Galicia, a xungla de asfalto

Unha visualización realizada traballo polo xeógrafo Dominic Royé amosa a gran densidade de vías de comunicación no territorio

Os mapas axudan a comprender moitas arestas da realidade. A distribución da poboación, os usos da terra, e moitas outras variables socioeconómicas e naturais que inflúen en como se desenvolven os territorios. Neste aspecto, os sistemas de información xeográfica xogan un papel moi interesante que nos achegan pistas sobre o lugar no que vivimos. O xéografo Dominic Royé, doutor pola USC e actualmente investigador na Universidade do Porto, ten realizado interesantes investigacións neste eido. O uso da visualización de datos e a información xeográfica permitiulle desenvolver mapas que amosaban a diferenza nas horas de Sol entre o norte e o sur de Galicia ou demostrar que a Costa da Morte era a zona do litoral de España con menor contaminación luminosa. E agora desenvolveu un novo mapa que amosa as áreas de toda a Península Ibérica nas que non hai estradas a alomenos 1.000 metros de distancia. E parece que temos unha xungla de asfalto.

Galicia, como noutros casos, aparece diferenciada debido á súa orografía e a dispersión da poboación. Abrir pistas e estradas que comuniquen os máis de 30.000 núcleos de poboación conleva a que apenas haxa áreas grandes sen vías de comunicación. Parece que todo o mundo ten bastante preto un anaco de asfalto, sexa unha autoestrada, unha vía comarcal ou unha pista de servizo. Algo que non acontece, por exemplo, na Meseta Central, con áreas moi pouco poboadas, e nos sistemas montañosos.

Publicidade

Así, na listaxe por provincias, que tamén elaborou Royé, tres galegas (Pontevedra, A Coruña e Lugo) aparecen nos postos 5º, 6º e 7º, só por detrás das Illas Baleares (Menorca, Mallorca e Ibiza/Formentera) e Gipuzkoa. E Ourense, no posto 17º, non chega aos 1.000 km2 sen estradas nin pistas. Encabezan a clasificación Badajoz e Ciudad Real, con máis de 9.000 km2, seguidas de Cáceres, Cuenca, Zaragoza e Teruel.

Explica Dominic Royé que a idea e os datos xorden de Resourche Watch, unha enorme base de datos e mapas que analizan centos de variables en todo o planeta. En concreto, Royé obtivo os datos dun estudo publicado en Science (A global map of roadless areas and their conservation status,) que analiza os datos de estradas a nivel global. É moi notable o contraste entre as áreas máis inhóspitas polo home (desertos, cordilleiras, tundras ou selvas) e lugares como Estados Unidos ou Europa, ocupados e explotados amplamente polo ser humano. Neste senso, o xeógrafo destaca especialmente o caso de países como Alemaña, nos que apenas existen zonas que non estean atravesados por algunha estrada a menos dun quilómetro. Royé tamén representou a cantidade de áreas sen asfalto en cada país:

Publicidade

Áreas sen estradas nos países de Europa. España ocupa o cuarto lugar, por detrás de Turquía, Suecia e Noruega. Gráfico elaborado por Dominic Royé.
Áreas sen estradas nos países de Europa. España ocupa o cuarto lugar, por detrás de Turquía, Suecia e Noruega. Gráfico elaborado por Dominic Royé.

A propia nota metodolóxica do traballo remarca que o dato sobreestima as áreas sen estradas debido ao ritmo de construción de novas vías e á falta dalgúns datos, pero é outra boa mostra para interpretar o mundo.

Porén, a partir do mapa orixinal, con eivas lóxicas a nivel local, Royé obtivo os datos e elaborou un novo mapa centrado na Península Ibérica, máis ‘limpo’, e que amosa como en Galicia, alén das áreas montañosas de Lugo e Ourense, apenas hai extensións de quilómetros cadrados quen non teñan asfalto preto.

Referencias:

Roadless Áreas no portal Resource Watch. 

A global map of roadless areas and their conservation status (Science, 16 Dec 2016).

Twitter: Dominic Royé (@dr_xeo).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os récords de calor multiplican por dez aos de frío en Galicia na última década

O gráfico elaborado polo climatólogo Dominic Royé indica que, dende 2020, apenas se rexistrou unha marca mínima fronte ao predominio das máximas

Investigador galego participa na identificación de áreas clave para a conservación de artrópodos

O equipo do estudo, con presenza da USC, xerou unha base de datos con máis de 6.000 especies da Península e Baleares

Onde ver a eclipse total de 2026 en Galicia: un mapa revela as zonas con horizonte despexado

O climátologo Dominic Royé explica que o oeste será determinante porque o Sol estará moi baixo e calquera obstáculo pode ocultar o fenómeno do 12 de agosto

Recoñecida a Serra do Xistral como unha paisaxe de referencia mundial para a conservación de turbeiras

A designación Global Flagship Landscape sitúa os humidais atlánticos do noroeste ibérico no foco e reforza o compromiso de conservación, restauración e xestión do territorio