A depresión tamén é unha pandemia: os expertos piden unha acción conxunta e global

Unha comisión de especialistas reclama unha resposta de toda a sociedade para abordar a carga mundial do que consideran unha "crise sanitaria desatendida"

Estímase que 1.000 millóns de persoas en todo o mundo padecen un trastorno mental. Entre estes, o 5% dos adultos padecen depresión. Así, o trastorno depresivo maior tense convertido nunha das principais causas de discapacidade en todo o mundo. E non hai signos de que esta situación se vaia reverter. Mesmo antes de que a pandemia de 2020 irrompese, estaba previsto que aumentaran os casos mundiais de depresión. Agora, esta realidade parece máis probábel ca nunca e, para 2030, a Organización Mundial da Saúde (OMS) xa prevé que o trastorno poida ser o principal contribuínte á carga global de enfermidade.

Non obstante, na meirande parte dos países, a porcentaxe de orzamento sanitario destinada á saúde mental non supera o 2%. É por isto que os especialistas consideran que aínda segue a ser unha “crise sanitaria desatendida”. Agora, unha comisión da revista The Lancet e a Asociación Mundial de Psiquiatría (WPA) sobre depresión pide unha resposta conxunta de toda a sociedade. Composta por 25 expertos de 11 países diferentes, o grupo de especialistas fai un chamamento a responsábeis políticos, investigadores, profesionais da saúde e comunidade en xeral para que se mellore a atención e a prevención, aumentando tamén o coñecemento e a concienciación para facer fronte a unha das principais causas de sufrimento evitábel e morte prematura en todo o mundo.

Publicidade

Un tratamento deficiente

Pese a que a depresión é a principal causa discapacitante en todo o mundo, as taxas de tratamento para este trastorno son notabelmente baixas e variábeis. As revisións anteriores sobre estas atoparon unha ampla variación xeográfica segundo a rexión da OMS, con lagoas no tratamento que oscilan entre o 45% en Europa, fronte ao 67% na rexión africana e o 70% na rexión do Mediterráneo oriental. Agora, un estudo publicado en Plos Medicine sinala que os países de menores rendas tiñan taxas de tratamento significativamente máis baixas en comparación con lugares de rendas altas. Con até un 75% da persoas con depresión residindo en países de ingresos medios e baixos, isto indica que unha proporción substancial de persoas con este trastorno no mundo non acceden a ningún servizo relacionado coa saúde.

As taxas de tratamento para este trastorno son notablemente baixas e variábeis

Así mesmo, a calidade destes tratamentos tamén pode variar moito dependendo do lugar do mundo onde vive unha persoa. Nos países con ingresos máis altos, a revisión actual descubriu que só o 23% dos pacientes con depresión está a recibir un tratamento “mínimamente adecuado” (MAT, que representa a combinación de estratexias de tratamento establecidas pola investigación para ser mínimamente suficientes para tratar aqueles con depresión). Nos países de renda media e baixa, un escaso 3% está a recibir o mínimo de coidados.

Publicidade

No que respecta a outras variábeis, o recente estudo relacionou a idade cun aumento das taxas de tratamento para a depresión. E, igual que outras investigacións demostraran antes, sinalou que persoas de todo o mundo parecen ser máis propensas a recibir tratamento se son mulleres e a medida que envellecen. Pola contra, os pacientes máis novos e os homes son menos propensos a buscar coidados por cuestións relacionadas coas emocións ou os estados de ánimo.

Estigmas que permanecen

Malia que depresión é unha parte relativamente común da experiencia humana ao longo da vida, existen varias motivos polos que non recibe os recursos e a atención global suficientes. En primeiro lugar, e do mesmo xeito que ocorre con outras condicións de saúde mental en xeral, o trastorno foi historicamente estigmatizado, considerado un signo de debilidade ou entendido erroneamente como “simplemente tristeza”. Mesmo actualmente, e pese aos avances no coñecemento sobre as causas da depresión e a existencia de terapias eficaces, o estigma, os tratamentos inhumanos e a institucionalización forzada persisten.

É un trastorno historicamente estigmatizado

Amais, xestionar a depresión non sempre é sinxelo. Os expertos puntualizan que nesta enfermidade son características a súa persistencia, o seu efecto no funcionamento diario e as súas consecuencias para a saúde a longo prazo. O estudo Global Burden of Disease 2019 estimou que o trastorno depresivo maior e a distimia foron responsábeis conxuntamente de 46,9 millóns de anos de vida axustados á discapacidade (DALY, polas súas siglas en inglés) a nivel mundial en 2019, sendo cada DALY equivalente a un ano de vida saudábel perdido á discapacidade causada por trastornos depresivos. Finalmente, e posto que a depresión depende dunha combinación de factores biolóxicos, sociais e psicolóxicos, require tamén de política interna e investimento en varios sectores, como a saúde, a educación, o emprego e os servizos sociais.

