A presenza do home multiplica por 11 os cambios de vexetación das illas

Un estudo con participación do CSIC evidencia como a colonización humana acelera as alteracións en illas non habitadas previamente

A revista Science publica esta semana un estudo no que se constatan os impactos que a colonización da especie humana produce nas illas non habitadas previamente de forma regular. A investigación, froito dunha colaboración internacional na que toma parte o CSIC, indica que os cambios na vida vexetal do ecosistema dunha illa producidos pola colonización humana son once veces máis intensos que os debidos ao clima ou a efectos como erupcións volcánicas previas. A investigación levouse a cabo en 27 illas de todo o mundo. Trátase dunha das primeiras veces que se cuantificou o impacto humano nunha paisaxe; neste caso, grazas á análise de mostras de pole de hai 5.000 anos.

Os autores atoparon un patrón constante de aceleración da renovación na vexetación despois da invasión da especie humana, sendo máis rápidas no caso das illas colonizadas nos últimos 1500 anos. Estes cambios aconteceron independentemente das características xeográficas e ecolóxicas das illas, e amosan a rapidez coa que os ecosistemas poden mudar.

Publicidade

O exemplo de Islandia

O equipo por, entre outros, o exemplo de Islandia, que foi colonizada hai uns 1.000 anos polos viquingos, un pobo nórdico navegante cun marcado carácter negociador. As materias primas e os recursos que ofrecía a remota illa do Atlántico norte espertaron un forte interese dos chegados, que deron a volta para sempre á economía da zona, do norte de Europa e de case todo o mundo. Pero os viquingos deixaron unha pegada na contorna natural que nunca máis se borraría, do mesmo xeito que moitos outros pobos que colonizaron illas en todo o mundo. En Islandia, aínda que a vexetación mostra cambios no clima previos á chegada humana, a partir do ano 920 a actividade dos primeiros poboadores acelerou cambios na vexetación, intensificou a erosión e destruíu bosques a favor dos pastos. A madeira necesaria para construír embarcacións, a pedra e o metal dunha illa tan rica en recursos foron recursos saqueados durante anos.

Como Islandia, a maioría de illas habitadas do mundo experimentaron polo menos dúas ondas de asentamentos diferentes, cada unha con cambios característicos e con legados cada vez máis complexos. Isto débese, indica esta investigación, á “condición irreversible” dos cambios que se produciron, que cada vez son máis rápidos. Esta modificación reprodúcese ademais de maneira constante, mesmo séculos despois da colonización por parte do home.

Publicidade

O estudo constitúe unha das primeiras veces que se pode cuantificar o impacto humano nunha paisaxe, xa que ata o de agora nas masas continentais era difícil separar os efectos do clima e outros impactos ambientais dos provocados polos primeiros humanos. “As illas son laboratorios ideais para medir o impacto humano”, apunta Sandra Nogué, investigadora da Universidade de Southampton (Reino Unido) e primeira autora do artigo. “A maioría foron colonizadas nos últimos 3.000 anos, cando os climas eran similares aos actuais. Saber cando se colonizou un territorio illado facilita estudar cientificamente os cambios da composición do seu ecosistema en anos anteriores e posteriores, e achega unha dimensión da súa magnitude”, recalca.

Por iso foi clave coñecer que a poboación das illas da Polinesia chegou hai 3.000 anos a zonas remotas como Poor Knight (Nova Zelandia, Océano Pacífico Sur) e tamén a Fixi (Pacífico Sur); que fai 2.800 que chegaron a Nova Caledonia (Pacífico), e 370 anos que os europeos desembarcaron en Cabo Verde (Atlántico Norte), considerada a primeira colonia europea tropical do Atlántico. E, por exemplo, a algunhas illas do arquipélago das Canarias (Atlántico) a poboación europea chegou fai entre 1.800 e 2.000 anos, mentres que nas Illas Mauricio (Océano Índico) só hai 302 anos da chegada dos colonizadores europeos.

“O medio ambiente das que foron colonizadas por poboacións máis modernas, como as Galápagos (Ecuador, Océano Pacífico, habitadas por primeira vez no século XVI) ou a neozelandesa Poor Knight, recibiron máis impacto”, explica Nogué. “En cambio, as ocupadas previamente recibiron poboacións máis primitivas, que desenvolveron unha vida máis ligada ao ritmo natural e máis sostible e, por tanto, o territorio foi máis resiliente á colonización”. Por exemplo, o estudo evidencia que as illas ás que chegaron os humanos hai máis de 1.500 anos, como Fiji e Nova Caledonia, experimentaron un ritmo de cambio máis lento.

“Esta diferenza no cambio podería significar que as illas poboadas antes foron máis resistentes á chegada dos humanos. Pero é máis probable que as prácticas de uso da terra, a tecnoloxía e as especies introducidas polos últimos poboadores fosen máis transformadoras que as dos primeiros”, explica a investigadora.

Aínda que non se pode esperar que os ecosistemas recuperen a situación anterior aos asentamentos, o traballo pode axudar a “orientar os esforzos de restauración e entender a capacidade de resposta do territorio ao cambio”, en palabras doutro dos autores do traballo, o investigador do CSIC Josep Peñuelas, do Centro de Investigación Ecolóxica e Aplicacións Forestais (CREAF).

As tendencias observáronse en localizacións xeográficas e climas tan diversos como os do océano Pacífico sur, o Índico, o Atlántico sur ou o océano Ártico, entre outros. Os cambios nos ecosistemas tamén poden ser debidos a varios factores naturais, tales como terremotos, erupcións volcánicas, condicións meteorolóxicas extremas e cambios no nivel de mar. Con todo, o equipo de investigación comprobou que as perturbacións causadas polo home superan todos estes fenómenos e o cambio adoita ser irreversible. Por iso, aconsellan que as estratexias de conservación teñan en conta o impacto a longo prazo dos humanos e o grao en que os cambios ecolóxicos actuais difiren dos da época pre humana.

Os resultados mostran poucos indicios de que os ecosistemas afectados polo home se parezan ás dinámicas presentes antes da súa chegada. Por tanto, os impactos antropoxénicos nas illas son compoñentes duradeiros destes sistemas que adoitan implicar unha limpeza inicial (por exemplo, mediante o uso de lume), e vense agravados pola introdución dunha serie de especies e a extinción de endémicas, ademais de perturbacións continuas.


Referencia: The human dimension of biodiversity changes on islands (Publicado en Science).

1 comentario

  1. “A presenza humana multiplica…” ou “O ser humano multiplica…” son xeitos de evitar o sesgo de xénero que transmite o titular.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A desaparición da ostra salvaxe en Galicia revela a deterioración do leito mariño

Un equipo europeo con participación do IEO de Vigo elabora o rexistro máis completo sobre a antiga extensión da especie bentónica nun estado silvestre

O eucalipto desborda Galicia: a súa presenza multiplicouse por 11 en 50 anos

A fábrica de Altri incrementará a demanda dunha especie que se disparou nas últimas décadas ata máis de 400.000 hectáreas de superficie

Anatomía da agresiva alga asiática que xa está en Galicia: “É unha catrástofe ambiental”

A 'Rugulopteryx okamurae', orixinaria do Pacífico, ten unha capacidade sen precedentes para desprazar ás especies nativas e causa un grave impacto nos ecosistemas mariños

Sara Varela González: bióloga dende Brasil ata Galicia

Cunha traxectoria profesional en Europa e América, a investigadora destaca polos seus estudos no contexto da ecoloxía teórica, cun foco claro: por que as especies están onde están e son como son