Detectado un posible caso de sarampelo no Barco de Valdeorras

A paciente de 37 anos deu positivo na proba do virus tras ingresar o 12 de abril no hospital comarcal de Valdeorras con síntomas da doenza

Un caso de sarampelo detectado no Barco de Valdeorras o pasado 24 de abril racha cunha tendencia de catro anos consecutivos sen a diagnose desta enfemidade en Galicia. Segundo confirma o Sergas no seu último Boletín Epidemiolóxico (ver PDF), publicado este venres, a paciente era unha muller de 37 anos que ingresou no Hospital Comarcal do Barco de Valdeorras o pasado 12 de abril “cun exantema máculo-papular, febre de 38ºC e tose”. Solicitáronselle unhas probas serolóxicas de virus do sarampelo cun resultado positivo que chegou cinco días máis tarde, o 17 de abril.

Segundo fontes do hospital valdeorrés, o servizo de Medicina Preventiva está á espera da confirmación microbiolóxica para confirmar que se trata dun caso de sarampelo. Informan ademais que ata o de agora non hai constancia de que se rexistrase algún caso secundario, que se buscaron entre os contactos da persoa afectada e mediante un aviso ao Centro de Saúde de Carballeda de Valdeorras e tamén ao PAC de Viana do Bolo.

Publicidade

Actualmente, a Consellería de Sanidade está a estudar ao entorno desta muller, para coñecer se estaban vacinados e o contacto que tiveron entre os días 8 e 16 de abril, que constitúen o periodo de transmisión do sarampelo neste caso.

Os médicos non descartan que o caso poida ser un falso positivo da proba IgM, debido a que en Galicia o sarampelo está eliminado e, polo tanto, o valor preditivo positivo da proba é moi baixo.

Publicidade

O Sergas recorda que sempre que se debe tratar como sospeita de sarampelo e avisar de xeito urxente cando se produzan estes síntomas: febre por riba dos 38 graos, exantema máculo-papular e algún destes outros: tose, coriza ou conxuntivite. Do mesmo xeito, volven poñer de manifesto a relevancia da vacinación para protexer a inmunidade de grupo.

O posible caso de Galicia chega despois de dous preocupantes abrochos en Portugal, que en 2017 causaron a morte dunha moza en Lisboa e máis dun cento de afectados en 2018. Precisamente no ano pasado batiuse un récord de casos en Europa nos últimos, con máis de 80.000 persoas contaxiadas.

Que é o sarampelo?

O sarampelo é unha doenza vírica que se transmite por contacto directo ou vía aérea. Comeza infectando o tracto respiratorio e esténdese despois ao resto do organismo. O primeiro síntoma adoita ser a febre alta, que comeza uns 10-12 días despois do contacto co virus, e dura entre 4 e 7 días. Posteriormente, aparecen erupcións cutáneas, xeramente na cara e no pescozo, que se estende a outras partes do corpo. A administración da vacina permite evitar a aparición de complicacións, como a neumonía, os edemas cerebrais ou a deshidratación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As Rías Baixas gardan a maior pegada toponímica da antiga presenza de focas en Galicia

Un estudo identifica 43 talasónimos asociados a estes animais mariños e reconstrúe a súa distribución histórica, con especial concentración na ría de Arousa

O mar acada os 22 graos en Galicia: as claves dun quecemento inusual para maio

Os sistemas de observación detectan valores moi superiores á media habitual para maio, provocados pola acumulación de calor asociada a episodios persistentes

Documentado por primeira vez un gorgoncéfalo vivo en augas galegas

Investigadores do IEO localizan un exemplar xuvenil na Ría de Arousa, o que amplía o límite norte coñecido da especie

Como funciona a amizade entre arroaces? Así é como as bateas moldean a súa vida social nas Rías Baixas

O biólogo galego Bruno Díaz revela que as preferencias alimentarias condicionan a formación de vínculos entre cetáceos