Nunca tantos nenos estiveron vacinados contra o sarampelo en Europa, segundo a OMS. Porén, a acción dos movementos antivacinas está deixando desprotexida a parte da poboación, e había moito tempo que non se rexistraba un nivel semellante de novos casos desta doenza contaxiosa: 82.596 contaxiados en 47 países. Este xoves, a OMS fixo públicos os datos sobre o sarampelo en 2018. E no informe fai unha chamada aos países europeos a actuar para frear o rexurdimento desta enfermidade, mortal ata hai poucas décadas.
A pesar dos avances sanitarios, o sarampelo matou a 72 nenos e adultos. Segundo os datos dos países que achegaron información acerca da hospitalización, o 61% dos casos requiriron de atención hospitalaria. Foron deste xeito os números máis altos da última década: tres veces máis ca en 2017 e 15 veces máis ca en 2016, cando ‘só’ houbo 5.273 infectados.

Aínda así, remarca a entidade, a cobertura da vacinación está en niveis tamén de récord. Un 90% dos cidadáns recibiu a segunda dose, e un 95% a primeira. “O panorama de 2018 deixa entrever que o ritmo crecente das taxas de inmunización será insuficiente para frear a circulación do sarampelo. Os datos indican unha gran cobertura, pero tamén reflicten unha cifra récord de afectados e mortos pola doenza. Esto amosa que algúns baleiros a nivel local poden ser unha porta aberta para o virus”, dixo a doutora Zsuzsanna Jakab.
Na actualidade, 53 países do continente europeo participan no plan EVAP para eliminar tanto o sarampelo como a rubéola (da que houbo 850 casos en 2018). O plan persegue a arela de conseguir un 95% de vacinacións para manter a inmunidade de grupo, xa que unha parte da poboación, como os bebés máis cativos e persoas con problemas de saúde, non poden ser vacinados.
Casos na Península
Entre xaneiro e decembro de 2018, España rexistrou 225 casos de sarampelo e 13 de rubéola, e Portugal tivo 171 e 5, respectivamente. No país veciño saltou a alarma nos últimos anos, coa morte dunha nena en 2017 e un novo abrocho que afectou a decenas de persoas no norte do país o pasado ano.
Que é o sarampelo?
O sarampelo é unha doenza vírica que se transmite por contacto directo ou vía aérea. Comeza infectando o tracto respiratorio e esténdese despois ao resto do organismo. O primeiro síntoma adoita ser a febre alta, que comeza uns 10-12 días despois do contacto co virus, e dura entre 4 e 7 días. Posteriormente, aparecen erupcións cutáneas, xeramente na cara e no pescozo, que se estende a outras partes do corpo. A administración da vacina permite evitar a aparición de complicacións, como a neumonía, os edemas cerebrais ou a deshidratación.