida aplicar nos hospitais”.

Publicidade

Nese senso, o investigador do CINBIO puxo de relevo que se trata dun proxecto que trata de “chegar ao paciente”, un dos aspectos que tamén salientaron os responsables da AECC no acto de presentación dunha axuda que Posada recibe “con agradecemento e, sobre todo, con responsabilidade, porque detrás están todas as persoas que realizan doazóns desinteresadas”.

A Vicerreitoría do campus de Pontevedra foi o escenario do acto de entrega dunha axudas ás que a AECC destinou no presente ano cerca de 20 millóns de euros. Neste 2021, a asociación outorgou un total de 186 axudas, catro delas na provincia de Pontevedra; a do proxecto coordinador por Posada e outras tres, de 1200 euros, para a realización de prácticas en laboratorio, das que foron beneficiarias Lara Álvarez e Silvia Aballe, da Universidade de Vigo, e Manuel Pino, da Fundación Biomédica Galicia Sur. “A investigación é clave para sobrevivir ao cancro”, salientou a presidenta provincial da asociación, que lembrou que a AECC xa destinara previamente preto de 80 millóns a máis de 400 proxectos. De feito, un dos proxectos seleccionados na anterior convocatoria foi o impulsado polo tamén investigador do grupo de Filoxenómica Joao Miguel Fernandes Alves, centrado no estudo das características das células tumorais circulantes como ferramentas para a medicina de precisión no cancro colorrectal.

De aí que Jorge Soto puxese o acento no labor “o esforzo que fai a AECC á hora de investir recursos” nun ámbito, o da investigación, no que “traballamos por e para a poboación”, nun acto que se completou cunha mesa redonda na que participaron tamén a directora xeral da Fundación Científica da AECC, Isabel Orbe, e a investigadora do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, xunto co testemuño de Loli Devesa, unha voluntaria da asociación cuxa filla foi vítima desta enfermidade.


Podes ler a noticia do DUVI nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un proxecto galego pioneiro estuda doenzas humanas a través dos ollos da lamprea

Un grupo do CINBIO observa en tempo real a reacción dos antigos vertebrados a estímulos visuais para afondar en como se desenvolven patoloxías como a vertixe

O CINBIO facilita a saída da tecnoloxía cuántica do laboratorio ao mundo real

O centro da UVigo participa no proxecto europeo Artemis para crear novas fontes cuántivas máis versátiles, flexibles e rendibles

Un sistema da UVigo permite a liberación precisa de fármacos contra o cancro

A ferramenta modula de xeito independente a administración da quimioterapia e abre novas vías para o tratamento de tumores

Un equipo da UVigo abre unha nova liña de investigación sobre os sarcomas ultrararos

O grupo CellCOM do CINBIO, liderado por María Mayán, acaba de recibir a primeira bolsa Carolina Cerezo que outorga Asarga