Sábado 20 Abril 2024

Científicos españois constatan a “evidencia significativa” dos aerosois no contaxio do SARS-CoV-2

Os autores dun informe encargado polo Ministerio de Ciencia conclúen, ao mesmo tempo, que a vía das pingas respiratorias puido ser "sobreestimada"

Un equipo de científicos españois de recoñecido prestixio realizou, por encargo do Ministerio de Ciencia e Innovación, un informe para analizar o papel que xogan os aerosois (as pingas respiratorias de menor tamaño que emitimos ao respirar, falar ou tusir) na transmisión do SARS-CoV-2. Esta vía de contaxio leva meses sendo obxecto dun importante debate, por mor da evidencia crecente da súa importancia no número de contaxios que acaban causando a Covid-19. E o texto conclúe que existe “evidencia significativa” de que estes aerosois teñen unha importante capacidade para transmitir o coronavirus. Ao mesmo tempo, o documento apunta a que “existe unha falta de evidencia que apoie a importancia da vía das gotículas” máis grandes, polo que é posible “que esta vía fose sobreestimada“. Este traballo supón, por tanto, un novo pulo á hipótese de que os aerosois son realmente a forma de transmisión dominante na pandemia.

Aerosois e pingas ‘balísticas’

No tempo no que vostede comeza a ler isto, cada vez que respira, e aínda que estea en silencio, está emitindo polo nariz e a boca minúsculas partículas respiratorias. Se fala, ou berra, ou canta, ou esbirra ou tose, estas emisións increméntanse. Estas partículas son, a grandes trazos, de dous tamaños: unhas máis grandes, de entre 100 e 1.000 micras (0,1 a 1 milímetros), as chamadas pingas balísticas, son por tanto máis pesadas, pero poden chegar ata 1 ou 2 metros de distancia e, se ten outra persoa fronte a vostede, aínda que non o perciba, as partículas van impactar no rostro desa persoa.

Publicidade

Pero hai outras partículas máis pequenas, os aerosois, máis lixeiras e, por tanto, expostas ás correntes de aire da estancia na que se atopa, que poden ascender e moverse durante horas en lugares pouco ventilados. Son moito máis pequenas cás gotículas, menores a 5 micras (μm), e por tanto 10 veces máis finas ca un cabelo. Pero poden ser o suficientemente grandes para conter o SARS-CoV-2 e, se multiplicamos o tempo de exposición, emítense en cantidade suficiente como para infectar a varias persoas na mesma estancia.

Esquema que amosa os diferentes tamaños das pingas respiratorias e os fómites (obxectos nos que se poden depositar partículas co virus) na comunicación persoal. Á esquerda, persoa infectada, e á dereita, persoa exposta ao virus. Fonte: Milton (2020).
Esquema que amosa os diferentes tamaños das pingas respiratorias e os fómites (obxectos nos que se poden depositar partículas co virus) na comunicación persoal. Á esquerda, persoa infectada, e á dereita, persoa exposta ao virus. Fonte: Milton (2020).

Asinan o informe científicos como Antonio Alcamí, Margarita del Val, Xavier Querol ou Gloria Sánchez (CSIC), Miguel Hernán (Universidade de Harvard), Pello Latasa (Goberno de La Rioja), Ana Robustillo (Hospital Universitario La Paz), Alfonso Valencia (BSC-CNS) ou José Luis Jiménez, da Universidade de Colorado, que desde hai meses defende a relevancia dos aerosois como vía principal de transmisión fronte ás reticencias que aínda amosan diversas institucións científicas e sanitarias.

O informe difundido polo Ministerio de Ciencia supón un paso adiante cara ao recoñecemento dos aerosois como principal vía de transmisión. Nel, destácase que entidades como os Centros de Control e Prevención de Enfermidades (CDC) dos Estados Unidos, e organismos como o Instituto Robert Koch de Alemania ou a Axencia de Saúde Pública do Reino Unido xa apuntan a estas pingas minúsculas como un factor clave na propagación da pandemia.

