Sábado 20 Abril 2024

Precariedade a bordo: así é a vida dos observadores científicos no mar

Os profesionais galegos reclaman unha mellora da súa situación laboral, marcada polos salarios precarios e a falta de recoñecemento

“Cando vou en pesca de baixura, con embarques de dous días ou unha semana, non me podo duchar. Só hai unha cortina que te separe da latrina, que compartes con toda a tripulación”, conta Nair Vilas. A súa historia non é exclusiva, nin única, senón un relato compartido por unha profesión, a dos observadores científicos mariños. O seu traballo baséase na recollida de datos científicos, clave para garantir a sustentabilidade do mar e a correcta explotación dos recursos. Pero a súa profesión, lonxe de estar recoñecida, está tremendamente precarizada. “Cobras por embarque. Polo tanto, se queres ter unhas estabilidade tes que estar todo o ano no mar”, apunta Iago Izquierdo, tamén observador.

Co obxectivo de reclamar unhas condicións salariais e laborais dignas acaban de fundar unha asociación que vele polos seus dereitos, a Asociación de Profesionais da Observación Científica Mariña (APOCM). Para iso, participaron nunha serie de reunións, promovidas polo Colexio Oficial de Biólogos de Galicia (COBGA) e de Canarias (COBCAN), para elaborar unha lista de propostas para mellorar a súa situación profesional. Logo remitíronas ao Consejo General de Colegios de Biólogos para que se tramiten nas institucións correspondentes. Entre as súas peticións, está conseguir bos contratos e salarios. “Para o traballo que facemos, está moi mal pagado”, asegura Vilas, que dá conta das dificultades e perigos aos que se enfrontan no mar. De feito, un dos tripulantes falecidos no Villa de Pitanxo era, precisamente, un observador científico.

Publicidade

As principais propostas

Polo tanto, os riscos son os mesmos, por iso piden equiparar e mellorar as condicións da profesión. Segundo explica Izquierdo, hai uns anos, un grupo de observadores conseguiron que a profesión se incluíse no Réxime do Mar, pero sen que se recoñecese o Coeficiente Redutor por buque e tipo de actividade. “Tanto dá traballar en terra ou en mar, non obtemos ningún beneficio”, expresa, ao tempo que recalca: “Estamos embarcados igual que os mariñeiros, exactamente coas mesmas condicións”. Unha afirmación compartida na súa totalidade pola súa compañeira Nair Vilas, que reforza a idea de que, na situación actual, é como se traballaran en terra.

Outra das propostas de mellora está relacionada coa habitalidade dos barcos. Segundo un comunicado emitido por COBGA, pídese que se coñezan as condicións de embarque con antelación e que se subministre o vestiario axeitado, incluíndo o traxe de supervivencia. “A situación varía moito. Non é o mesmo ir nos grandes barcos que van a Terranova, a Islandia ou ás Malvinas. Neles hai un camarote para o observador pesqueiro ou científico”, apunta Vilas, que enfatiza a precariedade dos baños e a situación das mulleres. “Por suposto, adaptámonos ben. É un traballo que nos gusta, que facemos por vocación. Pero nin sequera hai papeleiras, latrinas separadas…”, relata a observadora, que leva desenvolvendo a profesión dende 2012.

“Non recoñecen o Coeficiente Redutor e, polo tanto, dá igual traballar en terra que en mar”

IAGO IZQUIERDO, observador

Izquiero asegura que moitas das dificultades na habitalidade dos barcos son compartidas cos mariñeiros. Talvez un dos aspectos que máis resalta é a incerteza e, en consecuencia, a falta de estabilidade. “Eu vou facendo o que podo cando estou en terra. Fago colaboracións e investigacións coa Universidade de Vigo. Pero hai moitas persoas que non poden facelo”, apunta. “Chegas a terra, desembarcas e non sabes cando te van chamar, nin sequera se o van facer. Teño compañeiros que están todo o ano no mar”, continúa relatando o observador científico.

Outra das dificultades é que non hai unha formación específica para desenvolver esta profesión. Moitos deles son biólogos, como Iago Izquierdo, que sentía paixón polo mar e tivo clara a vocación. “Como moito, facemos pequenos cursos, pero nada máis”, asegura. Algo que xa se suma aos baixos salarios e a precariede dos contratos. El comezou a embarcar en 2019 e malia a situación da profesión, non ten pensado deixalo a curto prazo. “Quero dedicarme a isto e vivir a experiencia. Pero as condicións son as que son. Se isto segue así, acabareino deixando”, asegura Izquierdo, botando un ollo cara ao futuro. A situación, dende logo, non parece alentadora. “Estamos loitando polos nosos dereitos, pero a perspectiva de conseguilo é a moi longo prazo”, indica Vilas.

Pouco coñecemento da profesión

A todo isto súmase o descoñecemento. “A nosa profesión non está para nada recoñecida. Os datos que nós recollemos son moi importantes. Por exemplo, para a avaliación dos stocks das poboacións”, continúa explicando a observadora. De feito, Vilas fai referencia ás dificultades que atopa, a meirande parte das veces, á hora de facer mostraxes. “Precisamos dun lugar para as mostras, non facelo no chan, sentada, ir dun lado para a outro… Témonos que apañar porque non podemos entorpecer o traballo dos mariñeiros”, indica.

Pola súa parte, Izquierdo concorda coa súa compañeira en que a profesión non é moi coñecida a nivel xeral, pero que no sector pesqueiro e marítimo a súa situación está cada vez máis normalizada. “Agora somos un máis na tripulación. Os barcos de pesca xa están máis acostumados a levar observadores e iso facilita moito o traballo. Non é coma antes, que podías atopar con malas caras”, apunta o investigador. El mesmo matiza que isto débese, en parte, a que se trata dunha profesión relativamente nova. E, polo tanto, ata hai unhas décadas non era preciso levar un control tan exhaustivo dos caladeiros como agora.

“Os datos que recollemos son esenciais para avaliar os stocks”

NAIR VILAS, observadora

Pola contra, a situación non parece estar tan normalizada para as mulleres. “Normalmente eu tiña boas experiencias coa xente a bordo, tratábanme de forma moi familiar. Ata que escoitas comentarios machistas. Eu tíveno que sufrir e cónstame que tamén o viviron as miñas compañeiras”, denuncia Vilas. A observadora, consciente de que é unha situación que non só se segue e dar no mar, senón tamén en terra, só ten un truco: “Fas que non escoitas e segues adiante”. E reclama con contundencia: “Nós somos profesionais que tan só estamos embarcadas para facer o noso traballo”.

Ás veces o descoñecido, non por ser descoñecido é menos importante. Malia que se trata dun campo de traballo bastante amplo, onde hai observadores de mamíferos mariños, outros dedicados á pesca, outros centrados no impacto ambiental… A precariedade é exactamente a mesma. Porén, sen eles, non hai datos que revelen cal é a saúde dos océanos e dos ecosistemas mariños. Son, por tanto, unha peza clave para a correcta explotación dos recursos e para a toma axeitada de decisións. Dende logo, e pese ás condicións laborais, as palabras de Vilas e Izquierdo desprenden unha fonda vocación. Pero, ás veces, a paixón non o é todo.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os bebés expostos ao tabaco teñen maior probabilidade de consumir antibióticos

Un estudo galego analiza os factores asociados ao consumo deste medicamento cunha mostra de 18.882 mulleres

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da Academia

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

A ciencia confirma que as apertas alivian a dor, a ansiedade e a depresión

Un equipo internacional analiza os beneficios do contacto físico nas persoas a partir da revisión de 212 estudos