O primeiro brote de sarampelo en Galicia desde 2011 finaliza con tres casos

A Consellería de Sanidade anuncia que o período de vixilancia rematou sen que se identificasen novos casos nos meses de abril e maio

Despois de semanas de seguimento, ao detectarse tres casos de sarampelo en Monforte de Lemos e O Barco de Valdeorras, a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia informou a través do boletín quincenal do Venres Epidemiolóxico (ver PDF) que rematou o período de vixilancia sen que se identificasen novos positivos.

Trátase, segundo confirmou a Consellería neste mesmo boletín, do segundo brote de sarampelo que acontece en Galicia no que vai de século, despois do rexistrado en 2011 na provincia de Lugo, e que acabou con sete casos. Naquela ocasión, si se puido saber que o primeiro deles foi un caso importado (unha persoa que viaxara a Sicilia, onde había naquel momento un abrocho) e seis autóctonos a raíz deste primeiro.

Publicidade

“Lamentablemente, non se identificaron as circunstancias nas que se infectou o primeiro caso”, apunta Sanidade, en referencia ao rexistrado no caso do hospital comarcal do Barco de Valdeorras despois de ingresar o día 12 de abril con síntomas da doenza. Naquel momento realizouse un seguimento entre os contactos da persoa afectada en centros de saúde como os de Caballeda de Valdeorras e Viana do Bolo.

Finalmente, o 16 de maio, o Hospital Comarcal de Monforte confirmou dous novos casos con vínculos co anterior. Naquel momento, o Sergas expuxo que “en ningún dos casos hai constancia de vacinación fronte ao sarampelo”, unha inmunización que entrou a formar parte do calendario vacinal a comezos dos anos 80. Estendeuse entón o seguimento aos contactos laborais, sanitarios e familiares nos municipios do Carballiño; O Barco de Valdeorras; Chantada; Carballedo e o Hospital de Monforte.

Publicidade

Os tres casos

Unha vez notificados os posibles casos, realizáronse as pertinentes análises microbiolóxicas para confirmalos. En dúas delas observouse unha PCR positiva, mentres que os resultados parciais do outro caso foron negativos, “o que parecería indicar unha inmunidade pasada” debido á vacinación con polo menos unha dose. Ademais, “o feito de que este segundo caso fose contacto do primeiro caso nun momento compatible coa transmisión do sarampelo (polos períodos de transmisibilidade do primeiro caso e de incubación do segundo), e que, a súa vez, este segundo caso fose o único contacto compatible coa transmisión que tivo o terceiro dos casos, apoia a hipótese de que se trata dun caso de sarampelo”, segundo informa Sanidade.

Sanidade apunta as sinais positivas respecto ao nivel de inmunidade ao producirse só tres casos

Neste sentido, no Venres Epidemiolóxico destácase tamén o brote deste outro punto de vista. “A elevadísima transmisibilidade do virus do sarampelo e a gran cantidade –e variedade– de persoas coas que tiveron contacto os casos durante o seu período de transmisibilidade, que en xeral pasaron sen adoptar medidas para evitar a transmisión, permiten mirar o abrocho dende outro punto de vista: que só ocorresen tres casos indica que na poboación hai un moi bo nivel de inmunidade, que é o fundamento do programa de eliminación”, explican.

Nesta mesma liña incide Juan Gestal, profesor emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC. “Isto é algo que pode ocorrer en tanto non se erradique esta enfermidade, que nos últimos tempos está volvendo a presentarse en moitos países nos que xa se tiña eliminado, debido a baixar a garda nas vacinacións. A reticencia vacinal non é o noso caso, mais en Europa que supón un problema crecente. En 2018, notificáronse máis de 80.000 casos de sarampelo, a cifra máis alta en 20 anos”. Así, os servizos sanitarios advirten de non baixar o nivel de prevención, tendo en conta os brotes relativamente cercanos a Galicia, como os brotes en Portugal, que en 2017 causaron a morte dunha moza en Lisboa e máis dun cento de afectados en 2018.


Máis información, no boletín do Venres Epidemiolóxico da Consellería de Sanidade (en PDF).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O próximo salto do IGFAE: un centro renovado para abordar os grandes retos da física

As súas instalacións, inauguradas en xuño, contan cun espazo de 5.200 cadrados, cunha maior superficie destinada a laboratorios punteiros

O mapa actualizado do radon revela que o 91% dos concellos galegos rexistran niveis elevados do gas canceríxeno

Só tres municipios están libres do elemento radioactivo que pode provocar enfermidades respiratorias como o cancro de pulmón

Cal é o nome máis común no teu concello? Compróbao neste mapa

Manuel e María son os máis frecuentes no conxunto de Galicia e nas catro provincias, seguidos de José e María del Carmen

Investigadores galegos revelan como o ADN conta a historia da supervivencia das especies

As ferramentas usadas no estudo permiten estimar os tamaños das poboacións de forma máis precisa para determinar o seu nivel de risco