Novo pulo para a ciencia de vangarda no CiQUS de Santiago

O equipo de María Giménez recibe o apoio do Consello Europeo de Investigación cunha axuda Proof of Concept para investigar sobre baterías sustentables

O laboratorio que dirixe no CiQUS da USC a científica María Giménez López comeza 2021 cunha boa nova. O Consello Europeo de Investigación (ERC), a través das súas axudas Proof of Concept, financiará o proxecto ZABCAT, encabezado por Giménez, que abordará a posibilidade de desenvolver baterías máis sustentables a través dos sistemas zinc-aire, unha alternativa prometedora a moitos dos inconvenientes asociados ás baterías de ión de litio. Esta liña de axudas financia proxectos cun potencial comercial ou social de gran importancia, e nesta quenda, a última convocada en 2020, foron recoñecidos un total de 55 proxectos en Europa, sendo o do CiQUS o único apoiado en España. ZABCAT contará cun financiamento de 150.000 euros e terá unha duración de 18 meses.

Segundo explica a USC, “as baterías de zinc-aire son sistemas cunha elevada densidade enerxética, capaces de acumular maior cantidade de enerxía que as actuais de ión de litio”, e, ademais, “trátase dunha alternativa de baixo impacto ambiental por incorporar zinc, un dos elementos máis abundantes na codia terrestre, polo que empregan materiais de alta dispoñibilidade, baixo custe e seguros”.

Publicidade

As baterías de zinc-aire

Porén, para chegar a ser un sistema de almacenamento eficiente, a tecnoloxía zinc-aire aínda debe superar importantes obstáculos, fundamentalmente a degradación que ten lugar no cátodo e a corrosión do ánodo, que limitan a reversibilidade e a duración destas baterías. “Na actualidade, a falta de enfoques que resolvan as limitacións do cátodo dificulta a aplicación práctica e a comercialización de baterías recargables de zinc-aire” sinala María Giménez López. Neste senso, ZABCAT centrarase en protexer os catalizadores metálicos para abordar os problemas existentes nos eléctrodos destas baterías, estendendo a súa vida útil e mellorando o seu comportamento en condicións reais.

“O novo prototipo podería en principio triplicar a duración do ciclo das celas nos sistemas actualmente dispoñibles, duplicando a produción de enerxía e reducindo nun 30% o seu custo” explica Giménez López. Na segunda fase do proxecto, a organización de investigación aplicada CIDETEC levará a cabo o escalado a nivel preindustrial dos novos materiais de eléctrodo deseñados no  CiQUS. Este centro tecnolóxico vasco, referencia internacional en temas de almacenamento enerxético, fabricará e integrará devanditos materiais en baterías recargables de zinc-aire para avaliar correctamente o comportamento do prototipo.

Publicidade

O equipo de María Giménez, que se incorporou no 2018 ao CiQUS ao acadar unha axuda Starting Grant, tamén do ERC, leva anos traballando en  estratexias para o  encapsulamento de materiais electrocatalíticos no marco do proxecto NANOCOMP. Este confinamento a escala nanométrica incrementa a durabilidade dos electrocatalizadores, ofrecendo unha oportunidade única para desenvolver tecnoloxías electroquímicas rendibles. Agora, ZABCAT pretende deste xeito trasladar os resultados científicos obtidos para liquidar a degradación do cátodo e facilitar que as baterías recargables de zinc-aire poidan chegar ao mercado no curto prazo.

Con este novo proxecto, xa son catro os equipos do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS),que recibiron o apoio das axudas Proof of Concept, sumándose ás de Francisco Rivadulla, Javier Montenegro e José Luis  Mascareñas, sendo as únicas axudas desta categoría que se puxeron en marcha en Galicia ata a data. Así, a USC atópase entre as universidades españolas con maior capacidade captación de axudas do European Research Council. Entre 2007 e 2020, a Universidade de Santiago acadou un total de 18 axudas das distintas modalidades xestionadas polo ERC, que supuxeron preto de 27 millóns de euros financiados cos fondos destinados á investigación científica no marco da UE.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Péptidos para transportar medicamentos xenéticos: a aposta de TraffikGene

A empresa nada na USC, gañadora GCiencia Galicia Spin-Off como Idea Emerxente, desenvolve unha plataforma para conducir ADN e ARN ao interior das células

Que hai detrás dunha axuda Marie Curie? Catro investigadores contan como conseguiron a súa

Atopar un grupo receptor complementario, construír un proxecto sólido e contar con apoio institucional son algunhas das claves que destacan os beneficiarios das bolsas europeas no CiQUS

Un equipo da USC logra unha reacción química para construír bibliotecas de moléculas codificadas por ADN

O descubrimento liderado polo investigador do CiQUS Manuel Nappi pode ser clave na procura de fármacos

Roubar a estabilidade dunha molécula ultra-estable durante unha fracción de segundo: así o estuda o CiQUS

O científico Luis M. Mateo recibe a prestixiosa Bolsa Branco Weiss que financiará o proxecto ‘PhthalocyanYnes’ con máis de 635.000 euros durante cinco anos