Xoves 18 Abril 2024

Unha pandemia de cardiopatías: as claves do estudo de Nature sobre efectos da covid

O catedrático da USC Antonio Pose pide cautela na interpretación dos datos, que deben ser observados segundo un valor relativo e non absoluto

As consecuencias na saúde para as persoas que contraen a covid aínda son incertas. Malia que se están a desenvolver diferentes investigacións, dous anos de pandemia non son suficientes para ter datos precisos dos efectos secundarios que o virus pode causar a longo prazo. Nesta situación predominada polo descoñecemento, un novo estudo publicado en Nature Medicine relaciona de xeito preocupante ter pasado a enfermidade co aumento de posibilidades de desenvolver unha cardiopatía.

Na investigación participaron 154.000 persoas que enfermaron por Sars-CoV-2 entre marzo de 2020 e xaneiro de 2021 e que formaban parte dos rexistros sanitarios electrónicos do Departamento de Asuntos Veteráns de Estados Unidos. O estudo, do que se fai eco Nature Science, conclúe que o risco de insuficiencia cardíaca aumentou un 72% ao cabo de 12 meses no grupo que pasara a covid. Tamén se incrementaba a posibilidade de desenvolver máis de 20 enfermidades cardíacas e vasculares. A análise realizouse en 11 millóns de historiais médicos de veteráns estadounidenses, pero conta cunha serie de limitacións: o 99,7% dos doentes non estaba vacinado cando enfermou por covid, e a maioría son homes, brancos e maiores de 60 anos.

Publicidade

Aumento das enfermidades cardiovasculares

O artigo conclúe que os sistemas sanitarios de todo o mundo deberían estar preparados para afrontar a probable contribución da pandemia ao aumento da carga de enfermidades cardiovasculares. Neste sentido, o director da Cátedra de Cronicidade da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago, Antonio Pose, indica que hai que diferenciar entre as persoas ás que a covid lles afectou de maneira directa, e ás que lles afectou de xeito indirecto.

Pose: “as secuelas indirectas da pandemia van ter un peso moi relevante na cantidade de persoas que desenvolvan a cronicidade de certas patoloxías”

Un exemplo do primeiro grupo sería un paciente que contrae o virus e a raíz diso desenvolve unha enfermidade cardiovascular crónica. O outro grupo podería exemplificarse con aquelas persoas que durante os dous anos de pandemia non puideron acudir a revisións ou ter un seguimento continuado do seu estado de saúde e chegan á consulta cunha patoloxía cardiovascular máis avanzada. Respecto a isto, Pose sinala: “as secuelas indirectas da pandemia van ter un peso moi relevante na cantidade de persoas que desenvolvan a cronicidade de certas patoloxías”.

O doutor comenta que as enfermidades cardiovasculares xa eran unha pandemia polo estendidas que estaban, pero que a partir da covid é certo que ven máis casos en consulta. Non obstante, considera que está a haber un aumento de todas as pataloxías crónicas, como poden ser as respiratorias, as osteoarticulares, as neurolóxicas ou as oncolóxicas. Segundo Pose “vai haber un aumento xeneralizado da cronicidade e da gravidade desa cronicidade”.

Proceso inflamatorio

O SARS-CoV-2 ten receptores para poder entrar en practicamente todos os órganos e tecidos do organismo, e como sinala o catedrático da USC: “Un deses órganos tamén é o corazón, polo que o virus pode xerarlle un dano directo provocando, por exemplo, unha miocardite”. As persoas que teñen enfermidades crónicas —como a cardiopatía isquémica— teñen máis risco de desenvolver un cadro máis grave da enfermidade. Isto débese en gran parte ao fenómeno inflamatorio sistémico que se produce en todo o organismo e que afecta aos órganos vitais —que se van ver sobreestimulados—.

O máis importante é evitar que a enfermidade adquira gravidade, porque canto máis crítica sexa a sintomatoloxía, máis probabilidades de que as complicacións posteriores sexan maiores

Unha persoa que xa teña unha pataloxía previa, como pode ser unha insuficiencia cardíaca, ten un límite de actuación do corazón, e por tanto, segundo indica o doutor “unha maior probabilidade de cursar a covid máis grave e de padecer secuelas a posteriori”. Para paliar iso, o máis importante é evitar que a enfermidade adquira gravidade, porque canto máis crítica sexa a sintomatoloxía, máis probabilidades de que as complicacións posteriores sexan maiores. En canto a isto, Pose comenta que se están a desenvolver diferentes fármacos que poden ser moi útiles en persoas de alto risco para evitar que cheguen a cadros graves. “Sacaron agora o ensaio clínico dun produto practicamente natural, baseado no tratamento da microbiota intestinal e a vitamina D que pode ser moi interesante para combater a inflamación da covid”, indica.

Risco relativo e absoluto

Se ben é certo que no estudo publicado en Nature Medicine se dan porcentaxes do que aumenta o risco de padecer cardiopatías —no caso dos veteranos alcanza un 70%— a raíz de padecer a covid, Pose fai fincapé na importancia de sinalar se estes datos son un valor relativo. Por exemplo, se na xente moza aumentaran as probabilidades un 50% de padecer algunha patoloxía crónica a partir de contraer o virus, se antes había un risco sobre 10 de 1, pasaría a ser de 1.5% máis de posibilidades en valor absoluto.

É dicir, aínda que o risco relativo aumenta, non o fai de maneira proporcional ao valor absoluto. “Ter unha enfermidade ou evento cardiovascular adverso no período da xuventude é menos frecuente, ademais de que son polo xeral eventos recuperables e non tan graves como os que pode ter unha persoa maior que xa ten un dano crónico”, indica o doutor.

Vacinas

Un factor importante do estudo é que o seguimento dos casos de covid e a súa posterior asociación a cardiopatías están feitos en pacientes que non recibiron a vacina previamente a contraer o virus, polo que non se sabe se iso diminuiría as probabilidades de desenvolver enfermidades cardiovasculares. Respecto a isto, Pose sinala que o que si se sabe é que o risco de padecer secuelas poscovid diminúe coas vacinas. “A vacinación é efectiva en varios aspectos: diminúe o risco de padecer un cadro grave da enfermidade, acurta a duración da sintomatoloxía e aumenta os anticorpos, polo que é máis difícil contaxiarse”, comenta.


ReferenciaLong-term cardiovascular outcomes of COVID-19 (Publicado en Nature Medicine).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A UVigo lanza unha serie de podcast para concienciar sobre as doenzas cardiovasculares

As actividades, organizadas dentro do plan 'Ciencia de ida e volta', inclúen charlas en colexios e institutos

Un equipo galego sinala os lípidos en sangue como biomarcadores de covid persistente

Investigadores do CiQUS ofrece unha nova perspectiva sobre a natureza desta enfermidade e abre a porta a diagnósticos e tratamentos máis específicos

A infección polo virus do papiloma aumenta o risco de morte cardiovascular en mulleres

Investigadores coreanos constatan que as persoas infectadas coas cepas máis agresivas teñen máis posibilidades de falecer por un derrame cerebral

Por que algúns pacientes teñen covid persistente e outros non? Este estudo dá na clave

Un equipo do Hospital Universitario de Zúrich busca mellorar a atención aos doentes con novas estratexias de tratamento