A misteriosa diminución dos casos de hepatite aguda infantil

Os expertos manteñen o adenovirus como hipótese máis probable, pero tampouco atopan explicación para o descenso das infeccións

Tres meses despois de que se lanzara unha alarma sanitaria sobre o repetino aumento de casos de hepatite aguda infantil, a causa continúa a ser descoñecida. E, se ben as cifras comezan a diminuír, os autores do último informe do Centro Europeo para a Prevención e o Control de Enfermidades (ECDC) prefiren manter a cautela: “A hepatite grave pode tardar un tempo en desenvolverse despois dos síntomas iniciais e dado que é necesario realizar investigacións para descartar as causas coñecidas é de esperar que haxa un retraso na notificación. A diminución dos casos é difícil de interpretar”.

En Galicia, segundo notificou a Consellería de Sanidade, dende o 1 de xaneiro de 2022 identificáronse cinco casos, catro na área sanitaria de Vigo e un na Coruña, e todos eles evolucionaron positivamente. Ademais, dende principios de maio non se detectou ningún novo caso.

Publicidade

Situación global

Os datos recollidos ata o 30 de xuño sinalan un total de 473 casos de hepatite aguda infantil de orixe descoñecida en máis de 20 países. Reino Unido está en cabeza, con 268 afectados; España en segundo lugar, con 40, e Italia, con 35, no terceiro posto. O resto de estados non superan a vintena de pacientes. Federico Martinón Torres, xefe de servizo de Pediatría no Hospital de Santiago, atribúe este elevado número de casos en España á busca activa. “Ademais, todos eles foron menos graves”.

O adenovirus 41 é a principal hipótese que manteñen os expertos

Pola posible relación da hepatite con outras infeccións, 364 pacientes foron sometidos a probas de adenovirus, sendo positivos o 52,7% deles. Así, Martinón sinala: “Os casos detectados globalmente reducíronse progresivamente sen motivo aparente. Non se identificou a causa, pero a principal hipótese segue a ser o adenovirus 41“.

Publicidade

Precisamente, esta foi unha das primeiras causas en saltar á palestra, posto que os pacientes pediátricos son máis sensibles a este tipo de patóxenos, comúns en seres humanos. Non obstante, non remataba de convencer os expertos posto que non é habitual que produza hepatites, polo que apuntaban cara a unha causa multifactorial na que si estivera implicado este xerme.

Da mesma forma, para non descartar ningunha posibilidade tamén se lles realizaron PCR para a covid a 322 pacientes, dos cales foron positivos o 10,9%. Neste caso tamén se analizou a seroloxía en 61 dos casos, resultando que o 63,9% dos enfermos tiña anticorpos para a covid; e a vacinación en 113 casos, dos cales o 85,8% non estaba vacinado.

Clínica

A pesar de que o informe do ECDC recolle os casos de hepatite de orixe descoñecida en rapaces de 16 anos ou menos, o 76,1% dos enfermos teñen cinco anos ou menos. A maioría deles presentaban a sintomatoloxía típica de hepatite aguda, de tipo gastrointestinal e con ictericia, pero todas as causas habituais eran descartadas —virus que causan hepatite A, B, C ou E; virus respiratorios ou medicamentos—.

Por outra banda, o ECDC só dispón dos datos de 295 pacientes. Entre eles, o 29,5% requiriu ingresar nunha unidade de coidados intensivos pola gravidade da súa situación e o 8,3% tivo que ser sometido a un transplante de fígado.

Laura Veiga
Laura Veiga
Xornalista pola Universidade de Santiago de Compostela, especializada en cultura científica pola Universidade de Oviedo e sexóloga pola Universidade Camilo José Cela. Combina a comunicación e a divulgación en medios como GCiencia e Nós Diario coa educación sexual e menstrual, que desenvolve a través do seu proxecto Pingando en redes sociais e en obradoiros para centros educativos e asociacións.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Arranca un ensaio clínico para avaliar a vacina combinada fronte á gripe e a covid en maiores de 65

O proxecto chámase Combogal e agárdase que participen nel 110.000 persoas entre a campaña que xa está en marcha e a da tempada 2027 - 2028

Sanidade rexistra un aumento na incidencia da gripe e a covid

As taxas de dispensación de antigripais e probas de antíxenos aumentaron un 24,5 % e un 88,9 %, respectivamente, en comparación coa semana anterior

Unha tese galega explora o potencial inmunomodulador e neuroprotector do litio fronte á covid-19

A investigación identifica cambios en biomarcadores inflamatorios e parámetros inmunolóxicos en pacientes tratados co fármaco

Por que o hantavirus esperta os medos da pandemia: “A covid deixounos unha memoria emocional”

Os psicólogos galegos Fernando Vázquez, Paula Marcos e Rosa Cerqueiro analizan como o cerebro atribúe riscos a escenarios actuais baseándose en experiencias pasadas