Venres 19 Abril 2024

Sabugueiro: o antigripal da natureza

Varios estudos proban a capacidade deste produto para combater síntomas de gripe e catarro e acurtar a súa duración

CONTIDO PATROCINADO

Desde tempos inmemoriais, ao sabugueiro atribúenselle propiedades beneficiosas á hora de combater procesos catarrais e outros problemas do sistema respiratorio e, de feito, os repertorios de medicina tradicional inclúen tisanas e xaropes a partir de distintas partes da planta como alivio dos síntomas destas enfermidades. Agora sabemos que esa sabedoría popular non andaba en absoluto desencamiñada, pois cada vez son máis os estudos científicos que avalan o seu uso en gripes e procesos de arrefriado.

Publicidade

Ao longo dos últimos anos téñense publicado diversas investigacións sobre o uso do sabugueiro en varias presentacións, obténdose resultados positivos na mellora de síntomas asociados a gripes e catarros —tales coma a dor muscular, a irritación da gorxa, a tose, a mucosidade ou a conxestión nasal— ou mesmo pola súa capacidade de acurtar a duración da enfermidade.

No caso concreto da influenza (o virus da gripe), existen numerosos estudios que achegan bos resultados. Nunha revisión de artigos relativos a distintas propiedades atribuídas ao sabugueiro publicada en 2014 (Ulbricht et al.) no Journal of Dietary Supplements, considerábase que existe “boa evidencia científica” no que respecta á actividade antigripal do sabugueiro. Este documento menciona un total de 22 artigos de investigación científica nos que se avaliaba esta cuestión, incluíndo ensaios in vitro, probas en animais e en seres humanos.

Carabuñas
Coa colaboración de Carabuñas.

Dese total de 22 artigos, en tres probábanse os efectos do sabugueiro en persoas. Un deses tres traballos era o publicado en 2004 en The Journal of International Medical Research, o cal comprobou a efectividade dun xarope de sabugueiro entre 60 pacientes noruegueses de diversas idades que presentaban síntomas de influenza (gripe). O ensaio concluía que esa sintomatoloxía melloraba unha media de catro días antes no grupo do sabugueiro respecto dos pacientes que tomaran placebo.

Concretamente, os resultados indicaban que mentres no grupo de control —ao que se lle subministrou placebo— comezaba a experimentarse unha mellora aproximadamente aos sete días; no grupo tratado con sabugueiro ese grao de recuperación se acadaba na metade de tempo: cuns catro días de antelación sobre esa media.

Os flavonoides, detrás das propiedades antigripais do sabugueiro

Pero, que compoñente é o responsable desas propiedades antigripais? Como traballa o sabugueiro fronte ao virus? Achamos a resposta a estas preguntas no antedito estudo de 2004, elaborado por Z. Zakay Rones, E. Thom, T. Wollan e J. Wadstein. Este documento apunta aos flavonoides, uns poderosos antioxidantes presentes neste vexetal e que son precisamente os que lle aportan ao froito a súa característica cor negra cando está maduro.

Un posible mecanismo de acción do sabugueiro é que os seus flavonoides provocan a estimulación do sistema inmune

Dentro dos diferentes flavonoides desta planta os máis importantes son dous tipos de antocianinas: a cyanidin 3-glucoside e a cyanidin 3-sambucoside. A investigación indica que un posible mecanismo de acción do sabugueiro é que os seus flavonoides provocan a estimulación do sistema inmune. Ademais, detectouse outra actividade importante: a de previr “a adhesión do virus aos receptores celulares”.

Por outra parte, o estudo tamén alude á capacidade antiinflamatoria das antocianinas, da cal apunta que é “comparable ao do ácido acetilsalicílico”. Segundo detalla, esta característica “podería explicar o pronunciado efecto nas dores e a febre no grupo tratado con xarope de sabugueiro”.

Antiviral

Tras os resultados positivos destas probas, nos últimos anos téñense desenvolvido novas investigacións que continúan a confirmar as propiedades antigripais do sabugueiro. Así, un estudo publicado na revista Nutrients en 2016 probou o uso dun extracto de baga de sabugueiro entre pasaxeiros de voos de longa distancia -entre Australia e o estranxeiro-, obtendo prometedores resultados.

Neste traballo, ao grupo experimental foilles subministrado o extracto nun período comprendido entre os 10 días previos á viaxe e os catro ou cinco días seguintes á chegada do estranxeiro, mentres que ao grupo de control déuselle placebo. Entre os pasaxeiros que presentaron síntomas, a recuperación foi unha media de dous días máis curta entre o grupo do sabugueiro (4,75 días) que no do placebo (6,88 días). Ademais, a intensidade dos síntomas entre os membros do grupo experimental foi máis leve que no grupo de control.

Xa en 2017, unha nova revisión publicada en Phytotherapy Research volveu confirmar a actividade antigripal e anticatarral do sabugueiro, apuntando ademais propiedades antivirais. Neste caso, o documento elaborado polos investigadores Porter e Bode avalía a literatura científica sobre o uso do extracto de sabugueiro e produtos relacionados como antivirais, volvendo a repasar os tres estudos que formaran parte da revisión de Ulbricht et al. de 2014 e incorporando a investigación publicada en 2016.

O documento de 2017 manifesta nas súas conclusións que o sabugueiro “ten moitos compoñentes beneficiosos para a saúde e está implicado no alivio dunha ampla variedade dos trastornos de saúde”. E, se ben recoñece que aínda é necesaria máis investigación en moitas áreas, avanza que o sabugueiro “é prometedor como un tratamento económico e de baixo risco para a influenza e outros patóxenos virais e non virais, e potencialmente tamén como preventivo para infeccións virais agudas”.

Un saber tradicional confirmado pola ciencia

Á vista destes estudos poderiamos dicir que, no caso da actividade antigripal e antiviral do sabugueiro, o saber tradicional vai quedando confirmado pola investigación científica. De feito, das múltiples propiedades que, como planta medicinal, se lle atribúen habitualmente; as relacionadas coas gripes, constipados e afeccións pulmonares son das máis analizadas.

“Pouco a pouco vaise certificando a nivel científico o que, dalgunha forma, a xente xa sabía e viña aproveitando a través de usos tradicionais, así que parece que a xente daquela ía polo bo camiño. Iso é impresionante e tamén hai que recoñecelo”, sinala Nelson Alonso, un dos responsables de Carabuñas, única marca galega que traballa no aproveitamento e valorización do sabugueiro.

Aínda que existe certo coñecemento dos usos e aplicacións medicinais do sabugueiro, en Galicia non están moi estendidos os usos alimenticios ou gastronómicos. Unha vez confirmadas as súas bondades no que ten que ver con gripes e catarros, o responsable de Carabuñas apunta que “quizais unha forma lúdica de gozar das propiedades do sabugueiro sexa a través de produtos elaborados como as marmeladas, feitas a partir das bagas maduras”.

 

Coa colaboración de Carabuñas.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A ciencia confirma que as apertas alivian a dor, a ansiedade e a depresión

Un equipo internacional analiza os beneficios do contacto físico nas persoas a partir da revisión de 212 estudos

A historia da primeira industria galega que empregou a máquina de vapor

Un estudo da USC analiza ‘La Victoria’, a descoñecida fábrica de fundición e louza da Coruña creada en 1844

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Un equipo da UVigo analiza en alta resolución o transporte de humidade no Atlántico norte

O grupo EphysLab investiga como se altera o ciclo hidrolóxico na rexión oceánica por procesos relacionados co cambio climático