Case 100.000 persoas completan a pauta da vacina en Galicia en só 3 días

Con máis de 30.000 doses diarias, o número de persoas coa pauta completa pasou en Galicia do 10,62% do pasado venres ao 14,31% deste luns

Por primeira vez desde o comezo da campaña de vacinación contra a Covid-19 en Galicia, da que xa se cumpren máis de catro meses, esta fin de semana foi posible observar o avance diario da administración de doses sen o ‘parón’ do sábado e o domingo, días nos que o Ministerio de Sanidad non achega información deste indicador. Desde a semana pasada, a Consellería de Sanidade publica a actualización diaria do ‘cronómetro’ de vacinación, no que desde o venres se observa un aumento a moita maior velocidade na cifra de persoas que completaron a pauta de vacinación; desde o pasado venres, máis de 100.000 persoas, principalmente maiores de 70 anos (grupo no que se concentra máis do 90% dos falecementos por mor do coronavirus).

Tal e como se pode ver baixo estas liñas, a administración da segunda dose a estas persoas chega algo menos dun mes despois do salto de comezos de abril, cando o número de primeiras doses inxectadas acelerouse. Esta situación débese ao período que, segundo as indicacións dos fármacos de Pfizer-BioNTech e Moderna, que se usan nas persoas maiores de 70 nos, hai que deixar entre unha e outra inxección. Do mesmo xeito, durante os últimos días freouse moito máis o crecemento de persoas que recibiron a primeira dose.

Publicidade

Desta forma, ata a mañá deste luns un 30,13% da poboación galega recibira, polo menos, unha dose da vacina. E no caso da pauta completa, a porcentaxe pasou do 10,62% do pasado venres ao 14,31% deste luns.

A información que Sanidad difundirá esta tarde botará máis luz sobre en que grupo concreto de idade se produciu este avance, xa que o Sergas non achega nos seus datos en que franxas se completa a pauta. Si se ofrece o número de persoas cunha dose, que supera amplamente o 90% no grupo de maiores de 75 anos e está a medrar nos últimos días no grupo de 60 a 74.

Publicidade

A pesar do importante paso, Sanidade non acadou o obxectivo marcado de inxectar polo menos unha dose a todas as persoas maiores de 70 antes do final da semana pasada. O ritmo, porén, estase acelerando nas últimas xornadas, con máis de 30.000 doses diarias. Para xuño, a Xunta prevé que reciban canto menos unha dose todas as persoas maiores de 60 anos.

Situación actual da pandemia

O avance da campaña de vacinación coincide cunha tendencia crecente da incidencia de casos de Covid-19, así como da hospitalización de casos positivos. Despois do mínimo de ingresos acadado na segunda semana de abril, con menos de 170 persoas atendidas nos hospitais, a cifra está nos últimos días por riba de 200.

A incidencia acumulada mantense na contorna dos 100 casos/100.000 habitantes a 14 días, e algo por baixo dos 50 a sete días. A taxa de positividade continúa por baixo do 3%, e a cifra de falecementos é de 2.390.

1 comentario

  1. Pouso se di das persoas de alto risco. Dende o día 26/04 so se administraron 436 primeiras doses e 125 segundas doses. ¿Sábese cal é a razón de paralización da vacinación dese grupo?

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cen anos d’O Mariscal, a obra teatral que pintou a Pardo de Cela como símbolo das liberdades galegas

A Real Academia Galega celebrará un acto conmemorativo de entrada libre o xoves 15 ás 16:30 horas no Museo de Ramón Cabanillas, en Cambados

Galicia avalía a realidade virtual como alternativa para tratar as fobias específicas

Un informe de Avalia-t analiza a súa eficacia fronte a outros modos de terapia de exposición, o tratamento recomendado polas Guías de Práctica Clínica

Dun rosco de palabras a localizar o teu concello: coñece a nova plataforma de pasatempos en galego

A páxina web Ludogal ofrece catro xogos en liña gratuítos de vocabulario e xeografía para promover o uso do galego

Do Café Moderno de Pontevedra aos ‘Seis poemas galegos’: esta é a Galicia de Lorca

O poeta granadino visitou dúas veces a cidade, mantivo vínculos con destacados intelectuais e deixou unha fonda pegada na cultura, a paisaxe e a lingua