Venres 29 Marzo 2024

Luis Liz Marzán: “Marchei porque me ofreceron unhas condicións que agora si podería ter en Galicia”

Luis Liz Marzán (Lugo, 1965) é o primeiro científico galego que foi quen de recibir dúas Advanced Grant, unha das axudas máis prestixiosas que concede o Consello Europeo de Investigación (ERC). Marchou da Universidade de Vigo en 2012 cara ao Ikerbasque de Euskadi, un dos organismos de referencia da ciencia estatal, onde é director científico do CIC Biomagune, un centro de investigación sobre biomateriais.

Estes días, Liz Marzán visita Galicia como un dos membros da Comisión Asesora do Programa de Centros de Investigación Singulares e Agrupacións Estratéxicas do Sistema Universitario de Galicia. É un equipo de investigadores externos e independentes reunidos pola Xunta para asesorala na mellora dos proxectos de excelencia científica. Xunto a Liz Marzán están tamén Carmen Castresana, Rodolfo Miranda, Joan Guinovart, Helena Pereira, Luis Sanz-Menéndez, Manuel Hermenegildo ou María Blasco. As primeiras impresións de Liz son positivas: “Estou impresionado da vontade que ten a Xunta para poñer en marcha este sistema de financiamento de centros, que vai permitir cambiar o ambiente investigador en Galicia”.

Publicidade

– Como estamos en Galicia, e que nos separa dunha maior excelencia?

– Ata agora, a diferenza fundamental era que a maioría dos instrumentos de financiamento que había eran para grupos individuais, e isto non permitía ter un programa dirixido con obxectivos comúns nos ámbitos nos que xa había un alto nivel investigador.

Con estes programas, como os que agora busca a consellería, permítese que os científicos máis destacados en certos eidos poidan ter un entorno de traballo que se despegue un pouco do ambiente máis habitual das universidade, onde hai unha mistura de proxectos moito máis amplos.

O que a min me parece é que estando nun centro onde os obxectivos da investigacións son xerais para todo o mundo e se intenta que o alcance dos proxectos sexa máis ambicioso, empúrrase aos demais a acadar unha maior calidade, e que as estratexias de colaboración sexan máis intensas.

Algúns destes centros en Galicia xa demostraron que están alcanzando un nivel competitivo no eido internacional, e estes instrumentos deberían permitir que se consoliden aquí máis centros desta calidade.

– Vostede mesmo marchou ao País Vasco. Por que non había esas condicións aquí?

– Eu tampouco tiña un motivo claro polo que estivera pensando en marchar. Pero marchei porque apareceu unha oportunidade cunhas condicións que me permitían estar nun entorno do que falabamos ao principio, e que agora quizás sería posible ter aquí en Galicia, pero que naquel momento eran moito máis complicadas.

Houbo cousas que facían a oportunidade do Biomagune moito máis atractiva: tiña a capacidade de coordinar un centro que xa estaba establecido, con ese tipo de ambicións ,e de deseñar a estratexia de establecer colaboracións nun entorno onde xa existían outros centros con ambicións semellantes; iso facilitaba moito máis o labor investigador, ca a que tiña dentro dun departamento universitario.

– Entón agora esas condicións poderían darse aquí?

– Sen dúbida. Pero por iso é importante facer estas comisións externas: grupos que fagan unha avaliación independente, sen ter os condicionamentos da xente que está dentro das universidades. Só se se fai así, con criterios internacionais, é o único xeito de que se acade algo que sexa diferencial.

– Que exemplos disto temos xa en Galicia?

– Hoxe visitamos os centros consolidados da USC. E penso que aquí hai unha calidade e unha proxección moi grandes. Eu, polo meu traballo, coñezo máis de preto o CiQUS, e penso que para estar dentro dun sistema universitario con limitacións de flexibilidade e contratación, estes centros fixeron un traballo moi interesante e teñen xa capacidade de captar investigadores con proxectos do ERC, que non é algo fácil de conseguir.

