A covid incrementa o risco de padecer trastornos mentais ata un ano despois da infección

Un estudo realizado en veteranos estadounidenses revela unha probabilidade un 60% maior de trastornos do sono, neurocognitivos, depresivos e de consumo de substancias

Un grupo de investigadores estadounidense vén de realizar un estudo sobre a situación da saúde mental de pacientes que contraeran a covid ata un ano despois da infección, sendo a análise a máis longo prazo feita a día de hoxe. As conclusións da investigación, publicada por The BMJ, suxiren un maior risco de ansiedade e depresión, algo que xa se constatara noutros estudos, pero tamén unha tendencia cara o consumo de substancias e a sufrir trastornos do sono.

En concreto, en comparación coas persoas que non contraeran a covid, aquelas que foran infectadas mostraron un risco dun 60% maior de padecer calquera diagnóstico de saúde mental ao cabo dun ano: 24 casos adicionais de trastornos do sono por cada 1.000 persoas, 5 a maiores con síndromes depresivos, 11 máis con deterioro neurocognitivo e 4 con problemas por consumo de substancias non opiáceas.

Publicidade

Con estes datos na man, para os investigadores principais do estudo queda clara a necesidade de identificar os trastornos de saúde mental, asegurando o acceso a recursos e apoio, xa que as consecuencias no futuro poderían ser moito máis graves. Alén, tamén é preciso determinar se esta análise representa un diagnóstico tardío ou unha nova aparición da enfermidade mental.

Os datos

O estudo foi realizado a través das bases de datos nacionais de atención médica do Departamento de Asuntos dos Veteranos de Estados Unidos para estimar os riscos na saúde mental das persoas que sobreviviron, cando menos, 30 días despois dun resultado positivo dunha PCR entre marzo de 2020 e xaneiro de 2021.

Publicidade

Desta forma, recollénronse os datos de 153.848 individuos, que foron emparellados con dous grupos de control sen covid: 5.637.840 controis actuais e 5.859.251 controis históricos anteriores á pandemia. Ademais, o grupo que fora infectado, dividiuse entre aquelas persoas que foran ingresadas e as que non, recollendo de igual xeito información sobre factores influíntes como idade, raza, sexo, estilo de vida ou historial médico.

En canto ao incremento do risco, as persoas infectadas por covid mostraron unha maior tendencia a padecer trastornos de saúde mental que aquelas con gripe estacional. Algo similar ocorre coas persoas que requiriron hospitalización: aquelas ingresadas por complicacións tras contraer o virus mostraron un maior risco en comparación coas ingresadas por calquera outro motivo.

Algunhas limitacións

Aínda que os resultados dunha análise deste calibre son útiles para continuar estudando a saúde mental e as consecuencias da pandemia, se trata dunha investigación observacional, polo que non se poden estabelecer as causas deste incremento do risco. Ademais, o estudo está baseado nos trastornos mentais diagnosticados, existindo a posibilidade de subestimar o risco se hai un número importante de persoas sen diagnosticar.

Por outra banda, pola procedencia dos datos, os participantes deste estudo eran na súa maioría homes brancos cunha idade media de 63 anos, polo que os resultados poden non ser aplicábeis a outros grupos. Neste sentido, os investigadores inciden na necesidade de incluír a grupos marxinados, onde se atoparon indicios de maiores niveis de necesidades de saúde mental insatisfeitas dada a intersección do racismo sistémico e o acceso á atención sanitaria.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Identificados novos factores xenéticos da fatiga persistente tras a radioterapia por cancro de próstata

Un estudo publicado en 'Nature Communications' e con participación galega descobre unha variante no xene ACTR3 asociada a un risco tres veces maior de desenvolver a sintomatoloxía despois do tratamento

De histeria a psicofármacos: un estudo galego revela os nesgos de xénero que persisten nas consultas médicas

Unha revisión bibliográfica liderada dende a UDC demostra que, ante os mesmos síntomas, elas tenden a ser máis cuestionadas e diagnosticadas sen probas complementarias

GCiencia lanza a décima edición dos premios Galicia Spin-Off

Os galardóns recoñerán un ano máis a empresas innovadoras xurdidas das universidades e a un grupo de investigación

Por que o hantavirus esperta os medos da pandemia: “A covid deixounos unha memoria emocional”

Os psicólogos galegos Fernando Vázquez, Paula Marcos e Rosa Cerqueiro analizan como o cerebro atribúe riscos a escenarios actuais baseándose en experiencias pasadas