Xoves 5 Decembro 2024

Estes son os investigadores de USC e UVigo entre os máis citados do mundo

Juan José Nieto, Álvaro Goyanes, Jianbo Xiao e Francisco J. Barba repiten na listaxe anual que elabora Clarivate

A clasificación Highly Cited Researchers, feita pública este martes, sitúa catro investigadores de universidades galegas entre os máis citados do mundo en 2021. Francisco J. Barba e Jianbo Xiao (UVigo) e Juan José Nieto e Álvaro Goyanes (USC) aparecen na clasificación, elaborada por Clarivate, que inclúe 6600 expertos e expertas de 70 países que “demostran unha influencia significativa no seu campo ou campos de investigación elixidos a través da publicación de múltiples artigos altamente citados durante a última década”. Na listaxe tamén aparece outro científico galego, Luis Liz Marzán, que actualmente traballa no CIC biomaGUNE do País Vasco.

Os nomes das investigadoras e investigadores altamente citados son extraídos das publicacións que ocupan o 1 % superior por citas por campo e ano de publicación no índice de citas de Web of Science.. No chanzo máis alto da clasificación seguen a estar as universidades e organismos dos EUA, pero nos últimos anos comezan a gañar espazo os científicos da China. España, pola súa banda, está no noveno posto de países con máis investigadores altamente citados. 

Publicidade

Jianbo Xiao, Francisco J. Barba, Juan José Nieto e Álvaro Goyanes

Jianbo Xiao, científico do grupo Investigacións Agroambientais e Alimentarias,é experto no eido da nutrición, a alimentación e a seguridade e en concreto, como el detalla, “en entender o rol dos bioactivos compostos no manexo e control da diabetes, do mesmo xeito que tamén aplico unha nova tecnoloxía baseada na autenticidade da comida”.

Esta é a quinta vez que Xiao aparece na clasificación publicada por Clarivate, un fito do que se amosa moi satisfeito, xa que “da poboación de científicas e científicos do mundo, só conseguen chegar a estar entre os investigadores máis citados 1 de cada 1000”, explica. Na edición de 2021 desta listaxe, recóllense 382 publicacións de Xiao, coas que acumula 9195 citas. O seu artigo máis citado aborda as interaccións recíprocas entre polifenois e microbiota intestinal e os efectos sobre a bioaccesibilidade. Xiao chegou á Universidade de Vigo en 2020 ao abeiro do programa de captación de talento HCR e, tras uns primeiros meses en Vigo, amósase contento con este cambio de destino que o trouxo de Macau a Galicia.

Publicidade

O outro representante da Universidade de Vigo no Highly Cited Researchers 2021 é Francisco J. Barba, investigador honorífico da UVigo dende hai un ano, que conta nesta listaxe con 239 publicacións coas que acumula 9692 citas. O seu artigo máis citado é Aplicacións actuais e novas oportunidades para o uso de campos eléctricos pulsados na ciencia e na industria dos alimentos.

Como investigador honorífico, Barba continúa impartindo docencia na súa institución de orixe, a Universitat de València, pero colabora en diversos proxectos de investigación que a UVigo desenvolve no eido das ciencias e tecnoloxías dos alimentos, relacionados coa valorización de subprodutos da industria agroalimentaria mediante procesos non convencionais para a extracción de nutrientes e compostos bioactivos e a avaliación do procesado non térmico sobre características nutricionais e compostos bioactivos de alimentos. Barba xa formou parte desta listaxe en 2019 e 2020.

O profesor da USC Juan José Nieto Roig ten coordinado ou participado en máis de vinte proxectos de ámbito europeo, estatal e autonómico e é autor ou coautor de máis de 300 artigos de investigación publicados en revistas internacionais. Lidera o grupo de investigación Ecuacións diferenciais non lineais e, na actualidade, traballa na predición do avance da pandemia da COVID-19 a través de modelos matemáticos. O seu ámbito investigador, aínda que de carácter básico, potencialmente posúe utilidade práctica aplicada ao estudo de diversos temas da Física, Bioloxía, Epidemioloxía, Medicina ou Bioinformática, co desenvolvemento de algoritmos máis eficientes para a comparación de secuencias xenéticas.

Pola súa banda, Álvaro Goyanes traballa no eido da impresión 3D de medicamentos con doses personalizadas e é co-fundador e director de desenvolvemento da start up FabRx, a primeira compañía dedicada á impresión 3D de medicamentos personalizados. Asemade, publicou máis de 50 artigos e é un recoñecido experto mundial neste tipo de impresión con máis de 100 comunicacións a conferencias internacionais. Goyanes foi un dos primeiros investigadores en avaliar as oportunidades da impresión 3D utilizando novas tecnoloxías para fabricar formas de dosificación oral.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Fabricar medicamentos no espazo? Así é a aposta galega de impresión 3D

Dous investigadores veñen de abrir unha nova liña de investigación sobre a distribución e subministro de fármacos en naves espaciais

Crean un método para imprimir medicamentos en 3D dende o móbil

O estudo, liderado pola USC e a University College of London, ofrece a posibilidade de que, nun futuro, os fármacos se poidan producir dende os fogares

Un dos científicos máis citados do mundo incorpórase á Universidade de Vigo

Jianbo Xiao, experto en investigación alimentaria, foi incluído catro veces desde 2016 na listaxe 'Highly Cited Researchers'

Os galegos Álvaro Goyanes e Pablo Docampo, tamén entre os científicos máis citados do mundo

Os investigadores da University College London e a Universidade de Glasgow figuran na listaxe dos Highly Cited Researchers 2020