Xoves 25 Abril 2024

Galicia, en plena terceira onda con máis de 1.000 casos confirmados en dous días

O comité clínico debaterá este venres un aumento de restricións diante do aumento da incidencia e a ocupación hospitalaria

A terceira onda da pandemia da Covid-19 xa é unha realidade. Despois de varias semanas de estabilización no número de infeccións detectadas, casos activos e ocupación hospitalaria, as diversas cifras achegadas nos últimos días constatan a repunta. Especialmente relevantes son os datos dos últimos dous días, onde se confirmaron máis de 1.000 casos. E en menos dunha semana, o indicador de casos activos, que amosa as persoas baixo seguimento, medrou tamén nun milleiro, pasando de 5.732 a 6.700. Esta repunta xa se nota nos hospitais, onde nos vindeiros días, con moita probabilidade, seguirá incrementándose a ocupación. O panorama levará, con moita probabilidade, a que o comité clínico que asesora á Xunta de Galicia tome este venres a decisión de incrementar as restricións nas zonas que máis preocupan, nomeadamente nas áreas da Coruña e Santiago de Compostela. Galicia mantense, con todo, cunha incidencia acumulada nas últimas dúas semanas arredor dos 210 casos/100.000 habitantes, por baixo da media de España, que xa supera os 300.

Rápido aumento nas cidades

Nas semanas anteriores, mentres estaba vixente o peche perimetral en case todas as cidades (actualmente só se libran Lugo e Ourense), o aumento de casos concentrouse en localidades do oeste da provincia da Coruña, a costa pontevedresa, o sur de Ourense ou A Mariña. Porén, nos últimos días, as cifras de cidades como A Coruña ou Santiago, cun rápido incremento na incidencia acumulada, rozando xa os 250 casos/100.000 habitantes en 14 días, preocupan ás autoridades sanitarias. É de agardar, por tanto, que nestas áreas se aumente o nivel de restricións, que levará á redución no horario de apertura e a capacidade máxima nos locais de hostalaría, así como no número de persoas que se poden reunir, de 6 a 4, tal e como establecen os niveis de alerta marcados pola Xunta de Galicia.

Publicidade

O limiar da incidencia en 250, un dos indicadores que marcan a posibilidade de aumentar as restricións, supérase tamén en boa parte dos concellos do litoral oeste da Coruña e Pontevedra e noutras vilas do país. Así, alén das cidades, en 15 municipios (Ribeira, Vimianzo, Xove, Boiro, Verín, Viveiro, Ames, A Illa de Arousa, Tomiño, Xinzo de Limia, Santa Comba, A Estrada, Bueu, Noia e Rianxo) detectáronse máis de 50 casos de coronavirus nos últimos 14 días. A incidencia é tamén elevada noutros concellos como Teo, Valga, Mos, Carral, A Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Outes, Baiona, Muros, Burela, Barbadás, Camariñas, Cee, Pontedeume, Val do Dubra, Ribadeo, Laxe, Melide, Negreira, Monterrei, Salvaterra de Miño, Coristanco, Lobeira, Barro, Padrón ou A Pastoriza, con máis de 20 positivos nas últimas dúas semanas. Así está o mapa de incidencia en Galicia.

A repunta da terceira onda

Os datos difundidos nas últimas actualización do Sergas, nos que se achega información sobre cada área sanitaria, constatan que os novos positivos aumentan rapidamente na Coruña e Santiago. E as cifras globais medran tamén a unha importante velocidade; á espera de que se consoliden os datos máis recentes (cada caso require unha revisión para situalo nunha data concreta, o que leva a unha infranotificación nos días anteriores), a serie histórica do Sergas xa sitúa 584 novos casos diagnosticados por PCR con data do 5 de xaneiro, o que supón a cifra máis elevada desde mediados de novembro, no cumio da segunda onda. Así están sendo os últimos días en cada área sanitaria.

En relación a isto, a taxa de positividade, outro dos datos que axuda a interpretar a evolución da pandemia, amosa unha evolución desfavorable. Na área da Coruña leva días por riba do 10%.

Outro dos sinais preocupantes é o do indicador de casos activos. Se o domingo eran 5.732, este xoves ascenden a 6.700.

E a repunta tamén é patente nos hospitais. Aínda que neste caso o agravamento chega cuns días de retraso, ao agravarse as infeccións detectadas en días e mesmo semanas previas, as persoas ingresadas con Covid-19 nos hospitais galegos pasaron de 319 o día de Nadal ás 419 do día de Reis.

Segundo os datos que facilita o Ministerio de Sanidad, a ocupación nos hospitais galegos segue sendo a menor das comunidades autónomas, cun 4,78% das camas de hospital e un 7,26% das de UCI ocupadas por pacientes de coronavirus, ás que habería que engadir as persoas ingresadas por outras patoloxías.

En canto aos falecementos, xa son 1431 as persoas falecidas desde marzo de 2020 con Covid-19. 619 delas finaron na primeira onda, entre marzo e xuño, e 812 desde agosto. Delas, 584 (un 40,8%) eran usuarias de centros residenciais.

Decembro pechouse como o terceiro peor mes en canto ao número de falecementos, con arredor de 190 mortes, só por detrás de abril e novembro. E a situación podería complicarse diante do presente aumento da incidencia, xa que a Consellería de Sanidade notificou este xoves importantes brotes en residencias de Vimianzo, Ribeira, Xove e Tui. Hai máis de 200 usuarios de residencias de maiores como casos activos de Covid-19.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Detectado o virus de Crimea-Congo en carrachas do Bierzo: “Probablemente xa estea en Galicia”

Os expertos advirten que a enfermidade hemorráxica parece estar propagándose polo noroeste peninsular e urxen medidas para freala

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses

Volven as Líridas: como ver esta chuvia de estrelas dende Galicia

O fenómeno astronómico, que se poderá ver ata o xoves 25 de abril, será pouco visible a causa da lúa chea