Mércores 17 Abril 2024

Como desmontar a lenda negra sobre o sabugueiro

A inxusta mala reputación da planta vai esmorecendo para deixar paso ás evidencias sobre as súas propiedades beneficiosas

CONTIDO PATROCINADO

O sabugueiro é unha das plantas máis frecuentes en Galicia, coñecida polas súas características flores brancas e as súas bagas de cor escura. A principios do século XX, o botánico xesuíta Padre Merino citaba esta especie na súa paradigmática obra ‘Flora Descriptiva e ilustrada de Galicia’, destacando a súa habitual presenza ás marxes dos regatos. Desde antano, este arbusto silvestre ten sido empregada en múltiples ámbitos, sen que o seu uso culinario ou gastronómico estea moi estendido na comunidade. 

Publicidade

Arredor destes coñecementos e usos ancestrais téñense ido construíndo unha serie de falsas crenzas que, hoxe por hoxe, podemos descartar: “O sabugueiro non se come”, “é unha árbore que sempre tivo moi mala fama”, ou “é unha mala herba que hai que arrincar” son algunhas desas frases que adoitamos escoitar sen saber como de precisa é a información que trasladan.

A investigación científica e diferentes achegas innovadoras para a valorización desta especie teñen permitido redescubrir esta planta, aclarando dúbidas e rachando pouco a pouco cos tópicos e lendas negras que a rodeaban. Agora, a súa inxusta mala reputación vai esmorecendo para deixar paso ás evidencias que falan de propiedades beneficiosas para a saúde do ser humano e dos propios ecosistemas

Estes son os tres falsos mitos máis estendidos arredor do sabugueiro (sambucus nigra) e así é como se teñen ido desmontando:

1.-De planta non comestible a ingrediente de marmeladas e xaropes

A principal idea falsa sobre o sabugueiro é que non ten aproveitamento como comestible por ser tóxico, cando, sen embargo, algunhas partes se poden inxerir sen que existan problemas para a saúde. De feito, noutras zonas de Europa o seu consumo está moi estendido na alimentación; especialmente en presentacións como xaropes, moi pouco coñecidos en Galicia.

As flores do sabugueiro pódense comer directamente ou a través dalgún elaborado e, de feito, o ‘Inventario Español dos Coñecementos Tradicionais relativos á Biodiversidade’ recolle o seu uso en receitas de chulas ou mesmo de tortillas. Tamén se poden empregar para facer marmelada e, no caso de recollelas xusto antes de que abran, pódense conservar en salmoira, como se fosen alcaparras.

Carabuñas
Coa colaboración de Carabuñas.

En canto aos froitos, poden consumirse directamente sempre que estean maduros ou sexan procesados. A este respecto, hoxe en día xa podemos atopar no mercado produtos como marmeladas, xaropes ou licor feitos a partir da baga. 

Probablemente, a orixe deste falso mito provén dunha forma de protexer á infancia de intoxicarse comendo o froito inmaturo: “tradicionalmente dicíaselle aos nenos que as bagas non eran comestibles para evitar que as comesen verdes, pero o certo é que maduras ou ben procesadas si poden ser consumidas sen perigo”, explica Nelson Alonso, responsable de Carabuñas, marca galega dedicada ao aproveitamento do sabugueiro

O consumo do froito resulta seguro tanto no seu estado de madurez como cando é procesado, xa que o tratamento a base de calor provoca a descomposición dos compoñentes tóxicos

O froito verde resulta nocivo debido ao seu contido en glucósidos cianoxénicos, unhas substancias que resultan tóxicas para o ser humano xa que, durante a dixestión, convértense en cianuro de hidróxeno. Un consumo en grandes cantidades da baga verde podería causar náuseas, vómitos e diarrea; pero resulta segura tanto no seu estado de madurez como cando é procesada, xa que o tratamento a base de calor (fervedura, decocción, etc.) provoca que os tóxicos se descompoñan

Xunto co froito inmaturo, tampouco son comestibles as raíces, os tallos, a cortiza e as follas do sabugueiro. Todas estas partes do arbusto conteñen tóxicos en maiores concentracións que as que presenta a baga.

2.-De “árbore máxica” e “maldita” a contar con propiedades avaladas pola ciencia

En diversas culturas precristiás europeas o sabugueiro foi considerado unha árbore máxica e, nese sentido, nos aproveitamentos tradicionais desta planta pódense atopar utilidades simbólicas de carácter protector, especialmente relacionadas coa morte ou contra o mal. En moitos casos, algúns ritos populares de orixes ancestrais inclúen a queima desta aromática planta e, noutros, a colocación de ramalletes nos lugares que se querían manter a salvo. 

De feito, é unha das plantas que se soe empregar na festividade de San Xoán: ben dentro da mestura de herbas que se deixa a remollo para facer a auga coa que lavar a cara, ou ben para colocar nas portas de casas e cortes do gando.

