Dieta alcalina: un réxime enganoso

A meirande parte dos produtos recomendados neste réxime son axeitados, pero esta dieta pode ser deficiente en nutrientes

Os novos anos adoitan estar cheos de propósitos. No referente á alimentación, ademais, os excesos do Nadal levan a moitas persoas a marcarse nos meses seguintes réximes alimentarios para coidar a saúde. E nos últimos anos, unha das supostas dietas que máis pulo colleu foi a dieta alcalina. Sostense que, consumindo determinados alimentos, é posible alcalinizar os fluídos do organismo, é dicir, acadar un pH máis básico e, deste xeito, mellorar a nosa saúde.

Hai moitas dietas, porén, que ben supervisadas e recomendadas por persoas con coñecementos en Nutrición, son adecuadas para mellorar a saúde. Pero nun mundo no que a alimentación é o eixe de moitas estratexias de márketing e move unha cantidade moi importante de diñeiro, hai outras dietas que teñen pouco de evidencia.

Publicidade

“A dieta alcalina é unha máis destas dietas que de cando en vez se poñen de moda; e apóiase, principalmente, en froitas, verduras e legumes, e tamén cereais integrais. O que propoñen os seus impulsores é que con ela conseguimos alcalinizar o pH do noso organismo, e que así se prevén as enfermidades, xa que as principais enfermidades ou as células canceríxenas se desenvolven nun medio ácido”, expón Rosaura Leis, profesora titular de Pediatría na USC e investigadora principal no grupo de Nutrición Pediátrica no IDIS.

A mensaxe parece positiva, pero garda truco: “O pH do noso organismo non é único, varía segundo os órganos ou sistemas, polo que a súa modificación polos alimentos parece altamente improbable”, advirte Leis. A escala do pH, ou potencial de hidróxeno, vai, na meirande parte das disolucións do 0 (moi ácido) ao 14 (moi alcalino). E cada parte do organismo móvese en marxes moi estreitas, desde o estómago (máis ácido) ao sangue (máis neutro), que non se poden ver influídas polo consumo de determinados alimentos ou bebidas ácidas ou alcalinas.

Publicidade

O organismo ten os seus propios mecanismos para regular o pH, e isto non pode facerse mediante a alimentación

“Non hai evidencia científica con relación a isto: o noso organismo ten mecanismos para controlar a acidez e a alcalinización mediante, o que se chama o equilibrio ácido-base, mediante o sistema respiratorio, os nosos riles, etc.”, engade a investigadora e docente da USC.

“Os alimentos nos que se basea a dieta alcalina son alimentos saudables, que ademais de nutrientes achegan compoñentes funcionais que teñen efectos fisiolóxicos positivos, nos axudan a controlar o colesterol, a tensión arterial, a glucemia, e polo tanto a disminuir o risco de enfermidades, especialmente as enfermidades no transmisibles, que son hoxe a principal causa de morbilidade e mortalidade. Pero estes alimentos, como os cereais integrais ou as froitas e verduras, ou os cereais xa forman xunto con outros alimentos parte importante da pirámide alimentaria doutras dietas altamente recomendables como a nosa, a Atlántica, ou a Mediterránea”, apunta Rosaura Leis.

É dicir, unha boa dieta é a base para unha boa saúde. Cómpre coidar o que comemos, e no noso caso, adherirnos as nosas tradicións alimentarias e gastronómicas: “Consumir cereais integrais, froita e verduras, lácteos, aceite de oliva, peixe abundante, legumes, carne magra… e dicir a nosa dieta tradicional Atlántica, fixo que hoxe teñamos unha das esperanzas de vida máis lonxevas no mundo, e con maior calidade de vida; loxicamente non é só pola dieta, senón tamén pola actividade física, a propia xenética e os cambios económicos e sanitarios que vivimos nos últimos anos”.

Porén, Leis advirte da necesidade de manter estes bos hábitos nas novas xeracións. “Como pediatra teño que advertir de que os nosos nenos e nenas están perdendo adherencia a este tipo de dietas, e de seguir así é probable que acaben vivindo menos, ou con peor calidade de vida, do que o fixeron os seus avós e mesmo que os seus pais.

QUIZ: A dieta alcalina, axeitada pero enganosa


Coa colaboración de

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que está de moda o magnesio?

Unha inxestión insuficiente do mineral pode asociarse a fatiga, debilidade e alteracións neuromusculares, pero non significa que haxa que suplementarllo a todo o mundo

Que peixes son os máis sans para comer?

A seguridade fronte a contaminantes é clave no consumo de especies mariñas, co metilmercurio como principal risco sanitario. Por Antonio Figueras

As dietas pobres en cereais, verduras e sementes elevan o risco de infarto

A alimentación deficiente foi a responsable de catro millóns de mortes por cardiopatía isquémica en 2023

Quefir ou iogur? Estes son os beneficios para a nosa saúde intestinal

Ambos os produtos son máis fáciles de dixerir que o leite, xa que parte da lactosa se consome durante a fermentación