Venres 19 Abril 2024

Chernóbil, territorio lobo

* Un artigo de

O lobo é unha especie que esperta paixóns enfrontadas. Para uns representa unha grave ameaza á gandería extensiva e as tradicións rurais. Para outros é o símbolo da natureza salvaxe e peza básica para o equilibrio dos ecosistemas.

Publicidade

A pesar de ser unha especie protexida en toda Europa, é perseguido incesantemente. Ao lobo continuóuselle cazando tanto en países onde escasea, como Suecia e Noruega, como en países nos que é máis frecuente, como España. Acosado ata o exterminio en gran parte de Europa, o lobo acabou acantoado nuns poucos refuxios remotos. Paradoxalmente, Chernóbil converteuse nun deles.

Cúmprense agora 35 anos do accidente na central nuclear de Chernóbil (Ucraína). Este accidente, o máis grave da historia nuclear, provocou a evacuación dunhas 350.000 persoas e a creación dunha zona con asentamento humano limitado. Esta área de máis de 4.000 km² quedou, basicamente, despoblada, sen actividade humana e cos animais salvaxes como únicos ocupantes. Esta situación mantívose ata a actualidade.

A zona de exclusión de Chernóbil dá acubillo hoxe a unha gran diversidade de fauna, incluídos moitos dos grandes mamíferos europeos, como o lince boreal, o oso pardo e, tamén, o lobo.

Os lobos de Chernóbil

No momento do accidente os lobos estaban presentes en Chernóbil, aínda que intensamente perseguidos pola poboación local. Tres décadas despois, Chernóbil mantén unha das maiores densidades de lobos de Europa. Estudos de campo na parte bielorrusa da zona de exclusión revelaron que alí viven máis de 100 individuos por cada 1000 km² (ver PDF). Nesa área os lobos son sete veces máis abundantes que en reservas naturais próximas.

Grupo de lobos alimentándose dos restos dun alce na zona de exclusión de Chernóbil, Ucraína. 2020. Imaxe: CHAR Project / Nick Beresford, Sergey Gashchack.
Grupo de lobos alimentándose dos restos dun alce na zona de exclusión de Chernóbil, Ucraína. 2020. Imaxe: CHAR Project / Nick Beresford, Sergey Gashchack.

Ademais, a abundancia de lobos en Chernóbil non está condicionada polos niveis de radiación. A especie ocupa toda a zona, desde as áreas menos contaminadas ata ambientes como o do bosque vermello, un dos lugares máis radioactivos do planeta. Ata a data, non se detectou ningún efecto negativo da radiación sobre os lobos que viven en Chernóbil.

Algúns investigadores opinan que a presenza de lobos en Chernóbil é só un reflexo do aumento das súas poboacións ao longo de toda Europa. Pero isto non xustifica por que son tan abundantes alí, máis que en ningunha outra zona, nin por que ocupan todos os hábitats óptimos en Chernóbil, independentemente do nivel de radiación.

Grupo de lobos no interior da zona de exclusión de Chernóbil, Ucraína. 2021. Imaxe: CHAR Project / Nick Beresford, Sergey Gashchack.
Grupo de lobos no interior da zona de exclusión de Chernóbil, Ucraína. 2021. Imaxe: CHAR Project / Nick Beresford, Sergey Gashchack.

Varias claves explican a abundancia de lobos en Chernóbil. A ausencia de persecución directa polos humanos, ausentes da zona, é a principal. O mantemento dunha zona moi ampla libre da presenza humana é determinante. En comparación cos máis de 4.000 km² de Chernóbil, o parque nacional dos Picos de Europa ocupa só uns 650 km². A zona de exclusión acolle ademais unha gran abundancia das principais presas naturais do lobo: alce, cervo, xabaril e castor. Sen interferencia humana, aínda a pesar do ambiente radioactivo, o lobo e as súas presas manteñen un sistema predador-presa totalmente natural.

Lobo europeo perseguindo a un alce dentro do bosque vermello, zona de exclusión de Chernóbil, Ucraína. 2017. Imaxe: REDFIRE Project / Nick Beresford, Sergey Gashchack.
Lobo europeo perseguindo a un alce dentro do bosque vermello, zona de exclusión de Chernóbil, Ucraína. 2017. Imaxe: REDFIRE Project / Nick Beresford, Sergey Gashchack.

Lobos en movemento

Recentemente detectouse a un lobo xuvenil equipado polos científicos cun colar transmisor GPS dispersándose desde Chernóbil cara a zonas do exterior. Isto reflicte que Chernóbil empeza a actuar como un lugar desde o que a fauna se expande a áreas próximas, e non como unha área de mala calidade na que os animais entran e morren pola radiación.

Visita á fauna de Chernóbil 33 anos despois do accidente nuclear

O desprazamento deste lobo non se diferencia do que realizan numerosas especies migratorias que usan Chernóbil durante a tempada de cría ou a época invernal, e non constitúe ningún risco para a fauna doutros lugares. A dispersión de individuos novos é un proceso natural nestes animais, froito da necesidade de buscar novos territorios en poboacións cunha alta densidade. En ningún modo contribúe a expandir mutacións causadas pola radiación que poidan ser negativas para a especie.

O futuro dos lobos de Chernóbil

A zona de exclusión de Chernóbil enfróntase agora, tres décadas despois do accidente, ao reto de definir o seu futuro e, con el, o dos lobos que a habitan.

Lobo na zona de exclusión de Chernóbil, Ucraína. 2015. Foto: TREE Project / Nick Beresford, Sergey Gashchack.
Lobo na zona de exclusión de Chernóbil, Ucraína. 2015. Foto: TREE Project / Nick Beresford, Sergey Gashchack.

Será necesario compatibilizar o manexo dunha zona aínda contaminada, co desmantelamento da central nuclear, o crecente turismo e a conservación da natureza.

En Chernóbil existe a oportunidade de preservar unha área dunha extensión case única en Europa como lugar dedicado non só á memoria do accidente, se non tamén ao estudo e conservación da natureza. O mantemento desta gran superficie será vital para a conservación de multitude de especies ameazadas.

35 anos despois do accidente nuclear que se supoñía ía acabar coa vida da zona durante milenios, Chernóbil converteuse nun dos grandes refuxios europeos para o perseguido lobo. E así debería continuar.


* Germán Orizaola é investigador Ramón y Cajal na Universidade de Oviedo.

Cláusula de divulgación: o autor recibe fondos do Ministerio de Ciencia e Innovación a través do programa Ramón y Cajal (RyC-2016-20656), do Principado de Asturias a través do “Programa Grupos de Investigación” (IDI/2018/000151) e da British Ecological Society (SR20-1169).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O novo Pacto pola Ciencia busca erradicar a fraude e fomentar a integridade no sector

Nun comunicado, as organizacións piden compromiso para reducir o teito de cristal, especialmente nas áreas do ámbito STEM

Un estudo suxire que a primeira domesticación dos cans xurdiu en Asia

A comunidade científica ten claro que estes animais domésticos proceden dos lobos grises, pero non hai consenso sobre como se produciu

Que sabemos dos cortes de enerxía das centrais nucleares en Ucraína?

As forzas rusas ocuparon as infraestruturas de Chernóbil e Zaporiyia, aínda que, de momento, os expertos aseguran que non hai unha ameaza inmediata

A revolución do drag, unha ferramenta para divulgar a ciencia

Sassy Science e Meiga-i son dous exemplos de como o drag pode achegar a ciencia á sociedade galega