A inmunización das persoas institucionalizadas e de maior idade está xa a amosar efectos nos casos máis graves de Covid-19. Imaxe: Sergas/Elaboración propia.
A inmunización das persoas institucionalizadas e de maior idade está xa a amosar efectos nos casos máis graves de Covid-19. Imaxe: Sergas/Elaboración propia.

Seis sinais do efecto das vacinas á porta do primeiro gran salto da inmunización

Galicia suma varias semanas sen notificar falecementos nos centros residenciais, ao tempo que se reducen os casos graves nos grupos xa vacinados

A chegada das primeiras doses da vacina de Janssen, a primeira aprobada en Europa coa que abonda unha soa dose para protexer dos casos graves de Covid-19, marca esta semana un novo gran paso para a inmunización da poboación fronte á grave pandemia que comezou hai máis de 13 meses. As 300.000 unidades que chegan na primeira entrega a España protexerán a outras tantas persoas e acelerarán o ritmo de vacinación na segunda metade do mes de abril, unha data clave. Co reforzo que tamén supoñen as novas entregas de Pfizer-BioNTech, Moderna e AstraZeneca-Oxford, para a semana do 3 ao 9 de maio, segundo as previsións do Goberno español, agárdase que cinco millóns de persoas, isto é, máis do 10% da poboación, estea inmunizada contra o coronavirus en España. Porén, ademais das previsións de cantas inxeccións se poderán administrar, xa son varios os sinais de que os colectivos nos que a vacinación avanza a maior velocidade, principalmente nas residencias de persoas maiores e persoas con discapacidade, as fórmulas contra os efectos letais da Covid-19 están funcionando con gran efectividade:

As mortes en residencias, menos do 5% desde febreiro

A mediados de febreiro, o persoal da Consellería de Sanidade completou a inmunización das residencias de maiores. Agás casos illados, nos centros nos que aínda había surtos activos, ou ben en novo persoal ou residentes que se incorporaban, a práctica totalidade das persoas vinculadas a estas instalacións quedou vacinada contra a Covid-19.

Aínda que o impacto da terceira onda que golpeou en febreiro estes centros provocou un importante número de falecementos, o que veu despois confirmou a efectividade da inmunización. Lamentablemente, desde mediados de febreiro faleceron arredor de 200 persoas diagnosticadas de coronavirus en Galicia. Pero só 10 delas eran persoas vinculadas a centros residencias. E dos últimos 100 óbitos, só 3 están vinculados a estes centros. E desde o 23 de marzo non se suma ningún máis. Obsérvase, deste xeito, na liña de falecementos totais (esquerda) e vinculados a residencias (dereita). Neste último caso, a liña é case plana desde febreiro:

Máis falecidos menores de 80

E, por tanto, menos falecidos maiores desta idade. Desde o comezo da pandemia, máis do 70% das persoas falecidas por coronavirus en Galicia superaban os 80 anos. Desde febreiro, a cifra está por baixo deste limiar, e ao tempo que se completou a inmunización das persoas octoxenarias (máis do 90% ten a primeira dose e case o 45%, a pauta completa), os casos fatais nesta idade representan unha proporción menor. Agora, os maiores de 80 anos son menos do 55% do total, dentro duns números absolutos tamén menores.

Con todo, os falecementos estanse a incrementar, pola contra, na poboación de 70 a 79 anos. Se entre novembro e decembro de 2020 eran o 15%, no último mes son o 32%.

 

Abril e novembro de 2020, os peores meses nas residencias

Non existen datos oficiais dos falecementos rexistrados nas residencias ata o 7 de abril de 2020, cando a Xunta de Galicia comezou a informar dos óbitos por Covid-19 rexistrados nestes centros. Ata ese momento faleceran 108 persoas vinculadas a eles, polo que se estima que en marzo e comezos de abril se produciran máis de 100 mortes. Novembro sería, neste sentido, o segundo peor mes en canto a estes centros.

Mais a terceira onda de xaneiro e febreiro de 2021, con cifras no conxunto da poboación moi próximas ás da primavera de 2020, tivo un impacto menor nas residencias. Este sinal da inmunización obsérvase, sobre todo, no mes de marzo, no que a incidencia de novos casos e o agravamento de infeccións da terceira onda aínda produciron 92 falecementos en Galicia. Só sete deles estaban vinculados a residencias. Fronte a isto, por exemplo, en agosto de 2020, con menos da terceira parte de óbitos (26), 9 deles se vincularon a residencias.

A curva achandada

O IMSERSO actualiza desde hai varias semanas a situación nos centros residenciais de cada comunidade autónoma, cos datos remitidos ao Ministerio de Sanidade. No conxunto do territorio estatal, só se notificaron nestes centros dúas mortes na última semana de marzo, fronte aos case 800 da última de xaneiro, cumio da terceira onda.

E en Galicia constátase como descendeu notablemente esta curva ata prácticamente achandarse, alén dos dous brotes detectados en marzo.

Fonte: IMSERSO.
Fonte: IMSERSO.

O descenso da porcentaxe de mortes en residencias

En proporción, a evolución diaria pode observarse tamén deste xeito. Desde comezos de abril de 2020, cando se produciron a maior parte dos falecementos dalgúns dos surtos letais en residencias, ata comezos de xaneiro de 2021, a porcentaxe de persoas falecidas por Covid-19 en Galicia vinculadas a estes centros supuxo, en todo momento, máis do 40% do total.

Porén, desde ese momento, a proporción comezou a baixar. Na actualidade, por baixo do 33,5%, supón a menor porcentaxe desde que existen datos na pandemia. Isto ten, con todo, unha dobre lectura, xa que amosa que a pandemia segue causando un notable impacto fóra destes centros, na poboación non inmunizada.

Sen casos activos

Agás os dous últimos brotes en residencias de Xinzo e Silleda, cunha maior parte dos positivos como asintomáticos, os casos detectados desde febreiro nestes centros son unha proporción moi pequena do total de Galicia. Así se pode ver baixo estas liñas. Aínda que na primeira onda os datos están incompletos por mor de que se detectaban moi poucos casos respecto ao total, obsérvase a diferenza entre a segunda e a terceira ondas, tanto no total de casos en residencias (as ondas son moi semellantes nelas, mentres que no conxunto da poboación a diferenza é moito maior) así como na porcentaxe de positivos activos respecto ao total. Nas últimas semanas, está por baixo do 1%, polo que é mesmo menor ca na etapa da ‘nova normalidade‘ do verán de 2020, cando apenas se detectaban positivos en Galicia e chegou a haber días sen casos activos en centros residenciais. Desde o primeiro día de abril, só fican como positivos en seguimento dous traballadores das residencias de Oleiros e A Cañiza.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.