Martes 23 Abril 2024

José Luis Jiménez: “Hai que insistir moito máis en ventilar que en desinfectar”

O investigador, experto en aerosois, participou nunha conferencia sobre a transmisión da Covid-19 organizada polo Colexio de Médicos de Ourense

Moitos foron os debates desde o comezo da pandemia arredor do uso de máscara, a magnitude e proporcionalidade das medidas de hixiene ou, de forma máis recente, a forma principal de transmisión do SARS-CoV-2 dunha persoa a outra. Desde o mes de marzo, cando a crise do coronavirus comezou a acadar unha magnitude mundial, xurdiron voces que incidiron na posibilidade de que o virus, en boa parte dos casos, se puidera transmitir a través das pingas máis pequenas que exhalamos ao respirar, chamadas aerosois. Estas partículas poderían provocar, polo seu menor peso (máis tempo de permanencia en suspensión e maior capacidade para percorrer distancias superiores aos dous metros de seguridade), un cambio de paradigma nas medidas de control da pandemia. Neste tempo, unha das voces que máis se escoitou á hora de defender o salientable papel desta transmisión é a do científico José Luis Jiménez Palacios, experto en Química Atmosférica e catedrático de Química e Ciencias Medioambientais da Universidade de Colorado en Boulder.  Este mércores, Jiménez participou nunha conferencia organizada polo Ilustre Colexio Oficial de Médicos de Ourense (ICOMOu), na que abordou as claves de transmisión do coronavirus, e na que tamén participou Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia.

Jiménez abordou o debate arredor desta vía de transmisión a partir do traballo que vén desenvolvendo desde a primavera. Nas primeiras semanas da crise, lembrou como o seu equipo participou na investigación dun brote producido nun coro de Seattle, no estado de Washington (EUA), co que comezaron a acumular evidencias de que había algo máis alén da transmisión directa por pingas respiratorias de maior tamaño entre persoa e persoa. “Era un momento no que alí xa se estaban tomando as medidas de hixiene, co xel hidroalcohólico, etc. Contactamos co coro e explicáronnos con gran detalle o que pasou. E concluímos que só se podía explicar por aerosois, porque esta xente non se vía fóra dos ensaios. En dúas horas e media, unha persoa contaxiou a 52, incluíndo xente que estaba a 13 metros; ao cantar, expúlsase máis aire, e no caso de que haxa alguén infectado, ao non usar máscara, o risco multiplicouse”.

Publicidade

Cal é a vía máis frecuente?

No referente á desinfección, Jiménez insistiu na escasa evidencia sobre o contaxio do SARS-CoV-2 por superficies ou fómites (obxectos que unha persoa infectada toca ou sobre o que caen pingas respiratorias, e que pasan a outra persoa mediante o contacto coas mans), que se estableceu como moi relevante ao comezo da pandemia, pero que “non é importante”, para o investigador. “Hai que insistir moito máis en ventilar que en desinfectar, porque se foi vendo que a transmisión sobre superficies; o debate que hai na comunidade científica é que, como moito, sexa o 15%, aínda que hai quen defende que está máis preto do 0% ou o 1%”, destaca.

Noutro lado están as dúas principais vías de contaxio, sobre as que Jiménez establece importantes diferenzas. Por unha banda, a das pingas respiratorias de maior tamaño, que polo seu peso caen máis rápido ao chan, mais poden impactar directamente noutra persoa, entrando no nariz, a boca e os ollos e, de conter virus, poden dar pé á replicación do mesmo no organismo.

Mais para Jiménez, a evidencia é crecente sobre a gran importancia dos aerosois, partículas máis pequenas, coas que se pode facer unha analoxía cunha nube de fume  nun espazo pechado onde hai persoas fumando, por exemplo. Por distintos factores que expuxo durante a conferencia, o científico cre que estas partículas, que na gran maioría dos casos teñen un tamaño suficiente para conter e transportar o virus, están detrás dos eventos ‘supercontaxiadores’, xa que poden ser inhaladas polas persoas que acaben resultando infectadas, ao contrario das pingas máis pesadas, as chamadas ‘balísticas’, que só chegarían ao novo hóspede do virus mediante un impacto directo.

Científicos españois constatan a “evidencia significativa” dos aerosois no contaxio do SARS-CoV-2

Neste sentido, e despois de moitos meses de debate, e aínda que a Organización Mundial da Saúde tardou en recoñecer de forma implícita esta posibilidade, as evidencias apuntan en que as partículas máis pequenas poden provocar estas situacións. E así o transmitiu recentemente o Ministerio de Ciencia de España, nun informe desenvolvido por varios científicos entre os que se atopaba Jiménez. “Os datos expoñen que entre o 10 e o 20% das persoas infectadas causan o 80% das novas infeccións; é dicir, a pesar das medidas de control, hai situacións concretas nas que unha persoa pode provocar un evento de supercontaxio. E isto só se pode explicar por estes aerosois”. incidiu Jiménez.

