Terras Gauda reduce un 20% o impacto ambiental das viñas grazas ao I+D+i

Desde hai tres anos, a empresa Terras Gauda desenvolve o proxecto europeo Foodie, que usa as vantaxes da recollida e análise en tempo real de grandes volumes de datos no sector agrícola. Grazas a este traballo de I+D+i, a empresa conseguiu reducir ata un 20% o impacto ambiental nas viñas. O sistema consta de sensores instalados nos propios cultivos, xunto aos datos recollidos por satélites europeos e o rexistro de actividades actuais e de anos anteriores na viña.

Segundo expoñen desde Terras Gauda, a viticultura de precisión é xa “unha realidade”, despois de dúas campañas traballando co software e a plataforma Cultiva, cuxos beneficios foron constatados en catro aspectos de importancia clave: unha maior sustentabiidade ambiental ao optimizar os tratamentos e abonos, unha mellora no rendemento das parcelas, tanto no potencial cualitativo como no de produción da uva, a inmediatez na toma de decisións relativas á intervención no viñedo e unha maior eficacia na xestión dos recursos.

Publicidade

Reduciuse o uso de fitosanitarios, abonos e o consumo de combustible da maquinaria

Con estas accións, Terras Gauda puido dispoñer de recomendacións moi precisas para minimizar este impacto ambiental, que diminuíu ata nun 20% no número de aplicacións fitosanitarias e un 15% no uso do abono. A isto hai que engadir, segundo destacan, un menor gasto de combustible na maquinaria precisa para estas actuacións, o que reduciu tamén as emisións de CO2 a atmosfera, e unha maior eficacia na xestión dos recursos e custos de produción.

Con esta recollida, análise e interpretación de datos en tempo real, desde Terras Gauda poden tomar moitas decisións de xeito inmediato. Así, ante calquera incidencia nas viñas, é posible actual nun lapso de tempo curto, cando anteriormente era preciso un maior período desde que se detectaba o problema ata que se interviña.
Grazas aos datos que achegan os satélites, aos sensores e aos algoritmos de predición que desenvolven a empresa Seresco e a Misión Biolóxica de Galicia (MBG), do CSIC, a empresa conseguiu mellorar o estado das viñas en momentos clave, como a floración, o callado do froito e a maduración, o que repercute de xeito positivo na calidade, estado e produción da uva. Isto conséguese debido a que a plataforma achega recomendacións precisas e por parcelas para poder actuar segundo as necesidades de areas de viñedo moi definidas.

Publicidade

Así, grazas á participación no proxecto Foodie, é posible acceder a alertas temperás de meteoroloxía, maduración, incidencias na vide, indicadores de vigor, humidade ou chuvia acumulada en tempo real. Tamén se fai unha análise histórica tendo en conta todas as variables: zonas, variedades, etc. E establécese o momento óptimo e a orde para vendimar, predicindo incluso a produción por parcelas.

Deste xeito, Terras Gauda mantén a súa aposta polo I+D+i, colaborando en moitos casos coa MBG. Nesta liña, o proxecto conxunto máis recente é unha aposta coa que conseguiron potenciar de forma natural as propiedades biosaudables dos viños, aumentando de xeito substancial a concentración de flavanois extraídos da uva.

A expansión de Terras Gauda

Neste 2018, o traballo de Terras Gauda destacouse pola súa chegada a La Rioja, coa compra dunha adega en Alfaro, que contribúe a mellorar a competitividade global do grupo e chegar a novos segmentos do mercado.
Hoxe en día, a empresa está presente en 60 mercados, con exportacións que representan un 20% das súas vendas, sobre todo no Reino Unido, Noruega, Estados Unidos, Suíza, Alemaña e México.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Europa amplía o número de especies afectadas pola covid das plantas que ameaza Galicia

Un informe cifra en 728 os vexetais susceptibles á 'Xylella fastidiosa', unha bacteria que causa enfermidade grave e incluso a morte nalgúns cultivos clave para a economía comunitaria

Pódcast | Como coidar o planeta con algoritmos verdes

As investigadoras do CITIC Amparo Alonso e Bertha Guijarro analizan os custos ambientais dos grandes modelos de intelixencia artificial

Un novo produto permite reducir as emisións contaminantes nas explotacións gandeiras

Investigadores da UVigo desenvolven un 'biochar' de alta flotabilidade elaborado con residuos forestais que actúa como filtro sobre as fosas de xurro

Confirmados os dous primeiros casos de peste porcina africana en España dende 1994

Os positivos foron detectados en xabarís achados mortos, o 26 de novembro, en Bellaterra (Barcelona) e notificados polos servizos veterinarios oficiais de Cataluña