O conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Julio García Comesaña, nunha comparecencia no mes de decembro. Á dereita, novo mapa de restricións. Foto: Xunta de Galicia.
O conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Julio García Comesaña, nunha comparecencia no mes de decembro. Á dereita, novo mapa de restricións. Foto: Xunta de Galicia.

Novas restricións na Coruña, Santiago e Ourense por mor do aumento de casos

A Xunta eleva a nivel máximo as medidas de control despois de constatar un importante aumento de casos durante as festas do Nadal

O aumento de casos de Covid-19 detectados nos últimos días en Galicia, con cifras semellantes ás da segunda onda da pandemia no mes de novembro, motivou que o subcomité clínico que asesora á Xunta de Galicia, reunido este venres, abrise o camiño dunha nova ‘escalada‘ de restricións.

A desfavorable evolución levou a elevar ao nivel máximo as restricións nos municipios de Santiago, Ames e Teo. No seguinte chanzo (medio-alto) quedan A Coruña xunto con Arteixo, Cambre e Culleredo, e Ourense e Barbadás. Do mesmo xeito, o peche perimetral da comunidade segue vixente ata finais do mes de xaneiro, toda vez que preocupan as cifras da pandemia ao outro lado da ‘raia’, en Portugal, segundo expuxeron os responsables de Sanidade.

O conselleiro, Julio García Comesaña, confirmou o incremento de transmisión derivado do levantamento dalgunhas restricións para os encontros sociais do Nadal. Ademais avanzou, segundo os criterios marcados por autoridades sanitarias internacionais, o desenvolvemento de cribados nas zonas con maior incidencia e en colectivos como os estudantes universitarios que regresan aos campus despois das xornadas festivas do Nadal para conter o aumento de casos.

Os peneirados masivos, despois do realizado este venres na Illa de Arousa, estenderanse a Bueu e outras localidades. Do mesmo xeito, os universitarios que regresen dos seus lugares de orixe, logo de pasar as vacacións de Nadal, ás cidades onde estudan, poderán de novo inscribirse no rexistro de viaxeiros para solicitar que se lles faga unha PCR.

Mapa de restricións

Coas novas medidas, as áreas metropolitanas de Santiago e A Coruña verán reducido o horario de apertura e a capacidade dos locais de hostalaría e o número máximo das agrupacións de persoas. Ademais destas medidas, Ourense e Barbadás, volven semanas despois ao peche perimetral, xa que estaban ata o anuncio desta tarde no nivel básico de limitacións.

Aquí podes consultar os detalles:

Deste xeito, os municipios de Ames, Baiona, Boiro, Bueu, Cambados, Castrelo do Val, Cualedro, O Grove, Lousame, Monterrei, Noia, Rianxo, Ribeira, Santiago de Compostela, Sanxenxo, Teo, Verín, Viveiro están no nivel máximo de restricións.

No seguinte chanzo (nivel medio-alto), están os municipios de Arteixo, Barbadás, A Coruña, Camariñas, Cangas, Carral, Dumbría, Ferrol, Fisterra, Gondomar, A Guarda, A Illa de Arousa, Marín, Mazaricos, Meaño, Mos, Muros, Negreira, Nigrán, Ourense, Outes, A Pobra do Caramiñal, Poio, Pontevedra, O Porriño, Porto do Son, Redondela, O Rosal, A Rúa, Santa Comba, Sarreaus, Tomiño, Tui, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Vilalba, Vimianzo, Xinzo de Limia, Xove e Zas.

No nivel medio quedan Moaña, Narón e Soutomaior. Nestes tres primeiros niveis decrétase un peche perimetral, individual ou agrupado en función da situación de cada municipio.

O resto do concellos galegos están no nivel básico, con liberdade de circulación entre eles, mais tamén con restricións na hostalaría, as agrupacións e o confinamento nocturno de 23 a 6 horas, que rexe en todo o territorio.

A consellería de Sanidade expuxo posteriormente nunha nota de prensa que as medidas entran en vigor na medianoite do venres 8 ao sábado 9, despois da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

É probable que na vindeira reunión do comité clínico, que se celebrará o vindeiro martes, se tomen novas medidas nalgúns concellos en función da evolución epidemiolóxica observada ata ese momento.

“Blindar” as residencias

Tal e como avanzara a mediodía o presidente da Xunta, o Goberno acordou “blindar” as residencias da terceira idade ata que se complete a inmunización das persoas usuarias e traballadoras destes centros, un colectivo prioritario na campaña de vacinación iniciada o pasado 27 de decembro. A medida concreta, segundo expuxo o conselleiro de Sanidade, será da limitación das visitas a unha persoa por semana, ademais de impedir a saída dos residentes das mesmas.