O investigador destacou tamén que a cantidade de partículas de aerosois é moito maior que a das pingas respiratorias de maior tamaño, o que leva a varias consideracións: “A única situación onde as pingas poden ser importantes é cando alguén che tose na cara e non se protexe; pero cando alguén tose de lado ou fala, e os aerosois quedan en suspensión, e en maior cantidade, polo que é moito máis probable a transmisión”. A gráfica baixo estas liñas expón a exposición a aerosois e pingas respiratorias de maior tamaño en función da distancia.

Un problema histórico

Para Jiménez Palacios, o rexeitamento a recoñecer os aerosois como vía principal de contaxio procede dun “problema histórico” que ten a súa orixe a comezos do século XX, coa publicación do libro As fontes e modos da infección, de Charles Chapin. Este autor, a través de observacións empíricas correctas, atribuíu maior importancia ao contaxio directo por pingas de máis tamaño por carecer de evidencias suficientes para demostrar a transmisión por aerosois. Así, o descubrimento da existencia da transmisión persoa-persoa restou importancia nas décadas seguintes á relevancia das partículas de menor tamaño, aínda que a súa relevancia quedou patente en enfermidades transmisibles como a tuberculose. “As afirmacións extraordinarias requiren de evidencias extraordinarias, e como isto non se demostrou, a pesar da insistencia dalgúns investigadores como William Wells ou Richard Riley, quedou aparcada fronte á clara evidencia da transmisión directa”.

Con todo, tivo que ser a chegada dunha nova pandemia, en palabras de Jiménez, a que botase por terra algunhas ideas establecidas con anterioridade sobre a transmisión de patóxenos. “Estase confundindo un erro da historia cunha lei da natureza; entidades como a OMS pensan, en base ao coñecemento acumulado sobre casos semellantes, que só as enfermidades moi contaxiosas, bastante máis có SARS-CoV-2, como o sarampelo, poden transmitirse por aerosois. Pero a única lei da natureza é que a enfermidade ten que sobrevivir como enfermidade, e niso a Covid-19 non ten ningún problema”, explicou.

Entón, como protexerse?

Despois desta exposición, Jiménez abordou varias claves para mellorar a protección fronte a posibles infeccións de Covid-19. Incidiu, en primeiro lugar, na maior perigosidade dos espazos pechados e mal ventilados. “A gran maioría dos eventos de supercontaxio producíronse en áreas pechadas e con deficiente ventilación. Aínda que se poida producir algunha infección ao aire libre, é moito menos frecuente”. Destacou a importancia, neste punto do uso de filtros para renovar o aire en estancias como aulas ou oficinas cunha importante presenza de persoas. Tamén en insistiu en complementar a ventilación natural e artificial con medicións periódicas do volume de dióxido de carbono, un indicador da renovación do aire que respiramos e, por tanto, do risco de que se acumulen partículas do virus en caso de que haxa algunha persoa transmisora do mesmo.

O uso da máscara, di Jiménez, é esencial, para protexerse, pero sobre todo para protexer aos demais. “A maioría das máscaras impiden que se propaguen as pingas de maior tamaño, e reducen nun 80% a emisión de aerosois. É posible que algunhas partículas con virus se escapen, pero se a outra persoa tamén está protexida, e as máscaras están ben axustadas en ambos casos, o risco redúcese aínda máis, explicou mediante un gráfico que compartiu na conferencia.

Fonte: Milton (2020).
Fonte: Milton (2020).

O investigador lembrou tamén que el o seu equipo teñen a disposición da cidadanía un documento de preguntas e respostas sobre a protección fronte á transmisión por aerosois que se pode consultar nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que algúns pacientes teñen covid persistente e outros non? Este estudo dá na clave

Un equipo do Hospital Universitario de Zúrich busca mellorar a atención aos doentes con novas estratexias de tratamento

Ascenden a 57 os falecidos por gripe en Galicia

O último informe do Sergas confirma a tendencia á baixa da incidencia nas catro provincias

Por que aumentan as infeccións respiratorias agudas en España?

Estamos xusto no momento do incremento da curva da gripe que este ano coincidiu co Nadal e o aumento dos contactos sociais

Tes gripe ou covid? Estas son as diferenzas

A inmunóloga África González admite que teñen síntomas moi similares pero que se distinguen polo tempo de incubación e a estacionalidade