Premios á Transferencia de Investigación para Insitu, CIQUS e Pescaenverde

O presidente da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), Miguel Ángel Ríos, afirmou hoxe que “a transferencia de tecnoloxía ao sector produtivo desde as institucións e centros onde se produce a ciencia parece ser a vía máis razoable e atrévome a dicir que a única realista para alimentar a competitividade das empresas”. Durante a entrega dos Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, celebrada esta martes en Santiago, Ríos destacou que, ademais de impulsar a transferencia de coñecemento, un sistema de I+D+i efectivo e sostible debe promover toda a investigación de calidade, sen abandonar a ciencia básica para apoiar só a investigación aplicada, o que, nas súas palabras, sería “unha falta de visión, un grave erro de estratexia e, polo tanto, unha irresponsabilidade”.

Fran Rivadulla, da USC.

Os galardóns, que este ano alcanzaron a súa cuarta edición, recoñecen as mellores prácticas de transferencia de coñecemento procedente dos organismos de investigación ao tecido produtivo. O certame está promovido pola RAGC, coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia.

Publicidade

A directora da GAIN, Patricia Argerey, destacou o papel destes galardóns a prol da cultura da innovación en Galicia, contribuíndo a tender unha ponte imprescindible entre a comunidade científica e a aplicación dos seus resultados de investigación, e agradeceu a contribución da RAGC á difusión da cultura científica e, neste caso, á dinamización da cultura da innovación. Ademais, subliñou que o pulo aos procesos de transferencia que fan que o coñecemento se materialice en crecemento económico e benestar social é un dos eixos prioritarios da política de innovación da Xunta de Galicia.

Asistiron tamén á entrega o reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López; a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo (Uvigo), Mónica Valderrama; a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey; o delegado institucional do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), Eduardo Pardo de Guevara; o concelleiro de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago de Compostela, Manuel Dios; a xerente da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), Beatriz Allegue; a directora da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), Marisa López; o director da Axencia Galega da Calidade Agroalimentaria (AGACAL), Manuel Rodríguez; e o presidente da Academia Xacobea, Xesús Palmou.

Publicidade

Pedro Arias recibe a felicitación de Mónica Valderrama.

O premio ao mellor traballo desenvolvido por un grupo de investigación aplicada, dotado con 6.000 euros netos e unha axuda de 4.000 euros para a formación dun dos investigadores, recaeu no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) e no Departamento de Química Física da USC. O proxecto liderado polos doutores Francisco Rivadulla e Víctor Leborán consiste no desenvolvemento dun novo sensor con aplicacións no desenvolvemento de novos fármacos e produtos biomédicos.

A axuda de formación outorgada nos premios de hoxe permitiralle ao investigador do equipo Carlos López, facer unha estadía no Van’t Hoff Institute for Molecular Sciences da Universidade de Amsterdam, tal e como anunciou Rivadulla durante o acto. Durante a súa intervención, este último puxo como exemplo o seu proxecto para afirmar que “debemos pensar que o muro que separa a investigación básica da investigación aplicada non é tal”, ao que engadiu que “tal vez o único que separa a investigación básica da investigación aplicada é a fronteira que marca o límite da nosa imaxinación”.

O premio para Pescaenverde.

Nesta mesma categoría, o xurado dos Premios de Transferencia de Tecnoloxía decidiu outorgar unha mención especial ao proxecto “pescaenverde”, a única ecoetiqueta específica dos produtos do mar que informa ao consumidor sobre o impacto no cambio climático que supón cada peza de peixe á venda. Recolleron o recoñecemento Gumersindo Feijoo, María Teresa Moreira e Pedro Villanueva Rey, do Departamento de Enxeñería Química da USC.

O premio da categoría de pemes foi recollido por Pedro Arias, cofundador de Ingeniería Insitu, a empresa galardoada, nacida do Grupo de Investigación en Xeotecnoloxías Aplicadas (GeoTech) da Uvigo e con sede actual en Lugo. O galardón, dotado con 12.000 euros, recoñece o sistema desenvolvido por Insitu para permitirlles a empresas e administracións públicas inspeccionar, explotar e xestionar estradas, liñas de ferrocarril e aeroportos desde a oficina, a partir dos datos obtidos con múltiples sensores e que lle mostran ao usuario representacións 3D e imaxes sobre o estado da vía, a visibilidade nun determinado momento, etc.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un proxecto galego permitirá que os bancos actualicen a súa criptografía sen cambiar as formas de pago

Qryption é unha iniciativa do centro tecnolóxico Gradiant pola que poderán centralizarse os sistemas criptográficos financeiros nun só punto de xestión, co apoio do programa Ignicia da Xunta de Galicia

Un científico do CiQUS obtén unha prestixiosa axuda para impulsar un novo enfoque de deseño molecular

Luis M. Mateo é beneficiario dunha Branco Weiss Fellowship, unha das bolsas con máis recoñecemento internacional destinada a investigadores mozos

O CiQUS desenvolve materiais orgánicos porosos semicondutores sen necesidade de dopantes

O traballo, froito da colaboración entre tres grupos de investigación, permite incorporar portadores de carga directamente na estrutura, preservando as súas propiedades cristalinas

Das augas residuais ao combustible do futuro: así produce hidróxeno verde o novo sistema do CiQUS

O equipo de María Giménez-López emprega a urea como materia prima para impulsar unha nova estratexia máis sostible e eficiente