Os expertos expoñen que os aerosois, ao comportarse dunha forma semellante ao fume, incrementan o risco en espazos pechados e sen ventilar

Un dos puntos nos que incide o texto é o de “explicar á poboación a importancia da transmisión polo aire a través de aerosois respiratorios expulsados polas persoas infectadas, que se moven no aire como o fume“. Expoñen os científicos: “A énfase errónea nas pingas creou a percepción de que a máscara é un parapeto para protexer contra proxectís, cuxo axuste non é moi importante; o símil do fume axuda a entender a gran importancia do axuste”. Alén disto, insisten en “esforzarse a nivel gobernamental por incrementar a calidade das máscara en uso pola poboación”.

Recomendación de baixar a voz

Os aerosois, ao contrario que as pingas balísticas, non se transmiten só por contacto directo. Poden permanecer suspendidas no aire dunha estancia e, se esta non se ventila e hai unha cantidade de virus suficiente, acumúlase ata poder infectar á gran maioría das persoas presentes. Estas partículas máis pequenas, ao contrario que as gotículas de maior tamaño, poden inhalarse e, por tanto, aumentan a probabilidade de infección.

Con estas conclusións na man, o informe establecer tamén unha ampla lista de recomendacións para a poboación e os diferentes axentes da sociedade (institucións públicas e privadas, empregadores, etc.) para guiar as actuacións cara á asunción dos aerosois como principal factor de risco.

 

A transmisión de aerosois e, por tanto, do posible SARS-CoV-2 contido neles, multiplícase por 10 ao falar respecto a estar en silencio, e por 50 no caso de cantar ou berrar.
A transmisión de aerosois e, por tanto, do posible SARS-CoV-2 contido neles, multiplícase por 10 ao falar respecto a estar en silencio, e por 50 no caso de cantar ou berrar.

Entre elas destaca a de “baixar a voz en espazos interiores, dada a moita maior emisión de aerosois respiratorios ao falar có respirar (10 veces máis) e sobre todo ao berrar ou cantar forte (50 veces máis)“. E no caso do transporte público, por mor da maior presenza de persoas, o documento expón a recomendación de “non falar e, sobre todo, non cantar nin berrar”, como xa se fai no Xapón, lembra o texto.

Sobreestimación do contaxio directo

Ao tempo que reforza a hipótese da transmisión por aerosois, o texto reduce, por tanto, o papel que as gotículas teñen na cifra total de contaxios. Aínda que advirten de que cómpre manter todas as vías de control neste sentido.

En atención a isto, os expertos destacan a necesidade de cumprir co uso das máscaras, manter a hixiene e a distancia, realizar actividades en exteriores na medida do posible e instalar elementos de ventilación e filtración en espazos interiores, así como evitar eventos con alta densidade de persoas.

Preguntas abertas

Alén disto, o traballo destaca que permanecen “preguntas moi relevantes” por responder sobre a transmisión do SARS-CoV-2. Entre elas, destácase a necesidade de “estimar con maior certeza a proporción de transmisión que acontecen por cada unha das vías de transmisión e as condicións ambientais que facilitan cada tipo”, “demostrar a dose infecciosa do SARS-CoV-2 necesaria para que teña lugar a transmisión por aerosois entre persoas”, ou determinar se a Covid-19 pode agravarse no caso da transmisión por aerosois ao penetrar  máis profundamente nos pulmóns.


Podes consultar o informe científico sobre vías de transmisión do SARS-CoV-2 nesta ligazón (PDF).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que están aumentando os casos de covid en Galicia? Estas son as claves

Un maior movemento da poboación no verán, a caída da inmunidade e a aparición de novas liñaxes de ómicron poden ser os desencadeantes

Nova variante covid? Estes son os motivos polos que están aumentando os casos en España

O cambio de costumes durante o verán e a relaxación das medidas preventivas explicarían o incremento de contaxios

Sonia Villapol: “En Galicia estímase que 75.000 persoas teñen covid persistente”

A neurocientífica galega acaba de publicar un libro no que reflexiona sobre as leccións aprendidas durante a pandemia

Un equipo galego deseña un sistema para detectar o ARN do coronavirus

Tamén presentou avances en novas ferramentas de Intelixencia Artificial (IA) capaces de acelerar o desenvolvemento de fármacos