O que acaban de conseguir investigadores da universidade Rockefeller dos Estados Unidos pode acabar coas molestias das picaduras e, sobre todo, coa transmisión de doenzas que seguen causando moitas mortas cada ano, como o dengue, a malaria ou febre amarela. Estes científicos acaban de publicar na revista Cell uns achados nos que conseguiron ‘enganar’ ao mosquito grazas ao uso dunhas substancias químicas que reducían a sede de sangue destes insectos.
Os investigadores centraron o seu traballo na especie Aedes aegypti, coñecida por ser o principal vector dos virus que causan o dengue. Como outros insectos deste tipo, zugan o sangue humano para alimentar os seus ovos. E os expertos expuxeron a hipótese de que certas hormonas eran responsables da atracción dos mosquitos cara aos humanos e que, tras alimentarse, había ‘algo’ que minguaba o apetito, anulando así o efecto destas hormonas.
A diferenza dos humanos, que adoitan recobrar a fame en poucas horas, os mosquitos tardan varios días en ter gana de encher o estómago de novo. Este fenómeno atraeu a atención dos investigadores xa que, polo menos durante un tempo, conseguíase dalgunha forma afastar aos insectos das súas ansias por picar.
Sabendo que nos humanos existen vías capaces de activar e desactivar estes efectos hormonais que determinan as ansias por comer como, por exemplo, nos casos severos de obesidade coa axuda de fármacos reguladores, os investigadores decidiron probar este camiño nos mosquitos. Así que tomaron a decisión de empregar medicamentos dietéticos, deseñados en principio para humanos, co fin de comprobar se estas vías estaban tamén presentes nos insectos.
“Atopamos que os camiños funcionaban da mesma maneira nos mosquitos e isto deunos a confianza para seguir adiante coa nosa investigación” explica a líder do proxecto, Leslie B. Vosshall. O seguinte paso foi identificar o receptor sobre o que estaban a actuar estas substancias e que lle indicaban ao mosquito que xa non necesitaba comer máis.
O laboratorio identificou o receptor NPYLR7, que determinaba a fame (ou non) do mosquito. Despois, realizou probas na resposta deste receptor en células de cultivo con máis de 265.000 compostos para determinar cales o activaban. Unha vez identificaron os mellores candidatos, probaron 24 deles directamente nos mosquitos e atoparon os 18 que mellor funcionaban.
Enganar a fame do mosquito
Estas substancias actuaban como os medicamentos, ao inhibir as condutas de alimentación e, por tanto de picaduras, cando os mosquitos estaban en contacto con hormonas humanas ou o cheiro de sangue quente. “Cando teñen fame, os mosquitos están supermotivados e voan cara ao aroma dun ser humano da mesma maneira que nós nos achegamos a un pastel de chocolate. Pero ao administrarlles a droga, mostráronse indiferentes ante a tentación”, conta Leslie B. Vosshall.
Os investigadores insisten en que aínda falta información para controlar por completo as ansias do mosquito e explotar da mellor forma posible os achados do seu novo estudo. Ademais, consideran que os traballos futuros terán que centrarse tamén en como levar esta substancia ata as poboacións de mosquitos no medio natural e non no laboratorio como eles.
En definitiva, a súa intención non é erradicar a estes insectos, senón reducir de maneira natural o seu apetito por uns días e por tanto a reprodución para reducir a transmisión das enfermidades. Os investigadores insisten en que os efectos observados do medicamento non son permanentes, xa que pola contra, podería causar danos indeseados no equilibrio dos ecosistemas.
Vosshall conclúe que se as técnicas resultan eficaces, é probable que funcionen tamén con outros tipos de mosquitos, así como con outros artrópodos que se alimentan de sangue humano, incluídas as carrachas.
Referencia: Small-Molecule Agonists of Ae. aegypti Neuropeptide Y Receptor Block Mosquito Biting (Cell, 7 de febreiro de 2019).