Comprender como funciona o coronavirus SARS-CoV-2 é un dos puntos clave para obter un tratamento efectivo, sexa en forma de fármaco ou vacina, fronte á Covid-19, a pandemia que o planeta está afrontando desde finais de 2019. Desde o Centro Nacional de Biotecnoloxía (CNB), adscrito ao CSIC, científicos como Luis Enjuanes e Isabel Sola lideran algúns dos grupos que traballan neste camiño. En Santiago de Compostela, a investigadora Carmen Rivas Vázquez, científica titular do CNB, lidera desde hai anos o grupo Virus e Cancro no CiMUS. O seu equipo estuda os mecanismos polos cales estas estruturas son capaces de causar doenzas, nomeadamente cancro. Nesta entrevista, Rivas explica como é o proceso polo cal un virus acaba desenvolvendo unha doenza no ser vivo ao que infecta, o que pon de manifesto a importancia do confinamento da poboación para frear a súa propagación.
– Que pasa non primeiro momento non que ou virus entra no corpo?
– Unha vez que o virus entra no organismo, viaxa polo corpo ata a aquelas zonas onde hai células susceptibles de ser infectadas por el. Un virus só pode infectar determinados tipos de células. Son aquelas células que presentan na súa superficie determinadas proteínas, os chamados receptores virais. Os virus teñen no exterior unhas proteínas que poden unirse a un ou varios receptores celulares específicos. A unión da proteína do virus co receptor celular é o primeiro paso para a entrada do virus nas células susceptibles. Cando un virus entra nun organismo vivo, prodúcese unha resposta de defensa fronte ao mesma chamada resposta inmune que tenta acabar con el. Esta resposta adoita dirixirse tanto fronte ao virus que está fóra da célula como dentro dela.
– Como penetra nas células?
– O mecanismo de entrada dun virus nunha célula depende do tipo de virus. Algúns virus, como é o caso do SARS- CoV-2, están rodeados dunha envolta lipídica. Estes virus, unha vez que se unen ao receptor celular, fusionan a súa envolta lipídica coa membrana da célula, o que permite a súa liberación dentro da célula.
– Como se desenvolve a infección?
– A partícula viral está formada por constituída por proteínas virais, ensambladas formando unha carcasa que protexe no seu interior ao ácido nucleico do virus. Unha vez que a partícula entra dentro da célula, as proteínas desensámblanse e o ácido nucleico do virus libérase no citoplasma celular. A continuación, empézanse a sintetizar copias do xenoma viral e prodúcese a síntese das proteínas do virus, empregando para iso a maquinaria da célula.
As novas proteínas virais sintetizadas ensámblanse protexendo no seu interior as novas copias do xenoma do virus. Estas novas partículas virais son entón liberadas das células infectadas. Esta liberación pode ter lugar grazas á destrución da célula, ou sen necesidade de que isto ocorra. Os novos virus van buscar células que poidan ser infectadas para comezar un novo ciclo. É importante destacar que a partir dunha partícula viral que entra dentro dunha célula pódense xerar miles de partículas virais.
“Normalmente, un virus só pode infectar determinados tipos celulares”
– Por que distintos virus xeran distintos problemas (respiratorios, meninxites, hepatites, etc.)?
– O noso organismo está constituído por distintos tipos celulares que se diferencian, ademais de por cumprir distintas funcións, polas proteínas que expresan na súa superficie. Estas proteínas que expresan na súa superficie poden ser usadas polos virus para poder entrar nas células (son os receptores). Como mencionaba anteriormente, un virus vai ser capaz de unirse só a determinados receptores celulares. Por iso, un virus normalmente non pode infectar calquera tipo celular se non que só pode infectar determinados tipos celulares. En función de onde se atopen ditas células no noso organismos, así vai ser o tipo de enfermidade que causen. Se un virus é capaz de infectar aquelas células que se atopan no pulmón, provocará fundamentalmente problemas respiratorios; se as células diana do virus son células do fígado, provocará enfermidades hepáticas, etc.
– Unha vez que se produce a infección, que se pode facer para combatelos?
– Unha característica esencial dun virus que o diferencia doutros microorganismos é que un virus non é un ser vivo. Un virus non pode vivir independentemente das células do seu hospedador, necesita dos seres vivos para existir. Isto débese a que un virus necesita entrar dentro dunha célula e empregar a maquinaria da célula para poder multiplicarse.
Por iso, os tratamentos antivirais deben de dirixirse fronte a compoñentes ou factores específicos do virus para que o efecto secundario sobre a célula sexa o menor posible. Existen distintos tipos de tratamentos antivirais. Unha estratexia é impedir que as partículas virais que se xeren infecten novas células, por exemplo, impedindo que poidan unirse a elas. Outra estratexia sería a de inhibir a actividade dalgunha proteína esencial do virus.
Ademais, en lugar de atacar aos virus, tamén se pode actuar reforzando o noso sistema inmune para que ataque ao virus, ou usar anticorpos que se unan ao virus marcándoos para que o sistema inmune poida recoñecelos e atacalos. Sen dúbida, a mellor estratexia para loitar fronte ás infeccións virais é a obtención de vacinas que actúan de forma preventiva, impedindo que a infección teña lugar.
Máis información:
Antivirais e vacinas: a axuda para frear o coronavirus está en camiño
Ollo ao contacto indirecto: canto tempo aguanta o virus en distintos materiais?