No comezo desta semana, catro meses despois de que Nieves Cabo, usuaria da residencia Porta do Camiño de Santiago de Compostela, se convertese na primeira persoa en Galicia en recibir a vacina contra a Covid-19, superarase o millón de doses administradas. Ata este domingo xa se inxectaran máis de 985.000, que inmunizaron á poboación institucionalizada, a case o 70% do censo de persoas maiores de 80 anos, e administrouse a primeira dose a máis de 710.000 habitantes de colectivos esenciais, con patoloxías de risco e outros grupos prioritarios na estratexia de vacinación. Un despregamento sen precedentes que xa ten efecto na transmisión, segundo as análises realizadas polo Servizo Galego de Saúde: o seguimento de poboación vacinada ata finais de marzo constatou un descenso da 88,4% na taxa de positividade das persoas inmunizadas.
Este avance amósase, en cada semana que pasa, nos datos achegados polas autoridades sanitarias sobre a transmisión do SARS-CoV-2 e a morbilidade e mortalidade que provoca. O número de falecementos está a niveis dos comezos da segunda do outono de 2020. E o perfil das persoas falecidas (no marco dun número menor en termos absolutos) correlaciónase co aumento da inmunización: cada vez falecen menos persoas maiores de 80 anos, colectivo prioritario a protexer, pois representou no conxunto da pandemia arredor do 70% dos óbitos. Pola contra, o grupo de 70-79 anos está a verse máis afectado, en proporción, nas últimas semanas, pero é cuestión de semanas que se complete a súa inmunización e, por tanto, se reduza este efecto. Así está a situación agora mesmo.
Avance da vacinación por grupos de idade
Desde o 31 de marzo, o Ministerio de Sanidad achega a situación das doses administradas por cada comunidade autónoma en función dos grupos de idade. Aquel día, un 64% dos maiores de 80 anos recibiran a primeira dose en Galicia, e un 31,2%, as dúas. Case catro semanas despois, as cifras ascenden ao 97,8% e 66,9%, respectivamente. Ao recibiren a fórmula de Pfizer-BioNTech e Moderna (en moita menor cantidade), que se administran cunha diferenza de 21-28 días entre unha e outra dose, é de agardar que en poucas semanas se complete a inmunización deste grupo.
A maior dispoñibilidade de doses está a permitir que continúen as xornadas de vacinación masiva. Tal e como se pode ver no gráfico superior, desde o 8 de abril acelerouse a inxección da primeira dose ao grupo de 70-79 anos, que xa supera o 70%. E a reanudación con AstraZeneca xa levou esta vacina nas últimas semanas a máis do 30% da poboación de entre 60 e 69 anos. Neste caso, ao espaciarse a pauta entre 4 e 12 semanas, a inmunización será máis lenta, ata recibir a segunda dose, pero supoñerá tamén un importante paso.
Pero o gran salto na protección contra os casos graves de Covid-19 xa parece inminente: Obsérvase que a liña da inmunización do grupo 70-79 (en verde) apenas avanzou no último mes. Por tanto, é cuestión de días que boa parte das persoas (sobre todo de entre 75 e 79 anos) que recibiron a primeira dose desde a segunda semana de abril comecen a ser citadas para completar a pauta e, deste xeito, reducir os casos graves nunha gran porcentaxe das posibles infeccións; se o grupo de maiores de 80 acumulou un 70% dos falecementos, a franxa 70-79 sumaba un 19,2% máis. Isto é, practicamente o 90% das persoas que perderon a vida con Covid-19 na pandemia superan os 70 anos.
Os efectos na mortalidade
Hai dúas semanas, a piques de que desaparecen os casos activos nos centros residenciais, xa había varios sinais que constataban como as vacinas estaban a protexer aos grupos prioritarios na estratexia. Agora, e despois de sumar máis dun mes sen falecidos por Covid-19 nos centros residenciais, o perfil dos óbitos polo coronavirus amosa un cambio que leva a unha dobre lectura.
En cifras absolutas, as mortes estanse a reducir, situándose por baixo das cinco diarias na maior parte dos días desde mediados de marzo e acumulando, ademais, sete días nos que non houbo falecementos desde comezos de abril.
Mais, por outra banda, obsérvase como, en proporción, as mortes no grupo de máis de 80 anos (e especialmente, en maiores de 90), se reduce desde finais de febreiro. Do máis do 70% do conxunto da pandemia pasouse ao 56% (falecementos notificados entre o 24 febreiro e o 24 marzo) e 54% (24 marzo-24 abril). A porcentaxe no grupo de máis de 90 anos caeu notablemente, do 26,3 ao 13,2%.
Fronte a isto, a porcentaxe de falecementos respecto ao total aumenta nas persoas menores de 80 anos. No grupo 50-59, pasouse do 3,1% do total da pandemia pasouse ao 11,3% do último mes, cifra igual á do grupo de 60-69. Isto é, das 53 persoas falecidas entre o 24 de marzo e o 24 de abril por mor do coronavirus, 12 tiñan entre 50 e 69 anos. A porcentaxe medra tamén no grupo 70-79.
Á espera do salto inminente que suporá a inmunización do grupo de 70 a 79, e que se producirá durante as vindeiras semanas, completándose probablemente a finais de maio ou comezos de xuño, o sexto mes do ano marcará un novo punto de inflexión: o obxectivo da Xunta, en palabras do presidente autonomico, pasa por que todos os maiores de 60 anos teñan en xuño, canto menos, unha dose da vacina contra a Covid-19. A chegada do fármaco monodose de Janssen aumentará a proporción de persoas inmunizadas, o que axudará a acadar antes estes obxectivos, tamén acelerados polo maior subministro acordado con Pfizer-BioNTech.
A chegada de Janssen, xunto á elevada protección que confire coa primeira dose o fármaco de AstraZeneca, xa observada na poboación real en países como Reino Unido, que apostou por dar a primeira dose á meirande parte dos habitantes, reforza tamén a esperanza cara ao verán. De cumprirse o obxectivo marcado pola Xunta, o grupo de persoas maiores de 60 anos, no que se concentran en Galicia máis do 96% das mortes por Covid-19, ficará protexido cunha gran efectividade en apenas oito semanas.
Con todo, as autoridades sanitarias insisten en manter as medidas de prevención para evitar unha cuarta onda que noutras partes do territorio español xa está a causar problemas nos hospitais. Neste sentido, Galicia amosa sinais positivos, cunha incidencia moito menor en persoas maiores de 65 anos ca no conxunto da poboación: se a 7 e 14 días, segundo o último informe de situación da pandemia, os casos por 100.000 habitantes eran 94 e 48 en Galicia, respectivamente, na poboación maior desta idade as cifras baixaban ata 59,6 e 28,7. Aguantar unhas semanas cunha incidencia baixa axudará, deste xeito, a afastar cada vez máis o risco dunha repunta e, ao mesmo tempo, albiscar a fin da fase aguda dunha crise que dura xa case 14 meses.