Pese a existir estas ideas máxicas e protectoras, coa tradición cristiá comezáronse a incorporar algunhas connotacións negativas. Por exemplo, dise que a árbore da que se que se pendurou Xudas despois de ter traizoado a Xesucristo era precisamente un sabugueiro. 

Pouco a pouco, as ideas de maxia, saúde e protección empezaron a convivir con ideas negativas, sobre todo asociadas á morte e ao escuro. Non en van, as súas características bagas de cor negra son coñecidas aínda hoxe como “uvas da bruxa”.

Neste contexto de combinación de distintas tradicións, moitos dos usos habituais do sabugueiro en Galicia tiveron que ver co aproveitamento das propiedades saudables que se lle atribúen a través de distintas aplicacións, pero case nunca desde a alimentación. “Sempre se dicía que as cousas das bruxas non se comen”, lembra o responsable de Carabuñas, quen indica que, en canto a usos alimentarios tradicionais en Galicia, tan só era coñecida a elaboración de marmeladas nalgúns puntos do Courel.

Se ben non existen moitos indicios sobre usos alimentarios en Galicia, do que si fala o repertorio dos coñecementos populares é de numerosos preparados a base de infusións, decoccións, cataplasmas e ungüentos elaborados para combater afeccións respiratorias, problemas do sistema urinario, da musculatura, da pel ou mesmo como antiinflamatorio.

Ao longo dos últimos anos, a investigación científica comezou a interesarse por algunhas das propiedades saudables que se lle viñan atribuíndo ao sabugueiro, logrando atopar evidencias consistentes nalgúns destes casos que xa apuntaba o coñecemento tradicional. Por exemplo, tense comprobando que o sabugueiro é unha importante fonte de antioxidantes así como un bo aliado contra procesos gripais e catarrais.

sabugueiro carabuñas
O sabugueiro florece de abril a xullo e fructifica en xullo e agosto.

3.- De mala herba a especie importante en sistemas silvopastorís e para a biodiversidade

Como árbore de pequeno porte que adoita crecer de xeito silvestre en zonas de luz e humidade, e da que non se facía un aproveitamento para a alimentación; na agricultura tendeuse a considerar esta especie como mala herba, sendo moitas veces arrincada das fincas onde nace de xeito espontáneo.

Sen embargo, esta especie está moi lonxe de ser nociva, xa que é a responsable de importantes achegas en sistemas silvopastorís e para o mantemento da biodiversidade e saúde dos ecosistemas. 

Entre as vantaxes de introducila en espazos dedicados ao cultivo destaca o poder das súas aromáticas follas á hora de repeler ratos e toupas. Ademais, as mesmas follas queimadas tamén funcionan como insecticida e, en infusión, poden usarse como remedio contra pragas de pulgóns e eirugas.

Por outra banda, o sabugueiro pode ter uso como planta forraxeira e, de feito, supón un alimento de grande valor nutricional para o gando bovino.

Tendo en conta todos estes beneficios en usos agropecuarios, o responsable de Carabuñas non dubida á hora de posicionarse: “Cando alguén nos consulta sobre que facer despois de que lle naza algún sabugueiro nalgunha finca, nós o que dicimos sempre é que o mellor que pode facer é deixalo medrar”, asegura.

Tamén son beneficiosas as achegas ambientais dos sabugueiros situados en zonas de bosque de ribeira, pois participan nas importantes funcións ecolóxicas deste tipo de formacións de vexetación e arborado: regulan o microclima do río, contribúen a asegurar a estabilidade das beiras fluviais e son hábitat, refuxio e fonte de alimento para numerosas especies de animais e vexetais.

1 comentario

  1. Dende fai moito tempo a miña árbore favorita. Fago bebidas con elas, mármeladas e de cativo alguén me insinaea a facer un xarope para o catarro con el . Pero esquecin como se facía. Apertas

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:05:02

Poñer a roupa ao clareo do Sol, funciona?

É unha técnica tradicional para branquear a roupa que seguimos empregando hoxe. A ciencia confirma a eficacia dos raios solares como o mellor desinfectante natural
00:05:00

O amor, unha cuestión de química?

Substancias químicas como a dopamina espertan o desexo que podemos sentir por alguén, pero só uns vínculos profundos garanten unha relación duradeira
00:05:35

É a intelixencia artificial unha ameaza para a humanidade?

O frenesí dos últimos anos leva a moitos a preguntarse polo verdadeiro alcance dunha revolución con riscos, pero con moitos beneficios se se seguen as normas
00:04:28

Comer ovos dispara o noso colesterol?

Grazas aos avances científicos hoxe sabemos que esta relación non é máis que un mito. Iso si, outros factores como os hereditarios, poden forzarnos a reducir o consumo deste alimento