O barco que leva a ciencia aos confíns do mundo

Chove fóra, e o vento axita as ondas da ría de Vigo, pero ao entrar no Sarmiento de Gamboa, volve a calma. Para este buque oceanográfico, habituado ás tempestades da Antártida ou de Groenlandia, unha borrasca é apenas un aloumiño. O barco apenas se move, e se non fose porque a paisaxe ao outro lado dos ollos de boi vai bailando, parecería que estamos nun laboratorio ‘normal’. Comeza entón a visita, que forma parte do programa “Ciencia no porto” impulsado pola Unidade de Cultura Científica do CSIC Galicia, que quere achegar á sociedade este gran laboratorio navegable que é o Sarmiento de Gamboa, antes de que zarpe o vindeiro día 12 cara a unha nova campaña na Antártida.

Porén, hai detalles que chaman a atención. Case todo (cadeiras, microscopios, ordenadores, frigoríficos, e todos aparellos de investigación) están fixados ao chan de cada estancia. “Hai días nos que case non se pode traballar polas ondas que hai”, conta Alberto, enxeñeiro que forma parte da Unidade de Tecnoloxía Mariña (UTM) encargada da xestión do barco e que fai de guía da visita. Son aparellos que, en moitos casos, costan bastantes miles de euros, e toda precaución é pouca.

Publicidade

Mostras de cría de polbo analizadas no laboratorio do buque.
Mostras de cría de polbo analizadas no laboratorio do buque.

Das dificultades meteorolóxicas dá conta tamén Lara García, investigadora do grupo de Ecoloxía e Diversidade do Instituto de Investigacións Mariñas. “Ás veces tes que amarrar cunha man a placa que tes no microscopio, porque se move coas ondas. E imaxina que tes que identificar dúas especies dun mesmo xénero que se distinguen polo número de vultos que teñen nunha pata… Acabas cun mareo!”, conta entre risas.

Entre os traballos de mostraxe, unha das máis agardadas é a toma de datos da columna de auga para ver cómo se distribúen as especies e cal é a concentración dos elementos químicos no océano dependendo da profundidade. Para isto, lánzase unha gaiola de botellas nas que se recolle a auga que despois será estudada a bordo.

Publicidade

Todo se fai cunha certa rapidez, e no Sarmiento de Gamboa trabállase en quendas de 8 ou 12 horeas. O aspecto económico é outra das claves que condiciona a vida nas expedicións. Cada día de campaña pode custar entre 20.000 e 30.000 euros, polo que hai que optimizar os gastos. As mostras tómanse no exterior e analízanse nos laboratorios día e noite, case sen parar. Todo o tempo hai alguén traballando.

Un barco todoterreno

Este investimento débese ás instalacións e tecnoloxías de vangarda que hai a bordo do Sarmiento de Gamboa. O barco é unha das chamadas ICTS (Infraestruturas Científicas e Técnicas Singulares), instalacións, recursos, equipamentos ou servizos únicos no seu eido de investigación por mor da súa máxima calidade, polo que están a disposición da comunidade científica e as administracións para desenvolver os seus proxectos.

E ademais é un barco global, que pode chegar aos confíns do mundo, agás aos mares de xeo polares, e que conta con todo tipo de material para estudar a biodiversidade e os recursos mariños, os efectos do cambio climático, a circulación oceánica global, a xeoloxía dos fondos oceánicos, ou os riscos naturais, como os terremotos.

O Sarmiento de Gamboa está aberto ás visitas no porto de Vigo ata o venres 9.
O Sarmiento de Gamboa está aberto ás visitas no porto de Vigo ata o venres 9.

E tamén se pode adaptar segundo as diferentes campañas nas que tome parte. Os seus 70 metros de eslora e 14 de manga dan xogo para cambiar o escenario en función das necesidades dos investigadores e a tripulación que vai a bordo.

A vida a bordo do ‘Sarmiento de Gamboa’

Na visita guiada polos científicos tamén se poden coñecer algúns dos aspectos da vida diaria nas campañas, que poden ser de ata 40 días no mar, sen tocar porto. Hai un pequeno ximnasio, comedor, unha cociña industrial, sala de xogos e lectura, máis dunha vintena de camarotes e outras estancias que fan máis agradable a viaxe. “Temos incluso músicos a bordo, así que aínda se monta algún concerto”, conta Alberto.

O paseo polo barco, dunha hora e media de duración, remata na ponte de mando, unha ampla sala desde donde se dirixe a navegación e na que se pode ver toda a cuberta. Vese tamén a ría de Vigo, aínda que a partir da vindeira semana, a paisaxe mudará e só se verá océano ata que o barco chegue a Antártida na súa nova expedición.

As visitas ao Sarmiento de Gamboa poderán realizarse de forma gratuíta, ata o venres 9, en horario de 15 a 16.30 horas. Cómpre inscribirse previamente no enderezo de correo electrónico ucc.galicia@csic.es.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Nace unha app de ciencia cidadá para o seguimento da agresiva alga asiática presente en Galicia

A ferramenta deseñada polo CSIC busca mellorar o coñecemento dunha especie invasora que apareceu nas costas galegas en 2024

O CSIC liderará a recuperación e musealización das singulares salinas romanas do Aguncheiro

A intervención permitirá escavar 300 metros cadrados, consolidar as estruturas e abrir o singular complexo da época imperial ás visitas

Noites que matan: cando a calor non dá tregua aínda que caia o sol

En noites de exceso de calor extrema, o risco de morrer aumenta un 2,6% respecto ás noites sen tensión térmica. Por Dominic Royé

É seguro conservar o peixe en envases de plástico? Isto di un novo estudo

Un estudo do CSIC detecta a migración de compostos químicos cara ao produto almacenado en frío. Por Ethel Eljarrat e Maria Vittoria Barbieri