Xoves 28 Marzo 2024

Os premios de Transferencia de Tecnoloxía, para o Big Data e a innovación farmacéutica

A Real Academia Galega de Ciencias e a Axencia Galega de Innovación deron a coñecer este mércores o fallo do xurado da cuarta edición dos Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, que recoñecen as mellores prácticas de transferencia de coñecemento procedente dos organismos de investigación ao tecido produtivo. Foron gañadores a empresa Insitu, na categoría de pemes, e un equipo do CiQUS e da USC na categoría de investigación aplicada. Ademais, a ecoetiqueta “pescaenverde“, desenvolvida tamén na USC, recibiu unha mención especial.

Premio de Pemes

Equipo de Insitu.
Equipo de Insitu.

Insitu Enxeñería naceu no Grupo de Investigación en Xeotecnoloxías Aplicadas (GeoTech) da Universidade de Vigo en 2008. Con base en Lugo, desenvolveu un sistema para a xestión das infraestruturas do transporte a partir de información xeorreferenciada de alta densidade e en formato tridimensional .A ferramenta resultante permítelle a empresas e administracións públicas inspeccionar, explotar e xestionar estradas, liñas de ferrocarril e aeroportos desde a oficina, a partir dos datos obtidos con múltiples sensores e que lle mostran ao usuario representacións 3D e imaxes sobre o estado da vía, a visibilidade nun determinado momento, etc.

Publicidade

Esta tecnoloxía foi obxecto da tese doutoral de María Varela, actual responsable de innovación da empresa, e foi a primeira do Sistema Universitario Galego distinguida coa “mención industrial”, reservada a aqueles traballos de investigación que acreditan unha conexión directa de transferencia á industria.

Insitu opera no eido do Big Data, procesando enormes volumes de datos de carácter xeoespacial capturados sobre grandes infraestruturas de transporte a partir de sensores móbiles láser e de imaxe. Na actualidade, o software está sendo utilizado por administracións públicas e grandes empresas españolas e fixo posible a saída de Insitu ao mercado exterior. A comercialización da tecnoloxía galardoada permitiulle á empresa quintuplicar a súa facturación e pasar de 20 a 30 traballadores no prazo de dous anos. A empresa recibirá 12.000 euros polo galardón.

Premio de Investigación Aplicada

CiQUS USCO galardón nesta categoría, dotado con 6.000 euros netos e unha axuda de 4.000 euros para a formación dun dos membros do equipo, recaeu no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) e no Departamento de Química Física da Universidade de Santiago de CompostelaO proxecto, liderado polos doutores Francisco Rivadulla e Víctor Leborán, consiste no desenvolvemento dun microsensor de temperatura ultrasensible que optimiza a identificación e caracterización dos intercambios de calor propios dos procesos químicos e biolóxicos.

O seu novo sensor, bautizado como ANTS, ten como principais aplicacións o desenvolvemento de novos fármacos e produtos biomédicos, xa que permite obter información moi precisa sobre procesos de interese biolóxico. As principais vantaxes que o dispositivo premiado presenta son un tempo de resposta menor a un segundo e o seu reducido tamaño (da orde de micras), o que permite realizar múltiples probas de modo simultáneo.

Ademais, a adopción da nova tecnoloxía por parte dos usuarios é sinxela. Segundo os investigadores, a extensión desta tecnoloxía ofrecería novas alternativas na caracterización rápida e fiable de moléculas de interese farmacéutico. O proxecto levouse a cabo co financiamento do programa de proba de concepto do European Research Council (ERC) e deu lugar a unha patente internacional. Os seus promotores buscan agora asinar un contrato de transferencia entre a USC e unha compañía líder neste ámbito.

Mención especial

Pescaenverde USC

O xurado decidiu outorgar unha mención especial na categoría de investigación aplicada ao proxecto de ecoetiqueta “pescaenverde”. O equipo formado por Gumersindo Feijoo, María Teresa Moreira, Ina Vázquez e Pedro Villanueva, do Departamento de Enxeñería Química da USC, foi distinguido polo desenvolvemento dunha ecoetiqueta que lle achega información ao consumidor sobre o impacto que os produtos pesqueiros que adquire teñen sobre o medioambiente.

A marca de garantía pescaenverde ten asociado un software que calcula a pegada de carbono de todas as actividades asociadas á captura e transporte do peixe, de maneira que as empresas do sector poden transmitir aos consumidores o perfil ambiental dos seus produtos. Tamén mide a taxa de retorno enerxético, que establece a relación entre a a cantidade de enerxía calórica subministrada polo peixe e a requirida para a súa posta en circulación ata a que chega ao consumidor.

A ecoetiqueta, patentada a nivel internacional, foi incorporada por primeira vez o pasado mes de xullo na lonxa de Portonovo, certificando a sustentabilidade dunha partida de pescada. A día de hoxe é a única ecoetiqueta específica dos produtos do mar que cuantifica o impacto no cambio climático.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Convocado o IX Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas

Os traballos poden enviarse a partir do 15 de abril. A dotación económica do galardón será de 5.000 euros, cun accésit para o segundo mellor valorado

Un equipo galego sinala os lípidos en sangue como biomarcadores de covid persistente

Investigadores do CiQUS ofrece unha nova perspectiva sobre a natureza desta enfermidade e abre a porta a diagnósticos e tratamentos máis específicos

Un equipo con participación galega desenvolve un novo tipo de axente contra o cancro

O composto actúa de maneira potente e selectiva sobre a respiración mitocondrial das células nai do tumor, diminuíndo o seu potencial canceríxeno

A USC desenvolve un novo método para a entrega directa de fármacos no interior celular

O novo nanotransportador é capaz de fusionarse coa membrana plasmática e liberar moléculas bioactivas no citosol