A prevención

A Comisión subliña a importancia de detectar e diagnosticar de forma precoz a depresión, que depende dun bo acceso á atención sanitaria e de redes sociais e laborais solidarias e non estigmatizadoras. Neste sentido, faise patente a necesidade de estratexias que reduzan a exposición a experiencias adversas, tanto na infancia como ao longo da vida, de cara a reducir a prevalencia da depresión. Tamén unha intervención a escala individual, centrándose nos malos hábitos do estilo de vida e outros factores de risco, como a violencia na parella, o dó ou as crises financeiras.

É fundamental detectar e diagnosticar precozmente a depresión

Porque hai motivos para a esperanza: malia que non todas as formas de depresión teñen solución, atópase entre os máis tratábeis de todos os trastornos de saúde mental coñecidos, e preto do 80 ao 90% das persoas melloran ou se recuperan dun episodio se poden obter o apoio e o tratamento adecuados, vía medicamentos, axuda psicolóxica ou terapia electroconvulsiva.

Unha atención personalizada

Se ben ocorre a persoas de todas as culturas e ao longo de toda a vida, a depresión é unha enfermidade complexa e cunha ampla diversidade de signos e síntomas, niveis de gravidade e duración. E por isto que os expertos son partidarios dun enfoque personalizado, que recoñeza a cronoloxía e a intensidade dos síntomas, á vez que recomende intervencións adaptadas ás necesidades específicas da persoa.

Débense axudar as poboacións previamente estigmatizadas e criminalizadas

Nesta liña, a comisión indica que parte deste enfoque debe incluír axuda para poboacións previamente estigmatizadas ou criminalizadas, como son as persoas LGTB e as pertencentes a grupos raciais, indíxenas e outros grupos étnicos perseguidos historicamente. Do mesmo xeito, os adolescentes necesitan apoio urxente, ao presentar unha maior probabilidade de sufrir depresión e suicidio, agravada aínda máis pola pandemia de covid-19. Amais, millóns de persoas afectadas por conflitos civís e violencia, como os refuxiados, corren o risco de sufrir secuelas a longo prazo, incluíndo a depresión e o trastorno de estrés postraumático, e necesitan un apoio culturalmente apropiado e ben dotado de recursos nos seus países de acollida.

A necesidade dun maior investimento

Porén, e pese a que os servizos de saúde mental melloraron moito nalgunhas nacións, a maioría dos países aínda carecen de políticas básicas de saúde mental, lexislación e recursos que orienten tanto os pacientes como os médicos. Unha situación xa precaria nun contexto que a pandemia empeorou por mor do illamento social, o dó, a incerteza e o acceso limitado á atención sanitaria, cun grave impacto na saúde mental de millóns de persoas.

Precísase dunha priorización da saúde mental nas axendas sanitarias mundiais

Os esforzos para reducir e pechar a fenda no tratamento da depresión tamén precisan de impulsos significativos nas asignacións de fondos a nivel global. Historicamente, o financiamento da saúde mundial ten sido destinado, de xeito prioritario, para a malaria, o VIH/SIDA e a tuberculose, algunhas das principais causas de discapacidade e mortalidade en moitos países de ingresos medios e baixos. Agora, os últimos achados salientan a importancia dos chamados para a priorización da saúde mental nas axendas sanitarias nacionais.

En última instancia, os especialistas reclaman un maior investimento para garantir que as persoas reciban a atención onde e cando a necesiten, e recalcan a importancia das accións de todos os gobernos para reducir os efectos prexudiciais da pobreza, a fenda de xénero e outras desigualdades sociais na saúde mental. Porque a Comisión da un ultimatum: mellorarmos o acceso equitativo e libre de estigma ás intervencións para persoas con depresión, ou seguir tolerando a indiferenza polo benestar dos mil millóns de persoas con necesidades de saúde mental. A solución semella clara para os expertos: en conxunto, a comunidade global debe decidir priorizar a saúde emocional da nosa especie.


Referencias:

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

De histeria a psicofármacos: un estudo galego revela os nesgos de xénero que persisten nas consultas médicas

Unha revisión bibliográfica liderada dende a UDC demostra que, ante os mesmos síntomas, elas tenden a ser máis cuestionadas e diagnosticadas sen probas complementarias

Nova epidemia de ébola: por que declarou a OMS unha emerxencia internacional?

O 15 de maio confirmouse un gromo causado pola especie 'Orthoebolavirus bundibugyoense' na República Democrática do Congo. Por Raúl Rivas

A OMS eleva a cinco os casos confirmados de hantavirus

A organización asegura que os demais pasaxeiros do 'MV Hondius', que navega en dirección ás Canarias, non presentan síntomas e que o risco para a poboación xeral é "baixo"

Por que a dor crónica provoca depresión nalgunhas persoas e noutras non?

As molestias agudas e persistentes xeran cambios no hipocampo, unha rexión do cerebro que actúa como centro de control e axuda a regular as respostas emocionais