Chegan os pulmóns ‘universais’: adeus á incompatibilidade de grupos sanguíneos

Científicos logran mudar o tipo de sangue no órgano a través de encimas, o que permitiría explorar transplantes agora incompatibles

O transplante de pulmón é un procedemento que salva vidas. Porén, as persoas necesitadas dun novo órgano poden atoparse nun período de espera moi longo, posto que a necesidade de atopar parellas próximas dificulta o proceso. Neste, un dos retos importantes é a adaptación dos grupos sanguíneos do paciente e do doador.

Agora, un novo estudo da canadiense University Health Network demostrou que o tipo de sangue dalgúns pulmóns doados podería ser alterado con anterioridade ao transplante. Algo que permitiría que houbese un grupo máis grande de pulmóns “universais”, coa consecuente reducción do tempo na lista de espera para aqueles necesitados dun.

Publicidade

A problemática da compatibilidade

“Hai uns 100.000 pacientes nas listas de espera de transplante de órganos dos Estados Unidos”, escriben os investigadores no artigo publicado. Porén, a asignación de órganos do doador depende da coincidencia ABO, o que restrinxe a oportunidade de que algúns pacientes reciban un transplante que lles pode salvar a vida. “Estes pacientes requiren órganos que deben ser compatíbeis cos seus principais antíxenos da superficie celular, polo que o proceso para atopalos non é trivial”.

Os pacientes con falla progresiva de órganos adoitan esperar anos por un transplante vital, e algúns morrerán sen recibir nunca un órgano axeitado para eles. “En 2017, menos dun terzo dos pacientes na lista de espera de transplante de pulmón recibiron un órgano nos Estados Unidos”. A esta dificultade de atopar coincidencias, que implica tempos de espera máis longos, tamén se suma o desperdicio dos pulmóns doados.

Unha combinación de encimas

Para minimizar esta problemática, os investigadores puxeron o foco nun par de encimas. Concretamente, FpGalNAc desacetilasa e FpGalactosaminidase, descritos como capaces de convertir eficazmente os glóbulos vermellos do grupo A (ABO-A) ao grupo O (ABO-O). Na investigación, estudouse a seguridade e a eficacia preclínica do uso destes encimas para eliminar o antíxeno A (A-Ag) dos pulmóns de doadores humanos mediante a perfusión pulmonar ex vivo, para convertilos en pulmóns de tipo sanguíneo universal O.

En condicións de laboratorio, os científicos trataron oito pulmóns do tipo sanguíneo A coa combinación de encimas, informando que o 97% dos antíxenos do tipo sanguíneo A foron eliminados en catro horas. Ademais, a conversión conseguiuse sen ningunha toxicidade observábel. Posteriormente, tres dos novos pulmóns “neutrais” foron colocados en plasma, para simular un transplante real. O dano dos anticorpos observado foi mínimo, o que indica que os pulmóns convertidos foron aceptados en lugar de rexeitados, polo menos nas etapas cruciais e iniciais. O equipo estima que, eventualmente, o procedemento podería aumentar o número de pulmóns doados do grupo sanguíneo O do 55% actual a máis do 80%.

Rematar coa desigualdade nos transplantes

Até o momento, o transplante de pulmóns dun tipo de sangue incorrecto leva a unha resposta inmune rápida e o rexeitamento do órgano polo corpo. Amais, os pacientes con grupo sanguíneo O teñen un 20% maior de risco de morrer mentres agardan por un doador axeitado. Nesta liña, o procedemento evitaría que se produza esa resposta autoinmune eliminando os antíxenos do tipo sanguíneo A: “Esta estratexia ten o potencial de expandir o transplante de pulmón incompatíbel con ABO e mellorar a equidade na asignación de órganos”.

E, se ben unha maior investigación é requerida antes de que este proceso sexa aprobado como seguro para usar con persoas reais, os primeiros signos son prometedores: “O tratamento dos pulmóns do doador minimizou a unión de anticorpos, a deposición do complemento e a lesión mediada por anticorpos en comparación cos pulmóns de control”, escriben os científicos. Para estes, o próximo paso será realizar probas en ratos, para probar aínda máis o proceso de conversión do seu tipo de sangue pulmonar: “Como próximos pasos, pensamos usar ratos transxénicos semellantes para estudar a cinética de reexpresión do antíxeno e os efectos a longo prazo do tratamento encimático do doador de órganos”.


ReferenciaEx vivo enzymatic treatment converts blood type A donor lungs into universal blood type lungs (Publicado en Science Translational Medicine)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Non hai unha relación clara entre o grupo sanguíneo e a covid

O investigador Guillermo López advirte que un recente estudo publicado en Plos Genetics non fai unha asociación directa entre os dous factores