Ander Galisteo/SINC
É imposible facer test a unha poboación completa todos os días, pero o que si podemos facer é extrapolar. Un exemplo de como facer isto atopámolo en Corea do Sur, onde se fixo un escrutinio non só aos que tiñan síntomas, senón a un conxunto de habitantes que representaba a toda a cidadanía do país.
O director xeral da Organización Mundial da Saúde, Tedros Adhanom Ghebreyesus, recomendou a todos os países afrontar o coronavirus con tres rotundas palabras: “test, test, test”.
Non todo o mundo entende que o sistema de saúde réxese por unha ciencia estatística. O seu obxectivo non é dar o mellor coidado posible a cada paciente senón que, como os recursos son limitados, o seu obxectivo é dar a mellor atención posible ao conxunto de pacientes. Isto implica que, en ocasións, pacientes concretos recibirán un tratamento menos óptimo para optimizar o manexo de recursos utilizados para todos.
Aínda que entender os mecanismos da enfermidade en cada individuo é importante, é máis importante entender como a enfermidade afecta o conxunto de cidadáns. Non importa tanto saber como un individuo en concreto enfermou senón saber como está a enfermar o conxunto da cidadanía.
Para tomar as medidas axeitadas, os órganos gobernamentais necesitarían ter un mapa actualizado e real do estado do COVID-19 na cidadanía. O problema é que a cantidade de recursos que temos é limitada. Para facer un mapa do coronavirus deberiamos facer o test a todos os cidadáns todos os días. Esa é a única forma real de coñecer o estado da enfermidade con certeza.
Está claro que isto non é posible xa que non dispoñemos dos recursos necesarios para facelo. Por iso, acudimos ao segundo mellor método que podemos facer que é extrapolar.
Extrapolar é o proceso polo cal nunha función supóñense datos que non se coñecen partindo dos que si se coñecen. Neste caso, podemos medir un conxunto de datos pequeno e facer unha hipótese sobre o conxunto máis grande. Na práctica iso significa facer tests a unha parte da poboación e utilizar estes datos para propoñer esas hipóteses sobre como está todo o conxunto da poboación.
Conxunto da poboación aleatorio
Para saber como se propaga e afecta a enfermidade ao conxunto de pacientes, necesitamos facer o testeo a un conxunto de pacientes aleatorizado.
Vexamos o que pasou en España. Primeiro, facíanse tests só a persoas que ían ao centro de saúde ou ao hospital porque tiñan certos síntomas. Isto fai xa que a mostra non sexa relevante sobre a poboación enteira porque só se fixeron tests no subconxunto de persoas que xa mostraban síntomas.
Logo, España decidiu deixar de facer tests e asumir que todas as persoas con sintomatoloxías parecidas tiñan COVID-19. Aínda que isto é máis rápido, pode ser que persoas con gripe común ou outras doenzas con síntomas similares entrasen dentro das estatísticas, alterando os datos e facendo que non entendamos tan ben a enfermidade.
Como exemplo de como facer as cousas temos a Corea do Sur, un país no que se fixo un escrutinio non só aos cidadáns que presentaba síntomas, senón a un conxunto da poboación que representaba á cidadanía completa do país. O que atoparon era que tanto novos como maiores tiñan coronavirus case por igual, aínda que os maiores eran os que mostraban máis síntomas.
Partindo da súa poboación de 51 millóns de habitantes, testearon a un cuarto de millón, ou o que é o mesmo a 3.600 persoas por millón, non só en hospitais, senón en drive-through, onde os analizados non debían nin baixar do coche. O test tardaba 15 minutos en facerse.
Esas probas permitiron a Corea do Sur entender, por exemplo, que non é que os maiores sexan máis propensos a collelo, senón que eles, ao ser inmunolóxicamente máis débiles, amosan máis síntomas.
España vai comezar a realizar este tipo de tests a partir de agora. O sábado xa presentou os primeiros datos, pero fai falta telos actualizados e en maior número para que podamos saber mellor como estamos.
É importantísimo que cada país faga este estudo, xa que a cultura da proximidade, a pirámide poboacional, os hábitos de vida, etc, afectan a como un mesmo virus se propaga pola sociedade.
E esa é a razón da insistencia da Organización Mundial da Saúde. Necesitamos máis datos para analizalos e poder entender. Necesitamos “test, test, test”.
Ander Galisteo é investigador do Instituto IMDEA Networks e a UC3M
Ya . De acuerdo en todo pero parece ser que las empresas que hacen los test son coreabas y por eso alli hacian muchos, por disponibilidas????
Como puede ser que España o incluso Europa no tenga capacidad para desarrollar su fabricacion?
Cual es el coste economico de hscerlos?
Gracias