Domingo 13 Outubro 2024

Sonia Villapol: “Os síntomas a longo prazo tamén xorden en quen tivo Covid-19 leve”

A neurocientífica galega, que traballa en Houston, participou este martes nos encontros de GCiencia arredor do 'aniversario' da pandemia

A investigadora Sonia Villapol Salgado (Bretoña-A Pastoriza, 1977), que actualmente traballa no instituto de investigación Houston Methodist (Texas, Estados Unidos), participou este martes nos encontros de GCiencia cos que se abordan as claves da pandemia da Covid-19 a días de que se cumpra o ano da declaración do estado de alarma no territorio español por mor da transmisión do virus. Villapol, experta en neurociencia, está a participar tamen en varios equipos de investigación que, desde diversas perspectivas, estudan os efectos da Covid-19 na microbiota, o cerebro ou no conxunto do organismo a longo prazo.

Microbiota e efectos a longo prazo

Desde hai meses, o equipo do que forma parte Sonia está estudando como evoluciona a microbiota intestinal durante o desenvolvemento da enfermidade en función da situación clínica das persoas afectadas. Coñecendo isto, explica, poderían abordarse novos tratamentos que reduzan a inflamación e, ademais, eviten posibles efectos a longo prazo.

Publicidade

Neste último punto, publicaron hai poucas semanas unha versión preliminar dunha metaanálise (revisión de artigos sobre un determinado tema, na linguaxe científica) na que se estudaron case 19000 traballos en todo o mundo. As conclusións chamaron a atención polo grande abano de síntomas (máis de 50) persistentes a longo prazo despois da infección do SARS-CoV-2. Pero tamén pola alta frecuencia dos mesmos. Oito de cada 10 pacientes con Covid-19 presentaban polo menos un síntoma persistente desde os 14 días ata as 16 semanas despois da infección aguda, explicaba Villapol nun artigo publicado en febreiro.

Os síntomas máis comúns a longo prazo xiran arredor da fatiga crónica, con sinais como a dor de cabeza persistente ou en forma de migrañas, o cansazo, a sensación de falta de aire ou a dor muscular. “Un dos detalles que máis nos chamou a atención – explicaba Villapol na entrevista –  é que os síntomas a longo prazo tamén xorden en quen tivo Covid-19 leve. E isto é unha incógnita que temos que investigar e resolver. Non sabemos por que pasa, pode ser que fiquen no organismo restos do corpo que sigan causando inflamacións… é unha gran pregunta por responder”, explica a científica.

Publicidade

Villapol expuxo que os efectos a longo prazo “afectan un 70% máis ás mulleres”

Outro dos aspectos que salientou na conversa foi a notoria diferenza que a Covid-19 provoca entre sexos. “Xa se sabía que os procesos inflamatorios son distintos en homes e mulleres,porque o sistema inmune é distinto. E na Covid-19 vémolo tamén. Pode que teña que ver coa porta de entrada do virus, o receptor ACE2, que modulan a súa expresión en función dos niveis de estróxenos ou andróxenos”. Isto pode ser, segundo Villapol, unha das explicacións para entender que os homes sofren unha fase aguda da infección máis grave, por norma xeral. Pero a longo prazo son as mulleres as que experimentan este tipo de síntomas. “Os datos din que afectan un 70% máis ás mulleres neste caso“, conta a científica lucense.

Problemas neurolóxicos

Sonia Villapol referiuse tamén aos problemas neurolóxicos que experimentan parte dos afectados. “É unha infección multisistémica, que compromete ao sistema inmune, e pode provocar tamén danos no cerebro. E isto é o que nos preocupa máis. Levamos anos investigando pero seguimos sen atopar solucións para moitos dos procesos inflamatorios no cerebro”.  A esta problemática referiuse Villapol noutro artigo publicado en outubro, no que explicaba que a infección do SARS-CoV-2 tamén causa dor de cabeza, confusión, delirio ou perda de memoria por mor da invasión do sistema nervioso por parte do virus.

Villapol, graduada en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela (2003) tamén se referiu ás eivas no apoio á I+D+i en Galicia e España, manifestadas durante a pandemia. “Isto non nos descubriu nada novo, pero é unha pena que isto non se aproveite para dar un empurrón forte á aposta pola ciencia. Seguimos vendo que se carece de apoio, por exemplo, a grupos de referencia que temos en disciplinas como a xenómica, e que poderían estar axudando moito ao control das novas variantes”, dixo a científica, que tamén respondeu a varias preguntas formuladas polo público de GCiencia.

Diante das perspectivas a curto e medio prazo, manifestou o seu optimismo diante da inmunización. “Temos que vacinar a canta máis xente se poida e o máis rápido posible. Pero mentres non academos niveis máis altos hai que evitar os riscos. As vacinas poden transmitir unha mensaxe á xente de que isto está resolto. Pero non, hai que seguir alerta ata chegar a niveis máis baixos de transmisión. É unha maratón, pero xa queda pouco“, concluíu.

A conversa con Sonia Villapol é a segunda organizada por GCiencia no marco do aniversario da Covid-19, despois da que tomou parte o doutor Juan Gestal. Durante a primeira quincena de marzo, o portal recollerá, a través de diversos formatos, as claves deste ano de pandemia e as perspectivas cara ao futuro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

▪️ Un libro homenaxea o Matemático como o gran científico de Galicia

A obra da RAGC e do CCG está producida por GCiencia e coordinada polo académico Juan José Nieto Roig

GCiencia incorpórase ao Padroado de FEUGA

O portal de divulgación científica reforza o seu compormiso co desenvolvemento tecnolóxico, social e económico coa súa entrada na Fundación Empresa-Universidade Galega

Luis Enjuanes, virólogo: “Hai que estar moi alerta, a polio está emerxendo polas guerras”

O experto en coronavirus participa no Congreso Nacional de Viroloxía que se está a celebrar esta semana en Santiago

Máis alá do mpox: as cinco emerxencias sanitarias do século XX que viviu Galicia

A sociedade leva miles de anos enfrontándose aos microorganismos e ás enfermidades infecciosas como a varíola ou a poliomielite