A OMS recomenda oficialmente non tomar ibuprofeno para o COVID19

Tamén o Servizo Nacional de Saúde do Reino Unido desaconsella o ibuprofeno tras do artigo en The Lancet e a polémica en Francia

O artigo de The Lancet relacionou ibuprofeno con agravamento dos síntomas da infección polo coronavirus.

A Organización Mundial da Saúde recomendou este martes que as persoas que sofren síntomas de COVID-19 eviten tomar ibuprofeno, logo de que funcionarios franceses advertisen que os medicamentos antiinflamatorios poderían empeorar os efectos do virus.

A polémica comezou cando o ministro de Sanidade francés, Olivier Véran, médico neurólogo, publicou o pasado sábado unha mensaxe na súa conta oficial de Twitter na que aseguraba que “tomar medicamentos antiinflamatorios (ibuprofeno, cortisona…) podería ser un factor no empeoramento da infección. Se ten febre, tome paracetamol. Se xa está a tomar medicamentos antiinflamatorios ou ten dúbidas, consulte ao seu médico”.

A advertencia do ministro de Saúde francés, Veran, seguiu a un estudo recente na revista médica The Lancet que expuña a hipótese de que unha encima potenciada por medicamentos antiinflamatorios como o ibuprofeno podería facilitar e empeorar as infeccións por COVID-19.

Cando se lle preguntou sobre o estudo, o portavoz da OMS, Christian Lindmeier, dixo aos xornalistas en Xenebra que os expertos da axencia de saúde da ONU estaban “a investigar isto para brindar máis orientación”. “Mentres tanto, recomendamos usar paracetamol, e non usar ibuprofeno como unha automedicación. Iso é importante”, dixo.

Agregou que se o ibuprofeno fora “receitado polos profesionais da saúde, entón, por suposto, iso depende deles”.

Francia desata a polémica ao dicir que o ibuprofeno agrava a infección por coronavirus

Á recomendación xa oficial da OMS, súmase tamén o Servizo de Saúde do Reino Unido, o NHS. Que tamén recomendou oficialmente non consumir ibuprofeno para as persoas que teñen Covid-19. Tras a polémica en Francia polo artigo de The Lancet, e as declaracións do ministro francés, a BBC tiña entrevistado a varios profesionais médicos británicos, que xa manifestaron que o ibuprofeno non se recomenda para controlar os síntomas do coronavirus.

Tanto o paracetamol como o ibuprofeno poden reducir a temperatura e axudar cos síntomas similares aos da gripe. Pero o ibuprofeno e outros medicamentos antiinflamatorios non esteroideos (AINE) non son adecuados para todos e poden causar efectos secundarios, especialmente para persoas con asma, problemas cardíacos e circulatorios.

Finalmente, o propio sitio web do NHS cambiou de criterio: previamente indicaba o paracetamol e o ibuprofeno para tratar o Covid-19. Pero dende este martes mudou o seu consello para dicir que aínda que “actualmente non hai probas sólidas de que o ibuprofeno poida empeorar o coronavirus ( Covid-19)… ata que teñamos máis información, tome paracetamol para tratar os síntomas do coronavirus, a menos que o seu médico lle indicase que o paracetamol non é adecuado para vostede”.

Curiosamente, agora que a Organización Mundial da Saúde e o Servizo de Saúde do Reino Unido se unen a Francia desaconsellando o ibuprofeno, en España a Axencia Española de Medicamentos manifestou nun comunicado o pasado luns 16 de marzo que, aínda que recomendan o paracetamol fronte ao ibuprofeno ante esta infección vírica, non consideran que haxa evidencia firme de que o ibuprofeno agrave os síntomas do Covid19 ou favoreza a infección. Ata o de agora, malia o novo criterio da OMS, a axencia española non fixo público ningun cambio de posición.

Aquí podes ler o artigo de The Lancet do 12 de marzo

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.