María José Alonso gaña o Premio Nacional de Investigación

A científica da USC, referencia internacional en nanomedicina, suma á súa carreira o premio máis importante de España

María José Alonso Fernández (Carrizo de la Ribera, León, 1959), catedrática da Universidade de Santiago de Compostela, acaba de engadir un recoñecemento á súa carreira científica co Premio Nacional de Investigación Juan de la Cierva, na área de Transferencia de Tecnoloxía, que concede o Ministerio de Ciencia e Innovación do Goberno de España.

Nunha nota difundida no serán do luns, o ministerio valora de Alonso, catedrática do Departamento de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da Universidade de Santiago de Compostela e xefa do grupo Nanobiofar do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS), “a excelencia da súa traxectoria científica no ámbito da nanomedicina, así como a súa importante contribución para a adecuada e equilibrada transferencia de tecnoloxía e coñecemento”.

Publicidade

María José Alonso graduouse en Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela en 1981 e obtivo o seu doutoramento en 1985. É catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica na USC e dirixe o MJ Alonso Lab. En 2014, xunto a Alicia Estévez, foi a primeira muller en ingresar na Real Academia Galega de Ciencias despois de case 25 anos. Ao longo da súa traxectoria acumulou infinidade de méritos e recoñecementos de prestixiosas sociedades. Entre os últimos destacan, no ano 2018, a Medalla Castelao da Xunta de Galicia, e no ano 2020, a Medalla ao Mérito de Investigación do Goberno español. É unha das investigadoras máis citadas na súa especialidade.

Ademais de Alonso, foron galardoados Francisco José García Vidal (Ciencias Físicas, dos Materiais e da Terra); Hermenegildo García Gómez (Ciencia e Tecnoloxía Químicas); Montserrat Vilà Planella (Ciencias e Tecnoloxías dos Recursos Naturais); Luis Vega González (Matemáticas e TIC), Jesús Fernando San Miguel Izquierdo (Medicina); Purificación Muñoz Cánoves (Bioloxía), Aníbal Ollero Baturone (Enxeñaría), Jordi Galí Garreta (Dereito e Ciencias Económicas e Sociais); e Margarita Díaz-Andreu (Humanidades).

Publicidade

Creados en 1982, os Premios Nacionais de Investigación son o recoñecemento máis importante de España no eido da investigación científica. Teñen por obxectivo salientar o mérito das persoas que están a realizar un labor profesional destacado e de relevancia internacional nas súas áreas. Cada un deles ten unha contía de 30.000 euros, ata un total de 300.000 euros.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O 9% dos afogamentos en Galicia corresponden a intentos de suicidio

Un estudo da USC e da UVigo conclúe que o maior número de casos se produce nos maiores de 65 anos, en contornas rurais e sen testemuñas

A riqueza baixo os carballos: un estudo pioneiro con participación da USC revela a súa diversidade fúnxica

A investigación identifica 297 especies asociadas ás raíces destas árbores no norte peninsular e confirma a existencia de extensas redes biolóxicas

Un estudo da USC valida novos sistemas para eliminar contaminantes emerxentes nas augas residuais

A tese de Matías Rivadulla demostrou que algúns métodos innovadores permitiron eliminar máis do 90% dalgúns compostos farmacéuticos

Premiados sete investigadores e investigadoras mozos pola súa contribución ao avance científico galego

Verónica Bolón, Laura Castro, María Barreiro, Manuel Souto, Ismael González, Lucía Díaz e Rubén Lado reciben os galardóns organizados pola RAGC-UIE