Cara a un incremento histórico das temperaturas? As previsións apuntan ata 43 graos no interior

A AEMET asegura que a situación de calor "probablemente" persistirá ao longo de toda a semana, dando lugar á segunda vaga de calor do ano

Mapa do inusual episodio de calor que se pode dar en Galicia a vindeira semana. Fonte: European Centre for Medium-Range Weather Forecasts (ECMWF)
Mapa do inusual episodio de calor que se pode dar en Galicia a vindeira semana. Fonte: European Centre for Medium-Range Weather Forecasts (ECMWF)

Unha calor abafante. Temperaturas históricas que superarán os 40ºC en zonas do interior de Galicia. Iso é o que apuntan as previsións que, a partir de hoxe, estiman un “aumento sostido” dos termómetros debido á estabilización da atmosfera e a forte insolación. Segundo o último informe da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), “é probable que a situación se prolongue durante a próxima semana”. De feito, o portal Eltiempo.es prevé temperaturas de ata 43º en Monforte de Lemos e outras zonas do interior para o xoves 14 de xullo. De momento, os organismos competentes evitan falar de “onda de calor”, malia que a consideran “probable”. Dende Meteogalicia manteñen a prudencia: “En calquera momento pode xurdir un embolsamento de aire frío que se cole nestas latitudes. Isto impediría que as temperaturas ascendesen o suficiente como para declarar a vaga de calor”.

Dende o organismo galego aseguran que ata este venres predominará o vento do nordés. Polo tanto, as temperaturas non van ascender moito e as mínimas quedarán sen cambios. “A partir do sábado 9, o anticiclón estará situado entre as Azores e Galicia, situándose máis ao norte da comunidade. Iso permitirá que a partir desa xornada, pero sobre todo do domingo, chegue unha masa de aire cálido procedente do norte de África“, apuntan fontes de Meteogalicia. Porén, trasladan que se trata dunha situación habitual do verán, nada excepcional. Insisten que, de momento, non se poden facer previsións a máis días vista, e que a vaga de calor dependerá do que aconteza nas próximas xornadas.

Un calor “inusual”

Porén, AEMET Galicia fíxose eco en Twitter das previsións do European Centre for Medium-Range Weather Forecasts (ECMWF), asegurando que os seus mapas estiman “un inusual episodio de altas temperaturas” que se estenderá entre esta fin de semana e o vindeiro venres 15 de xullo. Galicia tamén se verá afectada polo ascenso dos termómetros, tal e como indican outras fontes meteorolóxicas, como Eltiempo.es. De feito, a propia AEMET asegura que esta situación de calor “probablemente persistirá durante a semana seguinte, dando lugar á segunda onda de calor do verán en Península e Baleares”.

Amais das previsións de calor da AEMET para a vindeira semana, o organismo estatal vén de activar a alerta amarela en Galicia por altas temperaturas, tanto para este xoves como para o venres. De feito, hoxe está activa nas Rías Baixas, que rexistrarán máximas de 34ºC. Tamén nas zonas do Miño, tanto en Pontevedra (con 35ºC) como en Ourense (que ascenderá aos 36ºC). Así mesmo, mañá venres tamén está declarado o aviso amarelo na comunidade, coas mesmas zonas anteriormente mencionadas. A estas tres sumaríase o suroeste da provincia da Coruña, que podería acadar os 35ºC de máxima.

A situación de altas temperaturas, que segundo a AEMET se podería estender á vindeira semana, podería dar lugar á segunda onda de calor do ano. O meteorólogo do organismo J. J. González Alemán asegura en Twitter que as predicións “non paran de empeorar” cara a unha situación cada vez máis extrema. De feito, cre que “moi probablemente” se cumprirán as estimacións. O experto vai un paso máis alá e declara: “Poderiamos ter unha dorsal de récord sobre a Península ibérica”. Seguindo os mapas aos que fai alusión, Galicia estaría dentro dos récord máximos.

Polo tanto, e malia a prudencia que deben manterse nas previsións, todo parece apuntar a que o ascenso das temperaturas será histórico. De feito, amais de zonas do interior de Ourense e Lugo, tamén se espera que os termómetros ascendan considerablemente no norte de Pontevedra. A aplicación do tempo de Iphone, que recolle datos de The Weather Channel, estima que o mércores 13 se acadarán os 38ºC na Estrada. Unha temperatura que sería, en todo caso, anormalmente alta. Un panorama que xa prediciu a AEMET hai unhas semanas durante a presentación do seu informe da primavera, estimando que o próximo trimestre estaría caracterizado en Galicia polas altas temperaturas e a escaseza de precipitacións.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.