Xa hai microplásticos no 94% dos golfiños en Galicia

Un equipo de investigadores galegos acaba de publicar un estudo na revista Marine Pollution Bulletin que aumenta, se cabe, a preocupación sobre a contaminación por mor dos microplásticos. A investigación, na que se analizaron 35 contidos do estómago de golfiños comúns (Delphinus delphis), a especie máis frecuente en augas galegas, atopou microplásticos no 94% dos golfiños varados en Galicia entre os anos 2005 e 2010. 

Imaxe adaptada do artigo publicado en "Marine Pollution Bulletin"na que se ven os microplásticos atopados nos estómagos dos golfiños: fibras (A), fragmentos (B) e microperla (C).
Imaxe adaptada do artigo publicado en “Marine Pollution Bulletin”na que se ven os microplásticos atopados nos estómagos dos golfiños: fibras (A), fragmentos (B) e
microperla (C).

Este traballo, no que participaron o Instituto Español de Oceanografía (IEO), o Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC), a Cemma e as universidades de Aberdeen e Aveiro, “pon de manifesto que a presenza de microplásticos afecta xa a todos os elos da cadea trófica mariña”, segundo os autores. Ata o de agora estudáranse estes fragmentos en zooplancton, crustáceos, peixes, tartarugas ou aves, pero non se abordara desde Galicia o caso dos mamíferos mariños.

Publicidade

No artigo indícase que se atoparon un total de 411 anacos de microplásticos, cunha media de 12 por cada contido estomacal, e cun tamaño medio de 2,43 milímetros. Identificáronse tres tipos: fibras en forma de filamentos ou fíos; fragmentos con forma de partículas irregulares, labras ou escamas, e microperlas, con forma de esferas.

O estudo atopou 411 anacos de plástico (12 por cada contido analizado), cun tamaño medio de 2,43 mm

Debido ao pequeno tamaño, os microplásticos non afectan fisícamente aos golfiños cando os inxiren, algo que si acontece cos fragmentos de maior tamaño. Porén, o perigo está nos contaminantes adheridos a estes anacos microscópicos (PCBs, DDT, BPA, metais pesados…) que poden pasar a outros sistemas do organismo dos golfiños e afectar á súa saúde, “provocando problemas endócrinos ou alterando a homeostase”, explican os investigadores.

Publicidade

Ademais, segundo as investigacións máis recentes ao respecto, é probable que os microplásticos veñan xa das inxestas dos elos inferiores da cadea trófica, dos que se alimentan os golfiños, que incorporan estes materiais mediante a filtración da auga ou das súas propias presas. Así, os microplásticos acumúlanse ao longo da cadea ata chegar aos depredadores superiores.

As mostraxes tomáronse a partir dos golfiños recollidos pola Rede de Varamentos de Galicia, que coordina a Cemma co financiamento da Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Tres cruceiros coinciden (outra vez) no porto de Vigo: isto é o que contaminan

Colectivos ecoloxistas denuncian o desembarque de 14.000 pasaxeiros provoca un turismo de altas emisións contaminantes, equivalente a que 18 millóns de coches circulen pola cidade

Unha grande obra hidráulica bloquea o caudal do río Umia: estas son as consecuencias medioambientais

Os biólogos alertan da alteración do ecosistema por unha obra que algúns dos afectados sospeitan que pode estar ligada ao abastecemento de auga da Illa da Toxa

As claves do regreso das candorcas: por que volven a avoa Toñi e a súa manda ás Rías Baixas?

O grupo, de entre oito e dez exemplares, regresa por terceiro ano consecutivo a Galicia seguindo o rastro do atún vermello e xeran interaccións coas embarcacións