Sábado 20 Abril 2024

Catro novas investigacións contra a Covid na Universidade de Santiago

Co apoio económico da Axencia Galega de Innovación, exploran novos mecanismos de detección do SARS-CoV-2, axentes antivirais e un proxecto de vacina

A USC reforza o seu compromiso na loita contra a COVID-19 a través de catro novos proxectos de investigación que contan co apoio da Axencia Galega de Innovación (GAIN) que achega preto de medio millón de euros. Estas iniciativas exploran mecanismos que favorezan a detección temperá da enfermidade, así como o desenvolvemento de novos axentes antivirais e unha potencial vacina baseada en fermentos. “Calquera destes catro proxectos busca respostas a cuestións concretas que nos axudan a combater os desafíos que formula a crise da COVID-19 e mostran a capacidade da investigación realizada na USC de achegar reaccións áxiles a desafíos urxentes”, tal e como sinalou o vicerreitor de Investigación e Innovación, Vicente Pérez Muñuzuri.

Detectar antíxenos

Baixo a coordinación do investigador do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS), José A. Costoya, o proxecto ‘COVTES: proba rápida para a detección precoz de SARS-CoV-2 baseada en inmunocromatografía’ centrarase no desenvolvemento dunha proba para detectar antíxenos virais nunha mostra nasal, nasofarínxea ou de saliva a través da súa detección específica mediante un ensaio de inmunocromatografía baseado en sondas de ouro nano-coloidais-anticorpos ou nanoanticorpos, o que permitirá a identificación dos casos positivos nas fases iniciais da infección. “A base da proba é sinxela, o que garantiría o seu baixo custo e unha fácil escalabilidade industrial”, explica o profesor Costoya, quen leva anos traballando xunto co Grupo de Física de Coloides e Polímeros en sensores aplicados ao diagnóstico e tratamento de enfermidades. “O desenvolvemento dunha proba que permita a detección precoz da presenza do virus en quince minutos sería de gran axuda para a identificación de pacientes con COVID -19 de forma temperá”, sinala o investigador. “Recentemente comezaron a comercializarse probas rápidas de antíxenos, pero son poucos os test diagnósticos que permitan, con alta sensibilidade e especificidade, a detección do virus nas fases iniciais da infección de forma sinxela e rápida”, matiza Costoya ao explicar que este proxecto céntrase no desenvolvemento dunha proba que si cumpra estes requisitos.

Publicidade

Tamén no eido relativo á detección do virus sitúase o proxecto de Eduardo Fernández Megía que se centrará en desenvolver métodos áxiles que complementen a proba PCR, “a cal, malia a súa elevada sensibilidade, é unha técnica lenta, custosa e que require de grandes equipos e un laboratorio de microbioloxía”, explica o investigador do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CIQUS). Os Affidendrons son unha potente plataforma para a rápida e selectiva identificación de patóxenos. Estruturalmente incorporan varias unidades dunhas pequenas proteínas de recoñecemento, denominadas Affitinas, ao redor dunha nanoestructura de polímero ramificado que se chama dendrímero. Mediante esta presentación multivalente increméntase a afinidade destas pequenas proteínas de forma exponencial. “Estas características, unidas á elevada especificidade de Affitinas, menor tamaño que anticorpos, maior estabilidade e facilidade de produción a gran escala, fai dos Affidendrons unha ferramenta interesante para o desenvolvemento de métodos de detección de antíxeno, similares ás clásicas probas de embarazo, para o diagnóstico temperá de COVID-19”, explica Fernández Megía. O proxecto ‘Affidendrons anti-SARS-CoV-2: ferramentas multivalentes para diagnóstico temperá e terapia antiviral COVID-19’ pretende desenvolver Affidendrons que recoñezan a proteína spike na superficie do virus.

Vacina en fermentos

O desenvolvemento dunha vacina  recombinante baseada en  péptidos  multiepitopos contra o  SARS-CoV-2 é o eixo do proxecto coordinado por José Manuel Leiro Vidal do Instituto de Investigación en Análises Químicas e Biolóxicas (IAQBUS). “Esta vacina producirase nun sistema de expresión de proteínas  heterólogas en fermentos de uso alimentario para manter a antixenicidade dos azucres presentes nas proteínas superficiais do virus”, explica Leiro Vidal. A vantaxe desta vacina fronte ás que se están desenvolvendo actualmente é a súa seguridade, xa que é teoricamente  inocua, “debido a que carece de toda posibilidade de  infectividade e tampouco presenta ningún material xenético que puidese producir calquera fenómeno de interferencia con xenes celulares humanos, como é o caso das vacinas xenéticas baseadas na inmunización con ARN”, sinala o investigador principal do proxecto ‘Deseño e síntese de proteínas recombinantes superficiais quiméricas do virus SARS-CoV-2 para la produción dunha vacina en fermentos’. Asemade, todos os compoñentes deste tipo de vacina son biodegradables.

Antivirais

O proxecto liderado pola investigadora do  CIQUS, Concepción González Bello, estudará a nivel molecular como se produciría a “desactivación” da resposta inmune utilizando ferramentas  computacionais e biotecnolóxicas. Os fármacos  contra a malaria,  cloroquina e  hidroxicloroquina, son  aminoquinolinas que poderían ser eficaces fronte  ao virus da COVID-19. Nesta liña, o equipo investigador analizará o potencial doutras  aminoquinolinas, estruturalmente análogas ás anteriores.  A vantaxe destes novos “axentes antivirais” é a súa potencia, “o que axudaría a reducir, en gran medida, os posibles efectos adversos por utilizarse en doses máis reducidas”, sinala González Bello, investigadora principal do proxecto ‘Novos axentes antivirais baseados en aminoquinolinas para o tratamento da pandemia actual por SARS-CoV-2’. No proxecto, estudarase a súa potencialidade fronte ao virus e optimizarase a súa eficacia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Convocado o IX Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas

Os traballos poden enviarse a partir do 15 de abril. A dotación económica do galardón será de 5.000 euros, cun accésit para o segundo mellor valorado

Un equipo galego sinala os lípidos en sangue como biomarcadores de covid persistente

Investigadores do CiQUS ofrece unha nova perspectiva sobre a natureza desta enfermidade e abre a porta a diagnósticos e tratamentos máis específicos

O pico de gripe en Galicia adiántase á semana de Reis: “Estamos no punto de maior incidencia”

Segundo os últimos datos do Sergas, o número de persoas ingresadas polo virus respiratorio é de 904, dos que 42 están en UCI

A gripe, nunha “elevada pendente”: Galicia achégase ao pico de infeccións respiratorias

O epidemiólogo da USC Juan Gestal sostén que a covid-19 mantén unha tendencia estable. O virus respiratorio sincitial (VRS) anota un aumento contaxios