Visitamos tamén o CiMUS, onde o perfil é algo distinto, porque hai unha proxección máis acusada de transferencia de tecnoloxía, pero tamén é moi prometedor o que se fai. Teñen xa contratos de colaboración con algunhas das empresas farmacéuticas máis importantes. No contexto español é un dos centros de referencia no eido do screening de fármacos, sen dúbida.

– En que vai axudar esta comisión?

– O que se nos pide é achegar experiencias e ideas relativas á conformación do programa de financiamento de centros. O que abordamos estes días é ver cal é a situación actual, cales son os condicionantes (porque non en todas partes se poden aplicar os mesmos modelos) para adaptalos a este sistema, e buscar a forma máis lóxica e realista de trasladar modelos de éxito noutras comunidades e optimizar os recursos cos que se contan.

– Recibiu este ano a súa segunda Advanced Grant. En que consiste a investigación que vai financiar o ERC?

– O meu grupo traballa no deseño de materiais para aplicalos en entornos de interese social. Como estamos integrados nun centro de biomateriais, o que buscamos son produtos que poidan ser útiles para a biomedicina. A primeira ERC estaba dirixida a aplicación de materiais para identificar a comunicación entre bacterias, algo de moito interese no campo das doenzas infecciosas. Aí, ao manter a colaboración coa UVigo, chegamos a resultados moi interesantes que están a ter un impacto importante na literatura científica, e falamos tamén con empresas para desenvolver produtos baseados nestas técnicas.

“Imos utilizar biomateriais para intentar comprender como funcionan os cancros desde dentro mediante tumores artificiais”

E o que propuxen agora, na segunda Advanced Grant, é utilizar outro tipo de materiais co obxectivo de intentar comprender desde dentro como funcionan os tumores: o que pretendemos é, mediante a impresión 3D, crear unha especie de andamiaxes a escala nanométrica para cultivar tumores artificiais. Nas propias andamiaxes intentaremos ter sensores que nos permitan detectar os cambios no tecido durante a progresión do tumor. O que pensamos é que, se isto funciona, poderemos ver como funcionan os tumores cando se introducen fármacos de distintos tipos, e incluso se presenta tamén a posibilidade de facer estes experimentos con tumores reais obtidos de pacientes. Para isto temos un acordo de cooperación co hospital oncolóxico de San Sebastián, que se enmarca no obxectivo a longo prazo do proxecto.

Luis Liz Marzán

Luis Liz-Marzán estudou Química na Universidade de Santiago de Compostela, onde se doutorou en 1992. Foi investigador postdoctoral na Universidade de Utrecht e profesor na Universidade de Vigo (1995 – 2012). Foi ademais profesor visitante en varias universidades e centros de investigación de Xapón, Estados Unidos, Europa, Australia e Arabia. A súa investigación centrouse no crecemento controlado de nanopartículas, a súa ensamblaxe na escala nanométrica e as súas propiedades ópticas. Ademais, desenvolveu aplicacións destes materiais na área biomédica, fundamentalmente en diagnóstico e bioimaxe.

Liz- Marzán ten publicados máis de 400 artigos en revistas científicas e de divulgación, é co-inventor de 8 patentes e impartiu máis de 300 conferencias convidadas en congresos e institucións de investigación de todo o mundo. É editor da revista ACS Omega, e asesor editorial doutras publicacións. Recibiu varias distincións, como a ERC Advanced Grant, o Premio Rey Xaime I, o Premio Humboldt ou a Medalla da Real Sociedade Española de Química. Ademais, é membro da Real Academia de Ciencias e da European Academy of Sciences.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

Nanotecnoloxía galega contra o tumor cerebral máis común

Un estudo da USC abre a porta a unha nova aproximación terapéutica que podería posibilitar un ensaio clínico nun prazo de tres anos

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

O mapa dos ‘químicos eternos’ en Galicia: ata 70 zonas sospeitosas de grave contaminación

Unha investigación europea sinala a presenza no continente destas substancias nocivas para o medioambiente e a saúde