Luns 14 Outubro 2024

Teñen os peixes autoconciencia? Un estudo confirma que si

A raíz do cuestionamento aos resultados previos, científicos xaponeses aportan novas evidencias que corroboran a capacidade de recoñecemento destes animais

Hai xa tres anos, un equipo de científicos xaponeses facía públicos uns resultados tan asombrosos á par que inusuais: os Labroides dimidiatus, uns pequenos peixes de arrecife especializados en limpar parasitos e peles mortas a outros, superaran a proba de recoñecérense a si mesmos no espello.

Considerada unha evidencia de autoconciencia, a proba consistira en realizar unha marca marrón nun lugar do seu corpo —normalmente a zona da gorxa— que só poderían ver de forma indirecta no seu reflexo. con algunhas variacións, esta xa se aplicara a moitas especies de vertebrados. E, na maioría dos casos, os resultados foran claramente negativos. Con todo, dos catro peixes cos que se realizara o experimento —unha cifra similar á doutros estudos realizados con outros animais—, tres tocaran ou rasparan o sinal despois de nadar cara ao espello, confirmando así a súa capacidade para o autorrecoñecemento.

Publicidade

Unha descuberta cuestionada

O traballo supuxera un fito científico de certa importancia. Especialmente, ao seren poucos os animais, e a maioría de cerebro grande –entre os que destacan os chimpancés, os golfiños, os elefantes asiáticos e as pegas rabilonga–, os que demostraran esa habilidade até o de entón. Porén, e pese ao achado, a investigación foi criticada e cuestionada por varias razóns. A principal, o feito de terse realizado en peixes pequenos, os vertebrados máis primitivos con cerebros pequenos.

Outros comentarios tamén puñan en dúbida o tamaño da mostra (n=4) ou que os suxeitos poderían considerar as imaxes en espello como individuos coñecidos en lugar deles mesmos. Tamén, que a marca marrón, que os científicos realizaran porque podía parecer un pequeno parasito —a súa principal fonte de alimento—, podería proporcionar un estímulo físico aos peixes. Logo, o ter cometido erros na metodoloxía era una posibilidade.

Publicidade

Agora, Masanori Kohda, da Escola de Posgrao de Ciencias da Universidade da Cidade de Osaka, e ou seu equipo achegan novas evidencias nun novo estudo, onde refutan todas as críticas e apoian firmemente as conclusións do seu primeiro traballo: “Os nosos resultados rexeitan as críticas sobre a capacidade de autorecoñecemento no espello dos peixes, e indican que estes deben incluírse no grupo de animais con esta aptitude”.

Maior evidencia

Para corroborar os resultados, os expertos aumentaron o tamaño da mostra a 18 peixes limpadores, obtendo un resultado positivo do 94 %. É dicir: que do total dos espécimes, 17 demostraron o mesmo comportamento que no estudo anterior. E, para responder as críticas sobre a marca, cuxa sensación física podía desencadear o comportamento, o equipo probou cunha resposta dos peixes a un estímulo físico na súa gorxa, inxectando a marca marrón a 3mm de profundidade (en lugar de 1mm). Aí, a marca apenas era visíbel.

Tomaron esta decisión tras observar estudos similares realizados en monos, porcos, cans ou gatos, con resultados negativos, onde se deron conta de que se cadra o sinal nestes animais “non representaba algo na súa contorna natural que lles preocupase”, comentan. Co obxectivo de consolidar aínda máis a importancia de utilizar marcas que sexan ecoloxicamente relevantes para os animais neste tipo de estudos, o equipo descubriu que ningún peixe inxectado con marcas verdes ou azuis demostrou o comportamento de raspado. Con todo, descubriron que os peixes coa inxección máis profunda raspaban a gorxa a un ritmo similar, tanto se había un espello coma se non.

O recoñecemento dun mesmo

Mais, como son os peixes capaces de saber que son eles mesmos os que aparecen no reflexo do espello e non outros? Pois tras pasar por tes estados. No primeiro, o animal expresa un comportamento agresivo, posto que o máis probábel é que perciba a imaxe reflectida coma outro animal. A continuación, pasa a amosar un movemento que, se ben non sería considerado natural, xa non é agresivo, posto que confirma que a imaxe no espello non é outro espécime. Finalmente, observa de forma repetida o seu propio corpo, e sen sinais de agresión.

É neste último estadios no que o recoñecemento é posíbel, xa que é cando o peixe é capaz de percibir a marca na súa gorxa e tentar raspala. Algo que ocorrera naquel primeiro estudo co Labroides dimidiatus. Porén, a dúbida residía en se calquera movemento do espello reavivaría a agresividade do primeiro estado. Para comprobalo, o equipo transferiu aos peixes limpadores a un tanque cun espello nun lado e, tres días despois, a un acuario cun espello no outro lado. En ningún deles os peixes mostraron agresión cara á súa propia imaxe.

Un avance en varios eidos

En conxunto, os resultados acadados corroboran que os peixes máis limpos superan a proba da marca, aínda que só no caso de que se presente en contextos ecoloxicamente relevantes. Segundo os científicos xaponeses, o traballo, en colaboración con investigadores do Instituto Max Planck de Comportamento Animal en Alemaña e da Universidade de Neuchâtel en Suíza, é “un avance para os estudos non só de cognición animal, senón tamén de psicoloxía, que considera que só os humanos teñen autoconciencia”, recalcan.

“Como os chimpancés, ou mesmo como os humanos, os peixes teñen conciencia de si mesmos. O que suxire que tamén teñen unha ‘mente’”, subliña Kohda. A nova investigación tamén suxire que moitos outros vertebrados poderían pasar a proba da marca e ter autoconciencia. Algo que non se apreciaba anteriormente. Con todo, aínda queda moito traballo por facer, especialmente cualitativo, para seguir demostrando que, do mesmo xeito que outros animais, os peixes teñen a capacidade de autorrecoñecemento.


ReferenciaFurther evidence for the capacity of mirror self-recognition in cleaner fish and the significance of ecologically relevant marks (Publicado en Plos Biology)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Quintuplícase o número de especies de peixes en perigo de extinción

Unha nova investigación indica que o 12,7% dos teleósteos mariños está en risco de extinción, cinco veces máis que a estimación da Unión Internacional para a Conservación da Natureza

A lamprea, en caída libre en Galicia: de 23.000 quilos capturados a 3.000 en dez anos

O catedrático da USC Fernando Cobo apunta que a presión pesqueira e a captación de auga ilegal fomentan a diminución de especies

Cal é o alimento que desencadea o pracer nos peixes?

Coñecer os mecanismos de motivación pola comida podería mellorar a eficiencia económica das empresas dedicadas á acuicultura

As femias esixentes elixen aos machos raros e teñen fillos máis sexis

Un estudo de investigadores de EE UU, realizado con peixes guppy, mostra que os individuos con trazos pouco comúns resultan máis atractivos