Abelleiros, paintball e outras cinco ocorrencias contra a Vespa velutina

Perdigóns, explosivos, supostas aves depredadoras, todo tipo de bebidas alcólicas... son algunhas das arrancadas vistas en Galicia para loitar contra a especie

Non hai semana na que non se fale dun novo descubrimento contra a vespa asiática (Vespa velutina), pero a invasión deste insecto parece que aínda non tocou teito en Galicia. Mentres a investigación permanece baixo mínimos, con algúns dos científicos que máis estudaron a especie no paro, xorden ocorrencias artesanais de todo tipo, alén das trampas repartidas pola Xunta de Galicia e outras Administracións para capturala. Ás veces convértese nun trampeo masivo que, segundo algúns investigadores, pode danar o ecosistema.

E precisamente por isto, debido á falta de apoio público ás investigacións en profundidade, xorden ideas que deben facer virtude da necesidade: a invasión apremia e, en moitos casos, cómpre actuar canto antes. Esta é unha escolma dalgunhas das ideas vistas e escoitadas en Galicia para combater a vespa asiática.

Publicidade

A tiros

Ás veces, debido aos problemas para retirar os niños polo difícil acceso, hai quen non pensa en facer cumprir o refraneiro, matando insectos con balas de gran calibre. Pola rede hai varios vídeos nos que se ven, ben a cazadores aficionados, ou mesmo a operarios públicos, disparando aos niños de vespa velutina.

Unha medida canto menos cuestionable para algúns expertos: alén do perigo que pode causar a reacción agresiva da vespa, téñense atopado niños que resisten despois de recibir disparos.

Publicidade

Hai quen proba con balas menos daniñas: o Concello do Carballiño xa mercou un fusil de paintball que leva cápsulas con insecticida ao interior dos niños. Algo que tamén probaron en Francia.

Con explosivos

É outro dos métodos usados para destruír os niños que se atopan en lugares de difícil acceso. Neste vídeo, o operario Lolo Andrade amosa como, coa axuda dunha pértega, coloca unha carga explosiva no interior do niño que se detona a distancia. Un método que xa se estendeu a Asturias.

Con lume

Outra das alternativas usadas mediante a pértega, en vez dos explosivos, é a que amosan nestas imaxes os bombeiros de Ferrol. Unha especie de soprete que prende lume aos niños.

Drones

Onde non poden chegar as pértegas, xa hai quen desenvolveu unha idea baseada en drones. É o caso da empresa lalinense Aerocamaras, que desenvolveu un método para que estes vehículos aéreos inxecten veleno dentro do niño.

‘Drone Velutina’: combatendo á vespa asiática dende o aire

Descargas eléctricas

As arpas eléctricas amosan tamén un gran abano de variedades. Aparecen sobre todo preto das colmeas, para evitar a depredación das abellas por parte da vespa asiática.

Cóctel de bebidas

A variedade de bebidas alcohólicas e azucradas que poden verse nas trampas artesanais é enorme. Na guía de elaboración das trampas artesanais, a Xunta recomenda cervexa negra, viño branco, zume de arandos e azucre. Pero as variantes os incontables: desde cervexa rubia, ata todo tipo de zumes, pasando por bebidas como o Cointreau ou o coñac.

O miñato abelleiro

Científicos como Xulio Maside, da USC xa traballan na busca de posibles aliados biolóxicos (fungos, outros insectos ou parasitos, por exemplo) que poidan frear á especie. Porén, é unha liña que aínda está comezando, e por agora aínda non se obtiveron resultados concluíntes. Mais nos últimos días falouse moito da opción de usar o miñato abelleiro (Pernis apivorus) para cazar velutinas.

Como o seu nome indica, aliméntase de abellas, pero tamén de vespas, anfibios, saltóns, e pequenos mamíferos. Un estudo do ornitólogo José Manuel Fernández apunta a que come máis velutina onde hai máis velutina, mais o propio experto adianta que “non vai ser a solución”.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:06:28

Un microscopio feito a medida para estudar nanopartículas individuais

Investigadores do CINBIO incorporan un equipo hiperespectral de campo escuro sen equivalente comercial, capaz de medir moléculas que ata agora só se podían analizar en conxunto

Un estudo galego revela que os lumes favorecen ás aves máis afectadas polo abandono rural

A USC e o CSIC investigan a Serra do Xurés e analizan a recuperación desigual segundo o hábitat, cunha maior vulnerabilidade das especies forestais

Extraer ADN de amorodos ou resolver unha ‘escape room’ climática: así será a sexta edición da G-Night

A Noite Galega das Persoas Investigadoras terá lugar o 25 de setembro de xeito simultáneo nas sete cidades galegas

Identificadas moléculas con potencial terapéutico en cancro no primeiro leite das vacas tras o parto

Un equipo galego revela que as vesículas extracelulares do calostro bovino frean de forma reversible a proliferación de tumores gastrointestinais