Non son seis, se non oito, os investigadores galegos e/ou vinculados ás universidades do país que aparecen este ano na listaxe de Highly Cited Researchers que difunde a compañía Clarivate, e que identifica, tal e como indican os seus promotores, “aos investigadores que demostran unha influencia significativa no seu campo ou campos de investigación elixidos a través da publicación de múltiples artigos altamente citados durante a última década”. Ademais dos citados na información publicada este mércores, Álvaro Goyanes e Pablo Docampo, dous científicos que desenvolven o seu traballo en Gran Bretaña, aparecen tamén nesta listaxe.
Álvaro Goyanes, orixinario de Monforte de Lemos, é profesor honorario da Escola de Farmacia da University College London e está asociado tamén como profesor a tempo parcial na Universidade de Santiago de Compostela. Foi un dos primeiros investigadores en as oportunidades da impresión 3D utilizando novas tecnoloxías desta técnica para fabricar novas formas de dosificación oral. Como froito deste traballo, cofundou FabRx, a primeira compañía dedicada á impresión 3D de medicamentos personalizados, na que é director de desenvolvemento. Este traballo converteuno nun dos investigadores máis destacados do mundo no seu campo de traballo, con máis de 100 comunicacións en conferencias internacionais.
Pablo Docampo, de Redondela, lidera un grupo de investigación na Universidade de Glasgow, especializado no desenvolvemento de materiais de vangarda para a conversión de enerxía a baixo custo. Nomeadamente, o seu equipo estuda as propiedades electrónicas das perovskitas de haluro, uns materiais que poderían ter relevantes aplicacións nas novas xeracións de paneis solares e en técnicas de iluminación láser, LED e LEC. Docampo é doutor pola Universidade de Oxford, e realizou a súa estadía posdoutoral no LMU de Munich, onde tamén obtivo un contrato do programa Marie Curie.