As medidas de precaución e hixiene que a crise do coronavirus SARS-CoV-2 está a provocar en Europa van deixar pegada por moito tempo na vida dos cidadáns. Calquera acto que antes era case inconsciente agora realízase con tino e detalle para reducir ao máximo a posibilidade de contaxio. Porén, hai pequenas xanelas de despiste polas que o virus pode transmitirse, tanto de persoa a persoa como a través de diferentes superficies ou materiais coas que unha persona portadora pode trasladalo a outra, se as toca ao ser portador ou tuse sobre elas, por exemplo. Este martes o New England Journal of Medicine publicaba unha carta de investigadores estadounidenses asociados ao National Institutes of Health (NIH), na que expoñían o tempo no que o virus causante da doenza Covid-19 se mantivo sobre diversos materiais.
Estes científicos analizaron a estabilidade de cepas do SARS-CoV-2 en comparación co SARS-CoV-1, o virus máis semellante ao actual, e que apareceu na provincia chinesa de Guangdong no ano 2002, causando en numerosos países arredor de 8.000 infectados e 900 falecidos. A análise tivo en conta cinco condicións ambientais (en suspensión no aire-aerosol, plástico, aceiro inoxidable, cobre e cartón).
“O SARS-CoV-2 permaneceu ‘viable’ no aerosol durante todo o experimento (3 horas)“, explican os investigadores, unha redución semellante á observada co SARS-CoV-1. Pero tamén observaron que o novo coronavirus chegou a detectarse de forma viable, é dicir, con capacidade de infección, ata 72 horas despois da súa aplicación. En resumo, os investigadores deixaron de detectar o virus SARS-CoV-2 sendo viable despois de 4 horas no cobre, 24 horas no cartón, 48 horas no aceiro inoxidable e 72 horas no plástico.

Con todo, a vida media do virus en todas as superficies foi menor. As principais diferenzas atopáronse nas superficies de cartón, onde o novo coronavirus parecía resistir mellor có anterior. Os científicos advirten que se tome con precaución o resultado sobre o cartón, xa que os datos foron “máis ruidosos”, é dicir, con maior variación e, por tanto, con maior marxe de erro relativa. No aceiro inoxidable e no plástico, a pesar de poder aguantar ata 72 horas nalgúns casos, a vida media foi de 5,6 e 6,8 horas, respectivamente.
No caso do aerosol, cómpre aclarar que o experimento usou un ‘nebulizador‘ para espallar pingas microscópicas co virus, pero na realidade o SARS-CoV-2 viaxa en partículas de maior tamaño, polo que caen sobre o solo ou outras superficies moito máis rápido, o que se podería previr mantendo a distancia social entre persoas.
Os resultados reforzan, por tanto, a necesidade de manter unha boa hixiene nas superficies e materiais que están arredor de nós na vida cotiá durante estes días de corentena, e non só no contacto directo con outras persoas, así como ventilar as estancias dos domicilios. É unha nova achega que se debería ter en conta para reducir a probabilidade de contaxios neste sentido.
Noutro traballo, tamén publicado este mes de marzo no Journal of Hospital Infection, virólogos alemáns fixeron unha revisión de máis 20 de estudos nos que se mediu o tempo de supervivencia de virus como o SARS, o MERC e outros coronavirus humanos endémicos (HCoV). Nesa análise, atoparon que a unha temperatura de 20 graos centígrados, o SARS-CoV-1 durou dous días en aceiro, catro días en madeira e vidro e cinco días en metal, plástico e cerámica. Os investigadores tamén descubriron que unha das cepas de SARS durou ata nove días nunha superficie de plástico a temperatura ambiente.
Do mesmo xeito, estes mesmos autores apuntaron a que os coronavirus humanos poderían ser “inactivados de forma eficiente” nas superficies nun minuto se se limpan con solucións que conteñen alcohol de etanol do 62% ao 71%, auga osixenada ao 0,5% ou lixivia ao 0,1% (unha cullerada sopeira de 20ml de lixivia diluída nun litro de auga).
Referencias:
Aerosol and Surface Stability of SARS-CoV-2 as Compared with SARS-CoV-1 (Publicado en New England Journal of Medicine).
Persistence of coronaviruses on inanimate surfaces and their inactivation with biocidal agents (Publicado en The Journal of Hospital Infection).
Ola, eu non son técnico médico, sanitario, nin virólogo, nin biólogo… mais creo que, en base á información achegada por diferentes institucións, gustariame comentar esta noticia, e quizais achegar algo a algún leigo coma min, ou ainda mellor, obter respostas ás miñas dúbidas.
Vemos este estudo, pode ser alarmante, o virus durante dias nos produtos alimenticios, na nosa casa… nas nosas neveiras…
Respecto a iso confúndeme que certos medios citen que ” a pesar de atoparse mostras vivas do virus sobre os obxectos, descoñécese a sua capacidade de ser medio de transmisión”, é dicir, parece que non teñen claro que o virus, tras permanecer nestas superficies pasadas tantas horas, sexa un claro medio de transmisión . ¿¿¿ ( )???
Por outra parte algo me presenta unha dubida: É sabido que os organismos vivos teñen un medio no que subsisten, para os humanos e a atmosfera, para os peces a auga… quero dicir e pregúntome se os virus aguantan fóra do seu medio. Unha vez evaporada a saliva, xa en seco, o virus permanece? quero dicir… ten o mesmo aguante unha mostra das gotículas case imperceptible á vísta, resultantes da tose dun enfermo sobre unha superficie que os restos imperceptibles á vista depositados a tráves do contacto das mans ou unha flegma perceptible á vista. Vaia, non pretendo respostas, se non expor que a información non ten un valor absoluto en si, que son moitos factores, situacións que deben terse en conta á hora de asimilar os datos que a noticia nos subministra.
A información debe ser pauta para a posterior protección ante este virus… lendo este artigo semella que todo o que introduzamos na nosa casa debería pasar unha “corentena” ou ser desinfectado. Será así?
A ver si se aclaran. A los sanitarios les dicen que el virus no sobrevive más de 12 horas fuera del organismo y aún se difunde esto. ¿Qué es el aire en suspensión? ¿Desde cuándo el aire se suspende y sobre qué? Si además el virus no puede volar, que necesita un vector como la saliva y la saliva no se suspende más que en los exámenes de los que hacen estas cosas