Venres 29 Marzo 2024

GCiencia e Concello de Pontevedra celebran o Día da Muller e a Nena na Ciencia

A cidade acolle o 11 de febreiro un encontro con científicas de referencia, como Begoña Vila, Alicia Estévez, Elena Vázquez, Isabel Pastoriza e Vanessa Valdiglesias

Cando se achega o aniversario da gran mobilización feminista do pasado 8 de marzo toman de novo pulo as iniciativas a prol da igualdade real en todos os eidos da sociedade. O Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, que terá lugar o día 11 deste mes de febreiro, aparece como unha data clave para reivindicar os dereitos das mulleres científicas e investigadoras. Ese día, o Pazo da Cultura e a Casa das Campás de Pontevedra acollerán, respectivamente, unha videoconferencia de escolares da cidade coa astrofísica da NASA Begoña Vila e unha mesa redonda con científicas galegas aberta ao público. Os dous actos están organizados polo Concello de Pontevedra, en colaboración con GCiencia.

Este venres tivo lugar o acto de presentación do evento, no que participaron a concelleira de Educación e Igualdade Carme Fouces e a xornalista Mila Alonso, que será a moderadora destes dous actos. Fouces destacou que esta actividade promovida polo Concello responde á “necesidade de reivindicar o papel das mulleres no ámbito científico-tecnolóxico ou das enxeñerías, no que non están todo o representadas que correspondería segundo á porcentaxe de poboación que somos. É preciso modificar estes estereotipos e aportar coñecementos básicos do que acontece no ámbito científico e como repercute nas nosas vidas”. O encontro quere servir, segundo subliñou Fouces para que “as nenas vexan que poden, e os nenos vexan que as nenas tamén poden”.

Publicidade

Begoña Vila.

A xornada comezará ás 12.30 horas, no Pazo da Cultura, co encontro de Begoña Vila cos estudantes, que poderán facer preguntas á científica. Vila responderá desde os Estados Unidos, onde traballa no novo gran telescopio da NASA, o James Webb.

Begoña Vila está especializada no estudo de galaxias espirais, e traballa en Washington DC como enxeñeira de sistemas no centro de voo espacial  Goddard da NASA. Antes exerceu na Axencia Espacial Canadense no deseño e construción do  Fine  Guidance Sensor (FGS), o sensor do famoso telescopio espacial James Webb. A raíz deste traballo, en 2012 foi contratada pola NASA. Actualmente Vila é a persoa de referencia na toma de decisións en relación ao sensor do James Webb, que será o sustituto do Hubble para a toma de imaxes dende o espazo. En setembro de 2016 foi condecorada pola NASA coa medalla ao Exceptional  Public  Achievement (logro público excepcional) polos “anos de logros excepcionais e liderado no deseño, desenvolvemento e probas do  FGS”. En 2017 recibiu na “casa” o Premio Wonenburger concedido pola Xunta de Galicia.

Podes consultar aquí o programa do Día da Muller e a nena na Ciencia (PDF)

A conmemoración do día Internacional da Muller, a Nena e a Ciencia continuará pola tarde (20:00 horas, Casa das Campás) coa celebración dunha mesa redonda de científicas galegas (entrada libre). Na mesma participan unha destacada representación deste colectivo, todas elas cun contrastado e amplo curriculum: Alicia Estévez Toranzo (directora do grupo de Patoloxía en Acuicultura da Universidade de Santiago de Compostela; vicepresidenta da Real Academia das Ciencias e Premio María Wonenburger 2018); Vanessa Valdiglesias (doutora en Bioloxía e investigadora, recibiu en 2015 o premio á Mellor Investigadora Moza de Europa 2015 pola Sociedade Europea de Xenómica e  Mutaxénesis Ambiental); Elena Vázquez Cendón (Decana da Facultade de Matemáticas da USC dende 2015. Profesora titular de Matemática Aplicada. Investigadora adscrita ao Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI) e membro do plenario do Consello da Cultura Galega.) e Isabel Pastoriza (Doutora en Químicas pola Universidade de Vigo e coordinadora do Grupo de Química Coloidal do Departamento de Química-Física da UVigo. En 2011 recibiu o Premio L’Oréal-UNESCO polas mulleres na ciencia).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

▪️ Gciencia arrinca unha nova edición do ciclo 'Ciencia en feminino'

O programa desenvolverase os xoves 14 e 21 de marzo e os días 4 e 11 de abril ás 19.00 horas e en 'streaming'

X = Gciencia

A decana da facultade de Matemáticas da USC, Elena Vázquez Cendón, escribe un tribuna polo décimo aniversario do noso medio

Begoña Vila: “Atoparemos probabilidades de vida noutro planeta”

Co gallo do décimo aniversario de Gciencia, a astrofísica da NASA analiza a divulgación dos achados cósmicos e a busca de vida intelixente

Begoña Vila: “O novo telescopio da NASA será 100 veces máis potente que o James Webb”

A astrofísica viguesa impartiu unha conferencia en Santiago para desvelar os segredos do actual observatorio espacial