Venres 29 Marzo 2024

A necesidade de apostar pola innovación, motivo central do acto de entrega dos Spin-Off PuntoGal

Mestrelab, Alice Biometrics, e o grupo LBD recibiron os seus galardóns nun acto celebrado no Paraninfo da UdC

As empresas Mestrelab Research e Alice Biometrics e o grupo de Investigación Laboratorio de Base de Datos (LBD) recibiron hoxe no Paraninfo da Universidade da Coruña (UdC) os galardóns correspondentes á V edición dos Premios Spin-Off PuntoGal, que distingue as empresas e grupos máis innovadores da economía e da rede de investigación galegas. A necesidade de apostar pola innovación, a investigacion e a transferencia de coñecemento foi o elemento común das distintas intervencións ao longo do acto celebrado esta mañá no Paraninfo da UdC.

Mesa de autoridades do acto. Foto: Anxo Iglesias

O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, o reitor da UdC, Julio Abalde, o vicerreitor de Calidade da USC, Jacobo Limeres, o concelleiro de Economía e Facenda do Concello de A Coruña, José Manuel Lage, e a responsable de RR.PP. e RSC de Gadisa, Iria Rodríguez, asistiron ao evento. Os premios están organizados polo dominio PuntoGal e GCiencia e contan coa colaboración da Secretaría Xeral de Universidades da Xunta e da empresa Gadis.

Publicidade

Durante a súa intervención, Román Rodríguez destacou o feito de que a maior parte da investigación que se fai en Galicia procede das universidades e sinalou que o Plan de Financiamento Universitario que se está a debatir nestes momentos ten como un dos eixes importantes incentivar a investigación e innovación. Ademais, gabou o “tesón” das empresas e grupos premiados e apuntou que o seu éxito será tamén o “da Galicia do futuro”.

Pola súa banda, Julio Abalde explicou que as universidades poden axudar co proceso de transformación dixital da economía e que ese proceso ten que facerse coa implicación dos grupos de investigación e das empresas que saen das instititucións académicas. “Parabéns ao dominio PuntoGal e a GCiencia polo traballo que fan para difundir o traballo que se fai nas tres universidades galegas”, engadiu.

Na súa intervención, José Manuel Lage aludiu ao papel “imprescindible” que xogan as universidades galegas pola transferencia de coñecemento cara ás empresas e sinalou que a única aposta posible para a economía galega é a da investigación e a xeración de valor engadido. Manuel González, presidente da Asociación PuntoGal, avogou por unha maior implicación da empresa privada no I + D, porque o nivel de investimento nesta área aínda é exiguo. “A empresa debe decatarse de que os recursos destinados á investigación non son un gasto, senón un investimento que máis pronto ou máis tarde lle xera beneficios económicos e sociais”, concluiu.

Premiados

Na categoría de Idea Emerxente, que premia a empresas de nova creación ou que levaran ao mercado unha idea innovadora recentemente, a gañadora foi Alice Biometrics, compañía viguesa que desenvolveu unha solución á necesidade de poñer en marcha sistemas de identificación biométrica remotos. O director técnico da empresa, Esteban Vázquez recolleu o galardón.

No apartado de Grupos de Investigación, o xurado elixiu como gañador ao Laboratorio de Bases de Datos (LBD), grupo adscrito á Universidade de A Coruña. O grupo que ven traballando dende o ano 1996 no ámbito das tecnoloxías de bases de datos e sistemas de información para a xestión de empresas e entidades, con fitos como a creación da Biblioteca Virtual Galega. Recolleu o premio Nieves Brisaboa, responsable do grupo e Premio Nacional de Informática no ano 2019.

Por último, Mestrelab Research obtivo o galardón no apartado Selo de Calidade, que distingue a empresas innovadoras que consolidaran unha traxectoria de prestixio nos últimos anos. Trátase dunha compañía nacida en 2004 na Universidade de Santiago que converteuse nun dos líderes mundiais no software especializado polos investigadores do sector biotech. O premio foi recollido polas directivas da spin-off Vanessa Castro e Cristina Geada.

Criterios do xurado

Entre os obxectivos destes galardóns figuran recoñecer a transferencia de coñecemento entre a Universidade e a Empresa e alentar o emprendemento que xurde desde os grupos de investigación universitarios. Tamén se tiveron en conta polo xurado factores como a capacidade de internacionalización dos proxectos presentados e a participación da muller nestas iniciativas.

Os integrantes do xurado foron as investigadoras Edita de Lorenzo, Andrea Muras e Sonia Martínez Arca, o representante da Secretaría Xeral de Universidades, Faustino Infante Roura, e a CEO da empresa Galchimia, Carme Pampín. Os premiados recibiron diplomas acreditativos dos galardóns e unha escultura de deseño exclusivo realizada polo artista galego alcumado como Sátrapa.

Este mesmo martes, ás 20:30, na canle de Twitch de divulgación científica Balea Vermella poderase seguir unha entrevista cos gañadores e con membros do xurado, así como interactuar con eles a través do chat.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Gciencia celebra o Día da Lingua Materna cun relatorio sobre a divulgación en galego

A xornalista Laura Filloy abordou a importancia de trasladar o coñecemento científico á sociedade nun acto celebrado no Campus de Lugo da USC

Desmontando Mitos en catro minutos, o novo pódcast da colaboración de Gciencia coa Fecyt

O xornal da ciencia estrea este sábado a cuarta temporada da serie creada para combater falsas crenzas
00:05:26

Gciencia fai 10 anos

O portal da ciencia culmina dez días de celebracións polo seu décimo aniversario

Máis xornalismo e máis divulgación

Editorial de Gciencia polo seu décimo aniversario