Dous novos casos de sarampelo apuntan un posible brote en Galicia

O Sergas confirma o vínculo dunha persoa tratada en Monforte con outro positivo que estivo en contacto coa afectada do Barco de Valdeorras

O Servizo Galego de Saúde (Sergas), a través do seu boletín quincenal do Venres Epidemiolóxico (ver PDF), confirmou a existencia de dous novos casos de sarampelo que foran notificados polo Servizo de Medicina Preventiva do Hospital Comarcal de Monforte de Lemos o 16 de maio, tres semanas despois da detección doutro no Barco de Valdeorras. O vínculo entre ambos feitos leva á posibilidade de que se producise un pequeno brote da doenza en Galicia, á espera do seguimento das persoas que estiveron en contacto con estes afectados. Sería o primeiro desde 2011, cando un brote en Lugo xerou sete casos de sarampelo.

A persoa afectada en Monforte de Lemos, de 39 anos, presentou un exantema (erupción cutánea xeralizada ou extensa) nas extremidades e o tronco, con febre de 39ºC. Nove días despois dos primeiros síntomas, o 24 de maio, confirmouse por dous laboratorios distintos que a IgM (unha das respostas inmunitarias do corpo fronte ao sarampelo) era positiva.

Publicidade

Posible brote

A posibilidade de que se trate dun brote da doenza recae no “contacto estreito cunha persoa que presentou un cadro clínico semellante había 15 días” que tivera “IgM negativa e IgG positiva”, e cun “posible vínculo epidemiolóxico” co posible caso notificado en abril no Barco de Valdeorras. Un diagnóstico molecular confirmou a relación entre a doenza destas dúas persoas.

“Non hai motivos para preocuparse polo sarampelo en Galicia”

O Sergas expón que “en ningún dos casos hai constancia de vacinación fronte ao sarampelo”, unha inmunización que entrou a formar parte do calendario vacinal a comezos dos anos 80. Como parte do seguimento deste posible brote, os servizos médicos están seguindo “os contactos tanto laborais, familiares, como dos sanitarios que os atenderon, nos concellos do Carballiño; O Barco de Valdeorras; Chantada; Carballedo; A Barrela; e o Hospital de Monforte, que se manterá ata esta semana.

Publicidade

En caso de sospeita de sarampelo, con síntomas como febre superior a 38ºC, erupción xeralizada ou extensa e tose, catarreira ou conxuntivite, cómpre acudir canto antes a un centro médico.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Percepción do piropo entre a mocidade galega: só o 25% dos rapaces se sente mal cando o emite

Unha tese doutoral investiga a obxectivización do corpo das muller a través desta antiga práctica en 232 adolescentes de Pontevedra e Ourense

Do cambio climático aos patóxenos: as claves do acusado declive da zamburiña en Galicia

Un grupo do IIM-CSIC inicia unha investigación no único banco natural explotable en Galicia que apunta unha combinación de múltiples factores

▪️ Galicia rexistrou a primavera máis seca dende 1990

O último informe de Meteogalicia indica que nos meses de marzo, abril e maio houbo un 46% menos de precipitacións do habitual para o período

Cinco motivos polos que a Unesco tumba a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade

Un informe do Icomos sinala deficiencias na representatividade, na metodoloxía, no descenso demográfico e nos efectos das infraestruturas sobre o valor da paisaxe