
Elena Vázquez Cendón, decana da Facultade de Matemáticas da USC, será outra das investigadoras que tomarán parte na mesa redonda “Muller e Ciencia”, que se celebrará o día 11 de febreiro en Pontevedra para conmemorar o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Creceu nunha xastrería e dende sempre foi moi creativa e sen medo a enfrontarse a nada. Dubidou entre estudar Física e Matemáticas, pero ten claro que a Matemática Industrial era o que quería facer “aínda que daquela non lle poñía nome”.
– En que momento decide que quere estudar matemáticas e por que?
– As matemáticas sempre me gustaron e recoñezo que en COU pensaba en facer Física. O profesor Arias e o gusto por resolver problemas reais sempre me motivou. Finalmente cambiei para Matemáticas. Lourdes, Isidro e especialmente Alfonso Amorín, do IES As Lagoas de Ourense, foron espellos e mentores para a decisión final. Agora traballo no marco da Matemática Industrial, e teño claro que esto era o que eu quería facer. Daquela non lle poñía nome, xa que case non existía como opción e non se coñecía no ensino medio.
– Esta elección foi ben aceptada na súa familia?
– Sen problema ningún. O meu irmán maior xa estaba en Matemáticas, entón a famila non o vía como algo descoñecido e sempre nos dixeron que fixeramos o que quixésemos. Esa era a gran herdanza que nos deixaban.
– Nalgún momento lle dixeron que era unha carreira para homes?
– Non, e ademais non o é. En Matemáticas hai moitas mulleres, unha presenza case paritaria na licenciatura e no grao. Si é certa a non existencia de mulleres en Física, e a pouca presenza nas empresas era unha das razón que me deron para non facer Física.
– Ao longo da súa carreira profesional sufriu algún tipo de discriminación por razón de sexo?
– No ámbito profesional, na Universidade e nomeadamente no grupo de investigación de Enxeñaría Matemática, non. De feito houbo momentos nos que eramos maioría de mulleres e o director do mesmo, o profesor Alfredo Bermúdez, sempre impulsaba que asumamos responsabilidade no mesmo. Si que na carreira tiven que escoitar comentarios machistas, de docentes que afortunadamente xa non forman parte do profesorado. E cando tiven responsabilidades de xestión, as actitudes ante unha vicerreitora nova en algúns casos foron machistas. Sempre tentei de rexeitalas igual que valoro positivamente o trato igualitario, é dicir, feminista, recibido no grupo de investigación.

– Nas últimas décadas apreciouse un importante crecemento no número de alumnas nas carreiras “de ciencias” e cunha importante porcentaxe de éxito nos estudos. Según os últimos estudos na investigación, un 40 % son mulleres, fronte ao 60 dos homes. Como son os datos en Matemáticas?
– No estudo que temos de satisfacción e inserción profesional publicado co Instituto de Matemáticas da USC, no ingreso hai un 45% de mulleres e rematan un 55%. Este é un dato que salientamos cando visitamos os centros de ensino medio. Elas e eles teñen que coñecelo para evitar estereotipos que limiten a súa elección. Nos dous últimos cursos os mellores expedientes dos graos galegos son dúas egresadas do grao en Matemáticas na USC, Pilar e Érika.
– Existen esas barreiras invisibles?
– Hoxe temos que loitar contra a perfección que está encorsetando as mozas. Todas e todos cometemos erros, e debemos de compartilos como oportunidade de aprendizaxe. Esta sobrepresión da perfección incrementa o síndrome do impostor: asumir que non eres suficientemente boa e auto cuestionarte, non asumir retos e non xestionar a frustración ante as dificultades. Esta barreira autoimposta pero que perciben socialmente é unha gran muro.
A outra é a de pensar que ao non ter barreiras legais para a igualdade asúmense certos esterotipos e os chamados micromachismos, que non son tan pequenos, e xeran muros e sobre todo retrocesos de feito sobre os dereitos adquiridos despois do esforzo de moitas persoas, nunha gran maioría mulleres.
– De sempre as matemáticas eran un dos “cocos” nos estudos. Hai algunha fórmula para conseguir que esto cambie?
– Si, a que levamos implementado nos últimos anos: Moita divulgación do que facemos, para dar opcións abertas a futuras e futuros estudantes e para compartir con toda a sociedade o fondo compromiso social que as Matemáticas teñen ao capacitar ás persoas para resolver problemas. E seguir facendo con rigor o noso traballo docente e investigador, para manter o gran nivel da investigación das Matemáticas en Galicia e da formación na mesma, o que produce unha exitosa empregabilidade.
Podes consultar aquí o programa do Día da Muller e a nena na Ciencia (PDF)
– É a decana da Facultade de Matemáticas da USC, qué retos inmediatos ten no seu cargo?
– Seguir implementado a fórmula da que falaba antes. Seguir fornecendo a conexión da Facultade con todos os grupos de interese: docentes, persoal de administración e servizos, e estudantes de ensino non universitario, docentes-investigadores, estudantes da facultade e todo o tecido investigador e empresarial, que hoxe é consciente da valía que aporta un profesional das matemáticas na súa plantilla. Esta conexión, minimizando a burocracia é o reto que comparto coas compañeiras de equipo as profesoras Rosana Rodríguez e Beatriz Pateiro, coas que é un luxo traballar.
– Ata hai uns meses foi a coordinadora do programa de Estímulo do Talento Matemático (ESTALMAT-Galicia) para rapaces de 12 e 15 anos. En que consiste este programa?
– Aínda que deixei de ser a coordinadora xeral do programa en xullo de 2018, agora, ademais da oportunidade que supón seguir sendo docente, encárgome da relación cos egresados e a conexión do mesmo coas STEM (disciplinas de Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas). O programa ten como misión estimular o talento matemático en mozas e mozos de 12 a 15 anos participando durante dous cursos de 20 sesións nas mañás dos sábados na Facultade de Matemáticas impartidas por docentes de Ensino Medio e Universidade saboreando todas as opcións que ofrecen as Matemáticas. É un estímulo bidireccional, xa que ao final para os docentes que participamos é un reto que nos estimula e nos recarga. O obxectivo final non é para que rematen facendo Matemáticas, senón para que esas competencias non se estraguen. Temos egresadas e egresados que finalmente titularon en Dereito, Ciencias Políticas, Farmacia, Medicina, Enxeñarías, Física, Química, e tamén en Matemáticas.
– Galicia contou cunha matemática pioneira como María Josefa Wonenburger. Existe unha boa “canteira” galega nas Matemáticas?
– María foi unha gran referente, a que tiven a honra de coñecer. Tan boa como humilde e que proxectou as matemáticas galegas. O premio que leva o seu nome permítenos seguir proxectándoa. Hoxe son moitas as compañeiras que proxectan as matemáticas galegas feitas por matemáticas galegas e agardamos que as alumnas de hoxe sexan as mestras e investigadoras dun futuro próximo e moitas delas merecentes do premio María Josefa Wonenburger, como xa recibiu na décima edición do mesmo a compañeira Peregrina Quintela, directora do Instituto Tecnolóxico en Matemática Industrial (ITMATI), un referente da transferencia matemática a nivel estatal e internacional.














