Martes 19 Marzo 2024

Unha tese da USC afonda na modelaxe matemática das biorrefinerías

O enxeñeiro Alberte Regueira presenta na súa investigación novas propostas para mellorar os procesos nestes sistemas, claves na economía verde e circular

A tese de doutoramento que vén de presentar Alberte Regueira López, enxeñeiro químico e investigador do grupo de Biotecnoloxía Ambiental do instituto CRETUS da USC, desenvolve modelos matemáticos para facilitar o avance tecnolóxico das biorrefinerías de plataforma carboxiladas, coa intención de que sexan sistemas de produción alternativos aptos para unha nova economía circular. A investigación, dirixida polo catedrático Juan Manuel Lema Rodicio e do investigador posdoutoral Miguel Mauricio Iglesias, do Departamento de Enxeñaría Química da USC, centrouse na modelaxe matemática deste tipo de biorrefinerías que están chamadas a xogar un papel importante na economía verde e circular do futuro inmediato.

A plataforma carboxilada é o único esquema de biorrefinería que permite converter e valorizar residuos orgánicos reais, como as augas residuais da industria conserveira ou láctea, en produtos de alto valor engadido tales como bioplásticos ou biocombustibles. “Nunha primeira etapa, estes residuos son transformados en ácidos graxos volátiles, coma o ácido acético ou butírico, en procesos de fermentación anaerobia; porén, que ácidos graxos volátiles se obteñen neste proceso e en que proporcións depende en boa medida do tipo de residuo ou das condicións da operación”, explica o investigador. Deste xeito, deseñar procesos de fermentación anaerobia dirixidos á valorización de residuos en produtos químicos é aínda un reto complexo. “Esta tese presenta, por primeira vez, as ferramentas matemáticas que permiten predicir os produtos desta transformación”, apunta.

Publicidade

Os procesos estudados na tese permiten obter bioplásticos e biocombustibles a partir de augas residuais da industria conserveira ou láctea

As mesturas máis axeitadas

Neste contexto, desenvolvéronse modelos matemáticos para predicir que ácidos graxos volátiles se producen nas fermentacións anaerobias dependendo dos residuos orgánicos empregados e das condicións nas que se opera. “Estes modelos teñen un gran potencial como ferramentas de deseño xa que con eles pódense determinar a priori as condicións de operación do reactor óptimas e idear as mesturas máis axeitadas de residuos orgánicos, aproveitando as posibles sinerxías entre residuos de distinta natureza, para dirixir o proceso cara a produción daqueles ácidos que desexemos”, explica Alberte Regueira, segundo recolle a USC.

Os resultados da tese xa se publicaron en diversas revistas internacionais do eido da enxeñaría ambiental e biotecnolóxica como Water Reserach, Chemical Engineering Journal ou Biotechnology and Bioengineering; alén de ser presentados en conferencias de ámbito internacional. Durante a súa tese, Alberte Regueira, colaborou con importantes centros de investigación españois e europeos como a Universidade de Alcalá de Henares, a Universidade de Newcastle en Reino Unido e a Universidade Técnica de Delft nos Países Baixos.

A investigación desenvolveuse co apoio do Ministerio de Educación a través dunha bolsa FPU e estivo enmarcada dentro do proxecto internacional BIOCHEM, no que participa a Universidade Técnica de Hamburgo en Alemaña e o centro VTT de Finlandia, financiado con fondos do Goberno de España, cuxo obxectivo é proporcionar un método para o deseño asistido por modelos matemáticos de procesos de fermentación anaerobia de cultivos mixtos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo da USC descobre un novo factor que altera o ciclo do carbono

O estudo realizado polos galegos Mar Sobral e Antonio Martínez Cortizas podería ser de utilidade na loita contra o cambio climático

As augas residuais de Santiago revelan menor consumo de cocaína pero un rápido aumento de MDMA

A capital galega tamén está no top 20 de cidades europeas auditadas que máis cannabis consomen

Un equipo galego participará na creación de alimentos a partir de augas depuradas

Un proxecto europeo desenvolverá un sistema acuapónico que combina a acuicultura tradicional co cultivo de plantas en augas rexeneradas

Polbos, chocos e luras: pezas clave para garantir a seguridade alimentaria

Científicos da USC expoñen os vínculos entre os ecosistemas, as políticas e o benestar humano para fomentar un sistema alimentario de cefalópodos máis sostible