Illa Maurelle, un enclave galego na Columbia Británica

A illa foi chamada así en homenaxe ao navegante Francisco Mourelle, natural de Corme e explorador do Pacífico

As Discovery Islands son unha reserva natural entre a Illa de Vancouver e a costa continental da Columbia Británica, no Canadá. Neste apartado territorio na beira do Pacífico e ao sur de Alasca, apenas  hai poboacións habitadas. E nalgunhas illas nin sequera existe transporte por ferri, sendo os barcos particulares e as avionetas o único contacto coa civilización. Tal é o caso da illa Maurelle, así bautizada na honra do navegante galego Francisco Antonio Mourelle da Rúa, nacido en Corme en 1750 e explorador de importantes territorios en América e Asia.

Á illa Maurelle van botar a cana os pescadores de salmón, e algúns turistas audaces que practican kaiak ou sendeirismo. Ao sur da illa está emprazado o parque natural de Surge  Narrows.

Publicidade

Un nome tan galego para a illa foi decidido en 1903 polo Geographical  Names  Board  of  Canada (Consello de  Nomes  Xeográficos  do Canadá), en atención a que Francisco Mourelle explorou estas costas en 1775, ademais de cartografalas nunha segunda expedición en 1779.

Situación da Columbia Británica no Canadá.

Francisco Antonio Mourelle da Rúa naceu na aldea de Gondomil, en Corme (Ponteceso), o 17 de xullo de 1750. Existe certa confusión coa súa inscrición tras o bautismo e outras fontes afirman que chegou ao mundo en 1755. O seguro é que, ademais das súas exploracións do norte do Pacífico, tamén descubriu algunhas illas no sur, entre elas varias no arquipélago de Tonga. A sona das súas aventuras fíxoo moi popular tamén no Reino Unido, onde o seu apelido foi cambiado por Maurelle.

Publicidade

En 1763, ingresou na Academia de Pilotos de Ferrol, para obter o título en 1768 e ser destinado a Porto Rico en 1769. Os seus grandes éxitos como navegante chegarían a partir de 1775,  cando foi nomeado primeiro piloto do porto de San Blas, na costa oeste de México, que daquela era a base naval desde a que se lanzaban as exploracións da costa setentrional americana.

Como primeiro piloto, nunha primeira expedición con Juan Francisco de la Bodega y Quadra, explora a costa oeste de América do Norte, tomando posesión de Puerto Trindade, en  California; dos portos de Bucareli e Los Remedios, en Alaska. Ademais, fan contacto cos indios da zona. Durante a singradura vai escribindo un diario, con anotacións e datos técnicos de navegación, que anos máis tarde denunciará que lle foi copiado polo mariño inglés James Cook.

Marine Provincial Park, en Maurelle.

O investigador Xosé Antón Fraga dubida desta versión: “Unha literatura apoloxética, insiste en afirmar que foi o primeiro en explorar as costas de Alasca e que Cook utilizou os seus datos para os descubrimentos que se atribúen na zona. Mourelle favoreceu esa visión. Nunha instancia a el-Rei (16 de setembro de 1815), para solicitar un ascenso, alude a que a tradución da súa viaxe de 1775 foi utilizada por Cook, cuestión que reiterou nunha recompilación que fixo das expedicións españolas (Landín, 1971: 40)”.

Pero Fraga explica que Mourelle chegou a San Blas en novembro de 1775, mentres que James Cook saíu en xullo de 1776 a explorar a costa Norte de América. Pero o diario de Mourelle non se publicou ata 1781, xa cando o británico estaba morto. “Cabe a posibilidade dun acceso previo, pero non resulta doado, se ben algún autor coida que o inglés puido ler o documento cando chegou ás costas americanas (Sánchez Feijóo, 2010)”, anota Xosé Antón Fraga nunha monografía para o Consello da Cultura Galega.

Ademais, se seguimos as rutas trazadas por Mourelle e por Cook, as coincidencias son mínimas, xa que o británico percorreu una ruta moito maior, chegando ata as Aleutianas e ata o estreito de Bering, e cumprindo as ordes de evitar os territorios que xa foran explorados polos españois.

Embarcadoiro no parque nacional da illa Maurelle.

Nunha segunda expedición, Mourelle foi o segundo ao mando da nave Favorita, durante a expedición ao mando de Ignacio de Arteaga. Saíndo de San  Blas o 11 de febreiro de 1779, a expedición chegou aos 61º N e a illa de Hinchinbrook, na boca do golfo de Alasca. Desde alí navegaron ao longo do suroeste da península de  Kenai. Os barcos regresaron a San Blas o 21 de novembro de 1779.

Máis tarde, Francisco Mourelle é destinado a Manila, onde é nomeado comandante da fragata Princesa, coa que en 1780 explora as illas Carolinas, o arquipélago Bismarck e as illas  Salomón. Ao norte de Nova Irlanda, descubriu algunhas illas menores como a Illa Ermitán (hoxe Emirau), San Francisco (Simberi), San José (Mabua) e San Antonio (Tabar).

Tras unha carreira de éxitos como navegante, Mourelle foi trasladado a España en 1793 para ascender en 1799 a capitán de Fragata, capitán de buque en 1806 e  comodoro en 1811. Este mariño de Corme faleceu en Cádiz o 24 de maio de 1820, cando contaba 69 anos. No seu recordo, desde hai un século hai unha illa na Columbia Británica, ao oeste de Canadá e ao sur de Alasca, que leva o nome de  Maurelle.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Violencia contra a muller: dúas xornadas en Vigo para analizar desde o coñecemento

O Concello vigués organiza en colaboración con GCiencia unha mesa redonda sobre feminismo e deporte e unha charla sobre senfogarismo

Vives nun barrio inundable? Un mapa interactivo mide o risco en Galicia palmo a palmo

As áreas próximas á antiga lagoa de Antela e á desembocadura do Ulla son algunhas das zonas máis expostas a sufrir un asolagamento
00:00:11

Crítica situación da cigala en Galicia: "O maior impacto foi a elevada presión pesqueira"

A captura do crustáceo está prohibida dende Cedeira ata o Miño dende 2017 e avaliarase a súa reapertura en 2025

A innovadora técnica dun equipo galego para detectar ineficiencias nas empresas

'InVerbis Analytics', que naceu como un proxecto de investigación da USC, é agora un servizo que permite optimizar as operacións doutras compañías grazas á minería de datos