Nos últimos días, o aumento da transmisión estendeuse tamén a varias residencias de persoas maiores. Así, hai brotes activos na DomusVi de Vimianzo (72 usuarios e 20 traballadores), San Bartolomeu de Xove (24 e 12), Paz y Bien de Tui (33 e 1), San Sebastián e San Lázaro-Ribadeo (18 e 3), Ribeira (18 e 2) e Pastoriza (18 e 2), Moledo-Vigo (11 e 4), e casos tamén noutros centros. En total, 214 usuarios e 94 traballadores figuraban este venres como casos activos de Covid-19, segundo os datos do Servizo Galego de Saúde.

A Xunta de Galicia priorizou na súa estratexia de vacinación a preto de 40.000 persoas vinculadas a estes centros (22.000 usuarios e 17.000 traballadores). Segundo os últimos datos facilitados polo Ministerio de Sanidad, en Galicia administráronse ata o xoves máis de 20.000 doses da vacina de Pfizer-BioNTech, un 54% das 37.000 enviadas ata o momento polo Goberno español. Con todo, a Consellería de Sanidade reservará unha parte destes antídotos para previr posibles problemas loxísticos e garantir a inmunización completa das persoas que teñan inxectada xa a primeira dose, e que deben recibir a segunda nos 21 días seguintes.

A inmunidade non se acada ata unha semana despois da segunda dose, polo que seguen xurdindo brotes nalgunhas residencias

“Queremos no mes de xaneiro inmunizar a todo o persoal de residencias da terceira idade”, expuxo Alberto Núñez Feijoo. “E para iso, probablemente o comité clínico adopte a decisión de blindar as residencias da terceira idade mentres non consigamos vacinar e dispensar as dúas doses a todo o persoal e por suposto aos residentes”, avanzou o presidente da Xunta.

A nova decisión busca evitar, por tanto, os brotes xurdidos nos últimos días en residencias onde xa se comezou a vacinación. Aínda que os usuarios e traballadores recibiron o antídoto, a efectividade non é completa (neste caso, o máis do 90% que se observou nos ensaios clínicos) ata unha semana despois de ser administrada a segunda dose. Do mesmo xeito, o agravamento de moitas patoloxías crónicas durante os meses de inverno poden complicar a situación asistencial no caso de aumento da transmisión do coronavirus. Así o advertiu José Flores, xerente do Sergas, despois de constatar o aumento de ingresos por coronavirus en pasadas xornadas.

Situación actual

Os distintos indicadores sobre a situación da pandemia amosaron de novo este venres o crecemento na terceira onda. Desde o comezo da pandemia, Galicia rexistrou máis de 67.000 casos de coronavirus, dos que case 59.000 superaron a infección.

Entre as 18h dos días 6 e 7 de xaneiro confirmáronse 535 casos mediante proba PCR, pero a serie histórica que o Sergas achega no seu web eleva a 707 os diagnósticos con data do 6 de xaneiro, o que supón unha das meirandes cifras de toda a pandemia neste indicador, só por detrás do cumio da segunda onda (aínda que é probable que na primeira o número real de casos, alén dos detectados, fose maior). A positividade medrou tamén ata preto do 10% nos últimos días, a pesar do aumento no número de probas realizadas. Isto constata, por tanto, o aumento da transmisión detectado tras o relaxamento das medidas nas festas do Nadal.

Os casos activos son xa 6.889, 189 máis có xoves. A Coruña, cun importante incremento nos últimos días, é xa a área con máis positivos, aínda que a incidencia acumulada en Santiago é meirande (pola súa menor poboación). Ademais, as dúas cidades están xa por riba de 250 casos/100.000 habitantes nos últimos 14 días.

Máis de 100 concellos están cunha incidencia acumulada superior a 250. Alén das cidades máis afectadas (A Coruña e Santiago), municipios como Ames, Viveiro, Xove, Arteixo, Vimianzo ou Ribeira suman máis de 100 positivos nas últimas semanas. A terceira onda está tamén golpeando con forza en concellos como Tomiño, Tui, A Illa de Arousa, Boiro, Xinzo de Limia, Noia, A Estrada, Bueu, Teo ou Valga. Outra parte deles rexistran un reducido número de infeccións, pero a súa escasa poboación eleva esta incidencia por riba dos 250 casos/100.000 habitantes.

Na outra banda, máis de 60 concellos suman dúas semanas (ou máis) sen rexistrar ningún caso de Covid-19. Boa parte deles sitúanse nas provincias de Lugo e Ourense.

En canto á carga asistencial, este venres descende lixeiramente pola caída de persoas con Covid-19 en unidadades de hospitalización (de 362 a 350), pero as persoas na UCI soben de 57 a 63. Os hospitais da Coruña, Santiago e Ferrol son os que presenta unha maior ocupación.

As persoas falecidas son 1436, sumando cinco persoas máis á cifra previa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.