A loita contra a praga máis ameazante que invadiu o campo e as cidades galegas nos últimos anos xa conta cun novo aliado, o Drone Velutina. Este aparello, desenvolvido pola empresa lalinense Aerocamaras, xa está a ser utilizado en moitos lugares de Galicia, Asturias e Portugal para eliminar os niños da vespa asiática que se converteron nos últimos tempos no pesadelo de agricultores e cidadáns en xeral.
A compañía galega aplicou os seus dez anos de experiencia no traballo con drones para desenvolver un enxeño que permite acabar cos niños nun tempo record de 15 minutos e evitando os riscos que supón o traballo a gran altura fronte a uns insectos que poden actuar de forma agresiva.
Drone Avispa Asiática/Velutina Aerocamaras – www.dronevelutina.com from Aerocamaras / Dreams Factory on Vimeo.
“Este verán actuamos nuns dez niños por semana e esperamos que en outubro e novembro poidamos seguir traballando porque van quedar ao descuberto moitos niños nas árbores”, indica Antonio Sánchez, responsable de Comunicación de Aerocamaras.
O Drone Velutina comezou a funcionar a finais do pasado verán e o seu desenvolvemento é un exemplo da forma de traballar de Aerocamaras na creación de drons que actúen en campos tan diversos como a vixilancia de incendios ou liñas eléctricas ou a gravación de anuncios publicitarios.
Neste caso, o dron conta cunha pértega de 4 metros de longo que permite aproximarse ao niño, aínda que se atope a gran altura, e inxectar no seu interior o insecticida que permite acabar coas velutinas. Entre as vantaxes do uso deste drone destacan que non é necesario arriscarse en realizar tarefas complicadas a gran altura e non se xera ningún tipo de residuo para o medio ambiente.
O ‘Drone Velutina’ pode traballar dende 500 metros con total seguridade
No desenvolvemento do proxecto contouse con asesoramento de bombeiros que traballan habitualmente na eliminación destes niños. “O avó do CEO da nosa empresa, Jaime Pereira, é viticultor e tamén se implicou na creación deste dron”, sinala Sánchez.
Institucións (especialmente concellos) e particulares son os usuarios habituais deste sistema que permite acabar cos niños nun tempo record de 15 minutos, sen ter que esperar a que actúen os equipos de organismos que poden tardar días e ata semanas en acudir para eliminar un niño. Aerocamaras ofrece tamén formación para aprender a manexar estes drons.
Para a eliminación dos niños adoitan acudir dúas persoas da empresa, cualificadas para traballar con produtos fitosanitarios e que poden manexar o drone a unha distancia de ata 500 metros do obxectivo.
A empresa de Lalín comezou a traballar no campo dos drons hai xa unha década e a súa longa experiencia neste terreo levoulles a desenvolver diversos enxeños propios, entre os que se atopa un dron híbrido, que mediante un sistema de recarga eléctrica de baterías permite contar cunha autonomía de ata catro horas, fronte aos 20 minutos que alcanzan a maioría dos drons.
Sánchez explica que Aerocamaras distribúe principalmente drons da marca DJI, unha das máis prestixiosas do mundo pero adapta estes dispositivos a diversas tarefas, o que lle permitiu contar con clientes en diversos puntos de España, ademais de en países como Emiratos Árabes ou México.
Outra das liñas de traballo da empresa, que conta con preto de 50 empregados, é a formación de pilotos de drones. Para iso conta con máis de 22 puntos adestramento distribuídos por toda España e ao longo destes anos xa formaron a máis de 4.000 pilotos. “Somos unha das empresas punteiras de España e Europa neste apartado”, conclúe Sánchez, quen destaca o papel que a investigación tivo e vai seguir tendo no desenvolvemento de Aerocamaras.